Xosé Neira Vilas é homenaxeado co Premio Otero Pedrayo

Desde Cultura Galega:
“O xurado do Premio Otero Pedrayo, que convocan anualmente as catro deputacións galegas, acordaba onte outorgallo nesta edición a Xosé Neira Vilas. O galardón, que recoñece contribucións destacadas á cultura galega, valorou o autor de Memorias dun neno labrego como “unha das figuras máis representativa das letras galegas actuais, polo seu inxente labor a prol da cultura galega; por ter contribuído ó longo de toda a súa vida a difundir a cultura e tradición de Galicia e por unir a xeracións durante anos entorno á nosa historia, á nosa lingua e á identidade e características propias”.
O presidente da Real Academia Galega e membro do xurado, Xesús Alonso Montero, definiu o homenaxeado como “o candidato de todos os cidadáns da cultura galega”. Canda a el, facían parte do xurado representantes das deputacións, das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística, da Universidade de Vigo e do CSIC entre outros.”

Manuscrito orixinal de Maxina, de Marcial Valladares

Desde a Real Academia Galega:
“(…) Maxina ou a filla espuria -publicada orixinalmente por entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana, da que era colaborador literario naquela altura Manuel Murguía- está estruturada en dezasete capítulos e a súa peripecia narrativa principia coa violación dunha muller, Otilia de Sancti-Petri, da que nacerá Maxina, protagonista central do libro, quen será criada por unha parella de labregos do lugar, Inés e Catián.
A novela, unha ficción na que se mesturan elementos tirados do xénero romántico e do costumista, salienta, ademais, polo uso diglósico do castelán e o galego, que son empregados polos distintos personaxes conforme á súa clase social. (…)
Unha copia do manuscrito orixinal de Maxina ou a filla espuria pódese descargar nesta ligazón. [PDF 30Mb].”

A Coruña: presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Aurora Marco, Republicana de Honra 2014

O xoves 10 de abril, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), presentará a Aurora Marco como Republicana de Honra 2014. No acto intervirán, xunto á autora, un representante da CRMH, un representante da Real Academia Galega e o historiador Bernardo Máiz.

Nélida Piñón, académica de honra da RAG

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria da Academia celebrada o 28 de marzo, a escritora brasileira Nélida Piñón foi elixida membro de honra de Academia.
Para alén do seu recoñecemento internacional que innúmeros premios, galardóns e distincións en países Latinoamericanos así como en Galicia, España, Francia ou Portugal acreditan, esta figura das letras e da acción cívica brasileira acolle un valor singular para a Real Academia Galega non soamente pola reivindicación explícita, pública e reiterada, da súa orixe galega, senón por situar a mesma en termos contemporáneos, é dicir, como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural.
A maior abondamento, esta escritora -referencia na listaxe de finalistas á candidatura ao Nobel de Literatura- é unha intelectual que toma posición a prol da cultura e a lingua galegas, cualificando esta como “lingua de seu, soberana”. Velaí a súa participación activa en diferentes eventos e manifestacións culturais en Galicia e na promoción da versión galega de obras como A República dos Soños, unha novela que os estudosos e estudosas cualifican como a literatura con maiúsculas da nosa emigración que, ademais, é a obra máis premiada da autora, tanto pola crítica como por institucións e asociacións profesionais.”