Desde
La Voz de Galicia:
“Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) non para estes días. O xoves 17 presentou en Compostela o seu novo poemario, Sacar a bailar, e mañá [sábado 19 de novembro] fará outro tanto na súa vila natal (Pazo da Cultura de Carballo, 19:30 h.). Ademais, xa está na imprenta a súa seguinte obra, Aula sen paredes, e a próxima semana participará en dous simposios da Real Academia Galega e da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.
– La Voz de Galicia (LVG): Un título moi suxerente Sacar a bailar.
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Si, desde logo. Sacar a bailar é unha compilación de poesía e o título vén precisamente porque me din conta de que era unha especie de acto subxacente a todo o percorrido. Hai unha certa festividade poética de xeito transversal en toda a obra.
– LVG: ¿Cal é o porqué deste libro?
– RFR: Trátase de, por unha banda volver a vista atrás, aos inicios, que están moi vinculados a Carballo e a Lumieira, pero dalgún xeito tamén é unha continuación cara adiante. É como repasar a traxectoria para coller impulso cara o futuro. Remata cuns poemas inéditos que apuntan novas liñas. E o acto de sacar bailar tamén implica o tránsito da poesía escrita cara a acción, cara a poesía de carácter máis escénico.
– LVG: A escena cada vez está máis presente na súa actividade.
– RFR: Esa interrelación do poético na escena, da poesía dentro do teatro, do teatro poético, é unha evolución que veu acontecendo desde o principio, pero que agora se acentuou notablemente. Esas dúas facetas fóronse fusionando ata dar lugar a ese Sacar a bailar, por iso tamén este repaso artístico chega no momento preciso; necesitaba esa revisión en espiral, era o momento de facelo.
– LVG: ¿Busca que os lectores sintan algo concreto ou sérvelle simplemente con que sintan?
– RFR: Estou de acordo coa segunda idea. Penso que os libros, as obras, as pezas artísticas en xeral, unha vez que transcenden do persoal ao público pasan a ser máis dos receptores que do emisor. E ás veces ten unha visión moito máis obxectiva, con máis perspectiva, calquera persoa que sinta algo con ela que o autor. A min o que me gustaría sería que o lector se sentise como se o sacaran a bailar, que o poeta ao danzar coas palabras convidase ao lector ou lectora a bailar cos versos e a sentir. Simplemente sentir xa é absolutamente marabilloso.
– LVG: Onte presentou o libro en Santiago e mañá xa o traerá a Carballo.
– RFR: Claro que si, Hai que volver sempre á casa, ás orixes, como dicía Manuel María. Mañá estaremos en Carballo e ademais teremos o toque musical de ELO, ese conxunto musical que teño con Serxio Moreira. Todas as persoas que se acheguen serán benvidas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Rosalía Fernández Rial
Compostela: XVII Xornadas de Expresión Oral Tíralle da lingua, o sábado 26 de novembro
As
XVII Xornadas de Expresión Oral terán lugar o sábado 26 de novembro, no IES As Fontiñas (Rúa Estocolmo, 5), en Santiago de Compostela.
Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.
O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.
PROGRAMA
– De 09:45 a 10:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 10:00 a 12:30 h.: O Projeto regueifesta: improvisar para transformar o caminho da lingua. Séchu Sende, Manolo Maseda e Alba María.
Com a intençom de criar umha regueifa expansiva, a Regueifesta chega ao Tira-lhe da língua na procura de persoas com vontade de transformar através dum princípio de base: o processo educativo tamém deve ser um processo de participaçom direta e compartida de alunado, professorado e outros agentes. Desde a raiz da identidade própia improvisamos para ser mais livres.
– De 12:30 a 14:00 h. A lingua das árbores. Anxo Moure, O Carballo con Botas.
As árbores falan, contan historias cando o vento move as polas ou a chuvia cae nas follas. As árbores tamén teñen nome, mesmo algunha delas media ducia.O contacontos Carballo con Botas, fai unha proposta lúdico pedagóxica para achegar o mundo da escola ao falar de teixos, acivros, freixos, buxos, sobreiras… Aprender a “atrapar contos”, cociñar historias que alimentan a imaxinación, que nos dan raíces de bosque.
– De 16:00 a 18:00 h. O potencial da radio na aula, Carmen Novas, da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
As metodoloxías educomunicativas veñen revelándose eficaces non só para traballar contidos, entre eles os da formación en valores, senón tamén habilidades coma a expresión oral ou as competencias lingüísticas. Reflexionaremos sobre algunhas claves e exemplos da comunicación para o cambio social e remataremos poñendo en práctica a teoría cun miniobradoiro de cuñas radiofónicas.
– De 18:00 a 20:00 h. Aulas sen paredes: unha nova metodoloxía para o ensino e aprendizaxe de lingua, con Rosalía Fernández Rial, profesora e poeta.
Sesión teórico-práctica na que se expoñerán primeiro as coordenadas epistemolóxicas nas que nos situamos para a continuación desenvolver un obradoiro cunha dinámica concreta na que se empregará a expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para o ensino e aprendizaxe da oralidade e a expresión corporal nas áreas de linguas.
– 20:00 h. Clausura. Sigue lendo
Compostela: presentación de Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016), de Rosalía Fernández Rial
Ondarroa (Biscaia): recital poético Todos os mares, o mar / Itsaso guztiak, itsaso bera
Compostela: nova edición de LGx15, o 24 de novembro
Desde a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua:
“O vindeiro 24 de novembro terá lugar unha nova edición de LGx15. Ideas para o futuro da lingua, evento que organiza a CTNL para compilar e difundir experiencias, opinións e propostas para influír positivamente no futuro do noso idioma. Desta vez contaremos con oito presentacións que nos transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para incidir nas actitudes e na conciencia lingüística. Haberá ademais humor e música, é dicir, consistirá nun evento pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
En LGx15 intervirán Alberte Lamazares (labrego, que nos propón tratar un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, quen nos falará sobre a necesidade de defender o noso), Diana Fernández e David Díaz (responsables do blog Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que nos falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de Internet, que nos demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera millenial), Mark Wiersma (músico, quen nos levará até o ano 2050 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que nos aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais).
E haberá tamén nesta nova edición música en directo, humor e improvisación, pois contaremos coa actuación do grupo Poetarras e conducirán o acto os regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís O Caruncho.
LGx15, Ideas para o futuro da lingua terá lugar o xoves 24 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para o evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede aquí, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa, agora situada no número 46 da compostelá rúa do Hórreo). O día do evento custarán 10 € na billeteira.”
Venda especial de entradas para grupos de alumnado de ensino secundario
Como o LGx15 vai de futuro, desde a CTNL queremos facilitar a participación de rapazas e rapaces de secundaria e/ou bacharelato baixo a responsabilidade dun/dunha docente. Con este fin reservamos un número limitado de localidades para grupos de estudantes. As condicións para acceder a estas entradas son as seguintes:
-Grupos: de entre 8 e 20 estudantes, e sempre baixo a responsabilidade e acompañamento dun/dunha docente do centro.
-Cursos: 3º ou 4º de ESO ou Bacharelato.
-Prezo: 2 € / alumno/a.
-Reservas: é o/a docente responsable quen debe solicitar a asistencia dun grupo, e debe facelo enviando un correo a info@ctnl.gal cos seus datos, nome do centro e localidade, número de alumnos/as e cursos.
-Prazo de solicitude: até o 11 de novembro.
O número de entradas reducidas que podemos ofrecer para estes grupos é só de 60, polo que atenderemos as solicitudes tendo en conta a orde de chegada e mais a variedade de centros (xa que logo, poderase limitar a asistencia a un grupo por centro).
Máis información a través do enderezo electrónico info@ctnl.gal”
Santiago de Compostela: V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016)
As
V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.
Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar–
15 de outubro
*
Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.
Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.
Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.
Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.
Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.
Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.
Programa
Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
– Dolores Vilavedra
– Isaac Lourido
– Teresa Seara
Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
– Xosé Monteagudo
– Ledicia Costas
– Xosé Duncan
Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
– Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
– Antía Otero (poesía / videocreación)
– Francisco Castro (narrativa)
Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
– Camilo Franco
– Helena González
– Álex Alonso
*
Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.
Allariz: III Poemagosto. Festival da poesía
Cabana de Bergantiños: recital de Rosalía Fernández Rial no I Simposio Dolmen de Dombate
O
mércores 21 de setembro, ás 18:30 horas, no marco do I Simposio Dolmen de Dombate (Concello de Cabana de Bergantiños), Rosalía Fernández Rial fará un recital de poesía.
Na presentación de Atlántida, peza escénica creada no obradoiro Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernández Rial
Desde
a Deputación da Coruña:
“A Escola de Escritores-as da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) clausurou hoxe martes o obradoiro de creación literaria Hibridar o imaxinario, impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial cun acto en que, ademais da propia autora, participou a responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o presidente da entidade promotora, Cesáreo Sánchez Iglesias. Ademais das intervencións, no acto desenvolveuse unha proposta performática por parte de persoas que participaron no obradoiro. (…)
Goretti Sanmartín quixo, na súa intervención, destacar o esforzo realizado en iniciativas como a da AELG para contribuír a que as bibliotecas sexan “centros dinámicos” e felicitou de maneira especial o que denominou un “recitado contemporáneo, isto é, o feito de que a poesía sexa fundamentalmente un espazo coral de encontro arredor da creatividade”. (…)
Pola súa parte, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, destacou a importancia da poesía nun “tempo de sobreinformación paralizante xa que nos achega a territorios do humano, da propia capacidade de escoitar”. (…)”
Carballo: presentación de Atlántida, peza escénica creada no obradoiro Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernández Rial
O
martes 30 de agosto, ás 11:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, o alumnado participante no obradoiro creativo Hibridar o imaxinario, dirixido por Rosalía Fernańdez Rial, presenta ante o público carballés Atlántida, unha peza escénica con catro movementos -“Rosa dos ventos”, “Delirio”, “Fera liberada” e “Maroma”-.
Máis información aquí.



