Arquivos da etiqueta: Rochi Nóvoa Vázquez
Compostela: presentación de Instances, de Rochi Nóvoa
Susana Villamor e Cruz Martínez, gañadora e finalista do V Concurso de micro-relatos OZOCOgz
Desde Sermos Galiza:
“OZOCOgz entregou en Pazos de Arenteiro (Borobás) os premios do seu concurso literario de micro-relatos, que este ano facía a súa quinta edición. A gañadora do primeiro premio foi Susana Villamor, unha viguesa residente en Moaña (Morrazo) desde hai 26 anos e que xa sabe o que é gañar un concurso de micro-relatos: o da Lonxa Literaria de Moaña. Recibiu un diploma, un vale para a estancia dunha noite na casa de turismo rural Aldea Pazos de Arenteiro, unha camisola OZOCOgz, un lote de libros obsequio da deputación ourensá e un agasallo da asociación de diminuídos psíquicos Aaspadisi do Carballiño.
Cruz Martínez foi finalista e recibiu diploma, unha camisola OZOCOgz, lote de libros obsequio da Deputación de Ourense e agasallo da xente de Aspasidi. Nada en Armenteira (Meis) é colaboradora habitual de Sermos Galiza e Praza Pública. Gañou diferentes premios literarios, entre eles o XXII e o XXVI Certame Rosalía de Castro de poesía.
Antes da entrega de premios houbo un pequeno recital de música e poesía no que interviron Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Alexandre Cabanelas, Dani Soldevilla e Puntxa Rivers.”
Sobradelo, Xunqueira de Ambía: programa do III Tangaraño Cultural
Cuestionario Proust: Rochi Nóvoa
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rochi Nóvoa:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Perseverante.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
– As amizades sorprenden, dan e están, que máis se pode agardar?
4.– A súa principal eiva?
– A paciencia dependendo en qué, ha ha ha ha ha.
5.– A súa ocupación favorita?
– Só unha? Pintar reláxame moito, ler motívame, xogar fascíname e a música namórame.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Entendo que a felicidade absoluta non existe, pero é ideal o día vivido intensamente, os proxectos realizados e o saber que aínda quedan días para os soños e a superación.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Obvia é a perda dun ser querido, persoalmente non quixera verme impedida. Pero non ter soños e ilusión, sería o marcador de que aquí xa non fago nada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou a gusto sendo muller, gustaríame ser mellor mestra e dominar a escrita poética. Tamén me gusta fantasear, así que unha empuxa.
9.– En que país desexaría vivir?
– Xa vivo no país dos meus soños.
10.– A súa cor favorita?
– A negra, sen dúbida.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O estraloque.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Stephen King, Dickens, José Saramago, Manuel Rivas…
14.– E na poesía?
– Lord Byron, Lois Pereiro, Celso Emilio…
15.– Un libro?
– Escoller un libro resulta difícil, xa que como a música, cada un ten un momento especial e decidirse é complicado. Isto é case como dicir, a quen queres máis?
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes de ficción, os heroes son os médicos/as, enfermeiros/as, que cada día salvan vidas. Superman supoño, non coñezo moitos.
17.– Unha heroína?
– Kara Thrace ou Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– A heavy.
19.– Na pintura?
– Como me custa responder estas preguntas, citar a alguén cando temos un abano tan amplo. Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A persoa que se ergue cun sorriso, disposta a quererlle á vida fronte ás adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Roi.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Comer coa boca aberta.
23.– O que máis odia?
– Non sinto odio, só hai cousas que non me gustan e xente que non me agrada.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Varias, as que teñen que ver co sufrimento humano.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún feito militar é digno de admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A invisibilidade e as artes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Rindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Impredicible.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non hai defecto co que non poida ser indulxente.
30.– Un lema na súa vida?
– Nove de cada dez persoas melloran co trato, xa que só teñen que seguir alomenos dúas destas catro premisas para estar no círculo: peace, love, respecto e “buen rollito”.”
Eva Veiga gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Silencio percutido
“O Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de Silencio percutido, escrito por Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.
O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha “poética do silencio”, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán-Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeras -como gañador da edición anterior-. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.”
Ribadavia: presentación e recital de Muller de papel, de Rochi Nóvoa
O xoves 23 de abril, ás 20:30 horas, no Museo Etnolóxico de Ribadavia (Rúa Santiago, 10), preséntase o libro-disco Muller de papel, de Rochi Nóvoa, editado por Abooks. No acto terá lugar un recital de música e poesía. Nese mesmo día, e durante toda a xornada, haberá, no recinto do Museo, liberación de libros, “bookcrossing”.
Vigo: presentacións de Muller de papel, de Rochi Nóvoa, (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso, e nova edición do Círculo Poético Aberto
O sábado 11 de abril, ás 22:00 horas, no Café Uf Negra Sombra Blues de Vigo (Rúa do Pracer, 19), terá lugar a presentación dos libros Muller de papel, de Rochi Nóvoa, publicado por Abooks e (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso Novelhe, publicado por Círculo Edições. Despois das presentacións, haberá espazo para a poesía e a música nunha nova edición do Círculo Poético Aberto, organizado por Penúltimo Acto.
Ourense: presentación de Muller de papel, de Rochi Nóvoa
O mércores 11 de marzo, ás 20:30 horas, no Café Cultural Auriense (Praza do Correxedor, 11, baixo) de Ourense, preséntase o libro Muller de papel, de Rochi Nóvoa. No acto presentarase tamén a exposición que acompaña a obra de Chus Láuzara, e os fotógrafos Pepe Escano, José Ramón Araújo e Roberto García Sanchez. Estarán presentes tamén en directo os músicos: Dani Soldevilla, Nacho Martínez, Servando Barreiro, Castor Pérez, e Antonio Iglesias Fernández acompañando ademais ao recital.