Ana Cabaleiro: “A voz da muller non sempre tivo unha consideración igualitaria no mundo da literatura”

Entrevista de R. Castro a Ana Cabaleiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar a túa primeira obra, entras nas listaxes dos máis vendidos e, ademais, bendecida pola crítica. Como foi este parto de Sapos e Sereas, que ademais é o teu primeiro?
– Ana Cabaleiro (AC): Ben, realmente a min píllame un pouco desprevida todo isto porque toda a miña ambición era escribir os relatos, xuntalos nun libro e conseguir publicalos. Entón unha vez que o vexo, parecía que esa parte do soño estaba cumprida e aí está a miña función como escritora, que é algo no que longamente levo traballando e a parte toda de como é recibida polo público e pola crítica é algo que de momento non me atrevo a valorar, aínda que obviamente estou contenta e satisfeita.
– SG: Empezas a publicar agora, pero desde cando escribes? Cando comezaches a escribir?
– AC: Realmente é un pouco difícil, empecei a escribir como case todo o mundo, supoño, na adolescencia, e despois sempre hai unha viraxe entre que escribes nos ocos libres, cando queres desafogar ou cando che parece que estás algo inspirada, a cando empezas realmente a plantexalo como unha tarefa e como unha responsabilidade. Cando queres contar xa cousas conscientemente, cando queres darlle unha voz ou un determinado punto de vista ás historias ou cando empezas a reflexionar sobre cuestións estéticas, sobre cuestións de narrativa, sobre como contan as cousas ou como che gustaría que se contasen. Entón entras nesa segunda parte, cando lle queres dedicar unha parte importante do teu tempo a ese traballo, porque é un traballo, desde o meu punto de vista. No meu caso, como non tiña -digamos- un plan concreto, fun achegándome a diversos obradoiros de escrita, que hai moita xente que renega deles, pero eu confeso e digo abertamente que foi o que me cambiou totalmente a perspectiva. A chegada doutras persoas que escriben, persoas que tiven de mestres, que son escritoras e escritores recoñecidos e moi xenerosos e que nos abriron a súa maneira de pensar e de plantexar a escrita, axudoume moito a pensar en serio como quería afrontar a miña responsabilidade como escritora. Aí eu creo que llo teño que agradecer sobre todo a Francisco Castro, unha persoa que sempre me axudou e apostou por min e que ademais me axudou moitísimo a atopar a miña propia voz, porque é algo que inconscientemente temos, pero ás veces non somos quen de velo abertamente e de poder explotalo dun xeito consciente. Entón aí foi onde se produciu toda a viraxe e onde por fin podes chegar a ver ese produto, porque aínda que é un produto, porque ten un prezo e se vende, para min realmente publicar é como un soño que despois de moitos anos se converte en realidade. (…)”

Taboleiro do libro galego (febreiro e marzo 2017), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí unha nova e, neste caso, derradeira entrega do Taboleiro do libro galego. Logo dalgúns anos con este proxecto Caderno da crítica dá por concluído este ciclo. A miña gratitude para as dez librarías colaboradoras deste taboleiro -Trama, Lila, Libros para Soñar, Cronopios, Miranda, Cartabón, Biblos, Paz, Suévia e Pedreira- e mais tamén a todas aquelas que colaboraron, xenerosa e desinteresadamente, para contribuír a visibilizar o libro galego. Vaia o meu recoñecemento para elas e para todas as persoas que fostes, que sodes, seguidoras desta sección. Grazas sempre.

NARRATIVA
1º-. Ana Cabaleiro, Sapos e sereas, Galaxia.
2º-. Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, Galaxia.
3º-. Dolores Redondo, Todo isto che darei (tradución Dolores Torres), Xerais.
4º-. Manuel Esteban, A ira dos mansos, Xerais.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
7º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
8º-. Isaac Xubín, Non hai outro camiño, Xerais.
9º-. Emma Pedreira, Corazón e demais tripas, Positivas.
10º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.

POESÍA
1º-. Lupe Gómez, Camuflaxe, Chan da Pólvora.
2º-. Francisco Cortegoso, Suicidas, Chan da Pólvora.
3º-. Marta Dacosta, Na casa da avoa, Galaxia.
4º-. Fran Alonso, Terraza, Xerais.
5º-. Xosé Iglesias, A relixión do mar, IEM.
6º-. Manuel Antonio, De catro a catro (manuscrito inédito), (edición de Anxo Tarrío), Alvarellos.

ENSAIO-TEATRO
1º-. María Xesús Lama, Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), Galaxia.
2º-. Luís Bará, Non des a esquecemento, IEM.
3º-. Henrique Monteagudo, Carlos Casares un contador de historias. Vida e obra, Galaxia.
4º-. Ana Torres Jack, Máis aló do azul e do rosa, Galaxia.
5º-. Salvador Rodríguez, Historias de galegos extraordinarios, Belagua.

XUVENIL
1º-. María Solar, Os nenos da varíola, Galaxia.
2º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
3º-. Iria Misa, Xa non estou aquí, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Cans, autoedición.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Carlos Casares, A galiña azul, Galaxia.
4º-. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Versos para conversar, Galaxia

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Iago López, Macus Romero, O cociñeiro Martiño, Xerais.
2º-. Carlos Casares, Toribio e o contador de contos, Galaxia.
3º-. María Lado, Rosalía de Castro, Urco.
4º-. Xosé Ballesteros, Marco Somà, Os tres porquiños, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
1º-. VV.AA., Aire. Maria Fumaça, Galaxia.
2º-. Migallas, Canta connosco, Kalandraka.
3º-. Miguel Ángel Alonso, Luz Beloso, Mel, unha mosca agradecida, Nova Galicia.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
4º-. Alfonso Martínez, Nathan Carter e Juan Junquera, O regreso do caralludo sr. Mundo, Volta Editores.