O Consello da Cultura destaca a relevancia do Sempre en Galiza no 70 aniversario da súa edición

Desde Cultura Galega:
““Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Deste xeito, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
A dimensión cultural e política tanto de Sempre en Galiza como do seu autor, Alfonso R. Castelao, destacouse nun acto de gran valor simbólico que tivo lugar na Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Alí procedeuse á lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, interviñeron para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Canda eles, diferentes personalidades como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo, entre outros, leron diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Ademais, exhibiuse unha mostra de varias lecturas realizadas por persoeiros que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. O acto foi presentado pola xornalista María Solar, mentres que a actuación musical correu a cargo do trío InVento. (…)”

Cuestionario Proust: Héitor Picallo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Héitor Picallo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O xuízo crítico e os que loitan polos dereitos propios e colectivos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade (imparcialidade, honestidade…).
4.– A súa principal eiva?
– Non me preocupar o suficiente pola miña estabilidade económica.
5.– A súa ocupación favorita?
– Investigar en base a documentos históricos ou realizar cálculos físicos e matemáticos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o noso pobo sexa dono do seu futuro.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o idioma que me regalaron os meus pais.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame seguir sendo feliz (debuxando e escribindo). Gustaríame encontrar a luz perfecta nun cadro e a palabra xusta nun sentimento.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, ao pé do Atlántico, e de non ser neste país, en Flandres, tamén ao pé do Atlántico.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella, intensa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O alecrín do toxo, pero tamén a da xesta (branca ou amarela).
12.– O paxaro que prefire?
– O melro rieiro, ou o martiño peixeiro.
13.– A súa devoción na prosa?
Ánxel Fole (Á lus do candil) e Luís Pimentel (Sombra do aire na herba); na prosa internacional Eduardo Galeano e Gabriel García Márquez.
14.– E na poesía?
– No verso galego, Méndez Ferrín e Marica Campo; no verso internacional Arthur Rimbaud (sobre todo pola composición de Le Bateau Ivre) e René Char (autor de Les Matinaux).
15.– Un libro?
Sempre en Galiza de Castelao, no que se refire á literatura galega; na literatura internacional, Les Mots de Jean-Paul Sartre.
16.– Un heroe de ficción?
– Thor (co seu equivalente galego: o nubeiro).
17.– Unha heroína?
– Storm (tormenta).
18.– A súa música favorita?
– A música de raíz, a música popular (Faustino Santalices, Milladoiro, Treixadura, Susana Seivane,…), as músicas de vangarda de distintos países (New Age), a minimalista (Michael Nyman, Win Mertens, Philip Glass) e a clásica (Offenbach, Verdi, Beethoven).
19.– Na pintura?
– Na pintura galega, as composicións de Luís Seoane, Castelao e Corredoyra; na pintura internacional, os estudos de Leonardo da Vinci e Rembrand, así como o hiperrealismo de Omar Ortiz.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Juana Calfunau, lonko-líder dos Mapuches; e Rigoberta Menchú.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de roubar os bens comunitarios (augas, fragas, recursos naturais).
23.– O que máis odia?
– A corrupción e a opresión aos débiles.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Felipe II.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Respectar a todo o mundo e querer a todas as culturas por igual.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Escoitando a miña familia falar en galego e, xa morto, co meu cadaleito cuberto de milleiros de anaquiños de papeis con palabras escritas no idioma de noso, que me abriguen do frío das ausencias.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Son moi positivo, sempre me gusta loitar polos meus ideais con optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inconsciencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Creo no ser humano, pero non en todas as especies.”

Cuestionario Proust: Xosé María Lema Suárez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé María Lema Suárez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Disque a tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tolerancia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade, apoio verdadeiro nas ocasións en que se lles precisa.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia, quizais. E tamén a indecisión, como volver repasar un cento de veces as respostas a este cuestionario.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, viaxar…, e non agocho o meu vezo de ver non poucos partidos de fútbol televisados, ou asistir en directo ós do meu C. D. Baio, un club que non ten reparos en amosar na insignia o que para outros é símbolo do fracaso: un farol vermello.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Saúde e traballo para todos, empezando polos meus. Que a lingua galega teña garantida a supervivencia sería outro motivo que me faría feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte de calquera familiar próximo, sobre todo dun fillo ou dun neto.
8.– Que lle gustaría ser?
– De mozo quería ser futbolista. Agora cantante de orquestra (non é brincadeira).
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia coa súa lingua dona e señora da propia casa (e coas invitadas que se queiran). Polo que se está vendo, iso só será posible nunha Galicia liberada.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste entre as suaves; a vermella entre as fortes.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima, flor amarela que engalana na primavera as toxeiras e as xesteiras, alegrando o monte. Ata o nome é bonito.
12.– O paxaro que prefire?
– O pincaouro, por dicir algún (e para que se busque no dicionario, o Gran Xerais por suposto), pois eu, malia nacer na aldea, non era moi amigo de andar ós niños.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto ó completo de ningún autor ou autora, senón dalgunha das súas obras concretas (na resposta á preg. 15 cito algúns títulos).
14.– E na poesía?
– Aínda non sendo bo lector de poesía, atráenme a dos poetas do mar, en especial os do mar inquedo da Costa da Morte (cos seus tombos, rutías, cabezos, furnas, faros…), desde López Abente e Zapata a outros/as máis actuais (que cito nas derradeiras páxinas da novela Costa do Solpor, pois tomei cousas deles).
15.– Un libro?
Sempre en Galiza (Castelao) e Memorias dun neno labrego (Neira Vilas) marcáronme de mozo. Como as novelas que máis me atraen son as de ficción histórica e de aventuras: A illa do tesouro, O nome da rosa, Os piares da Terra
16.– Un heroe de ficción?
– William de Barkerville (o monxe sabuxo d’O nome da rosa), Jack Shareburg (d’Os piares da Terra) e tamén, madia leva, o meu Chavián do Vao, de Costa do Solpor.
17.– Unha heroína?
– Mariña de Lobeira, a valente moza fidalga desta mesma novela, que renuncia á gloria individual a prol da vitoria colectiva.
18.– A súa música favorita?
– Variada, empezando polos pop dos setenta. Cancións clásicas en idiomas diversos, que ás veces mesmo me atrevo a cantar cos amigos. Predilección por certos cantantes (J. Brel, Aute, Serrat, Sabina, Sinatra, Mini e Mero, Uxía, un novo valor coma Xiana Lastra…) e pola música brasileira e irlandesa (dúas baladas fermosas: Carrickfergus, The fields of Athenry), ademais da galega, claro (unha canción nosa: Quen puidera namorala). Para o canto coral, as óperas de Verdi.
19.– Na pintura?
– A impresionista e postimpresionista da Francia de finais do séc. XIX, pola súa luminosidade e vivo cromatismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os perseguidos por razón do seu pensamento, relixión, raza, lingua, sexo, orientación sexual… Tamén entran no meu Olimpo heroico os docentes que seguen dando en galego as matemáticas e outras materias científicas. E esas mociñas do Bierzo que nun video de youtube defenden Galicia e o galego. E os falantes do valego de Estremadura… Por sorte, aínda temos xente con moita autoestima, mal que lles pese a algúns.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña, Sabela, Irimia, Iria, Uxía, Antía, Andrea, Xiana, Xela, Mencía, Minia…, para mulleres; Denís, Alexandre, (H)adrián, Xoán, Xián, Breogán, Breixo, Roi, Uxío, Iago…, para homes. Na onomástica galega hai onde escoller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira, a hipocrisía (nos políticos, sobre todo).
23 – O que máis odia?
– A intolerancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A calquera ditador, e ós gobernos que en democracia utilizan a súa maioría para impoñer ditaduras veladas.
25.– Un feito militar que admire?
– As revoltas irmandiñas do séc. XV: por unha vez o asoballado pobo galego atreveuse a tomar a xustiza pola man contra os poderosos, que chamaron ós pés compañeiros.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Un poder especial para facer de verdade unha xustiza igualitaria (ou que é o mesmo: poder desfacer a INxustiza gallardoniana).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Como non nos queda outra… que sexa máis ben tarde ca cedo, e que polo menos sexa sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pesimista esperanzado. Se baixas os brazos devórante os intolerantes: para amolalos hai que resistir. Aínda que vaia de derrota en derrota, sempre agardo a vitoria final.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ira incontrolable ante a opresión, a inxustiza, a mentira, a hipocrisía… dos poderosos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non facer mal a ninguén, deixar un bo recordo na vida e poñer o meu gran de area na tarefa colectiva de que o idioma galego perviva outras mil primaveras máis. Non comprendo como hai gobernantes que se empeñan xustamente no contrario. A historia os xulgará; estou seguro.”

Santiago: presentación da versión do Sempre em Galiza en portugués

O mércores 27 de outubro, a partir das 19:30 h., preséntase na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela a primeira versión en portugués do Sempre em Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando Vásquez Corredoira, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez e Miguel R. Penas.

Santiago: actos culturais no Festigal o domingo 25 de xullo

Na Galería das Letras do Festigal 2010, que se celebrará no Campus Universitario Sul, desenvolveranse os seguintes actos culturais o domingo 25 de xullo:
Ás 15:30 h., presentación de Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega na Suíza, de Xurxo Martínez Crespo, editado pola CIG. No acto participarán Luís Manuel Calvo Salgado e o propio autor.
Ás 16:00 h., Carlos G. Figueiras presenta Quero saber onde se agacham as cores, publicado en Galiza Editora.
Ás 16:30 h., Pepe Cáccamo presenta Un home impuntual, publicado en Galaxia, acompañado por Francisco Castro.
Ás 17:00 h., Carlos Taibo presenta Parecia não pisar o chão, publicado en Avante Editora, da AGAL, acompañado por Valentim R. Fagim.
Ás 17:45 h., María Pilar García Negro presenta O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro, ensaio e feminismo, publicado en Sotelo Blanco, acompañada de Diego Pardo Amado.
Ás 18:30 h., Marilar Aleixandre presenta O coitelo en novembro, publicado en Xerais. No acto participan coa autora Manuel Bragado e Dolores Vilavedra.
Ás 19:15 h. haberá un recital de poesía con textos de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro.
Ás 20:00 h., Teresa Moure presenta A Intervención, publicado en Xerais, acompañada por Manuel Bragado. No acto proxectarase unha videointervención creada pola propia autora.
Ás 20:45h., Francisco Castro presenta O segredo de Marco Polo, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Montse Penas Presas.
E, por último, ás 21:30 h., preséntase a primeira versión en galego-portugués do Sempre en Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando V. Corredoira, Camilo Nogueira e Miguel R. Penas.