Artigo
de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A reentrada ao curso literario adoita ser tempo de promoción editorial, anuncio de bos propósitos, reactivación de ciclo após os meses de verán. Pero tamén pode servir para facer mínimo balanzo e trazar vías cara ao futuro inmediato. A esta última vontade responden as persoas consultadas ao respecto por Sermos Galiza, quen trazan un conciso estado da cuestión no inicio do outono.
“Estamos nun momento creativo de grande calidade creativa”, afirma, sen dubidar, Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), “cualitativa e cuantitativamente. Moi por riba das posibilidades estruturais, sexan estas empresariais ou institucionais”. Poeta e presidente da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega (AELG), detecta os problemas principais nas condicións de produción: o adelgazamento editorial, os baixos índices de lectura, as políticas públicas. Pero, desde unha perspectiva sistémica, esas non impiden que a escrita literaria sexa, ao seu ver, “un territorio gañado para a normalidade”.
A ollada de Sánchez Iglesias, literatura en perfecto estado de forma pero deficiencias de contexto, é dominante no sector, pero non única. A escritora Eva Moreda (A Veiga, 1981), residente en Glasgow onde é profesora de musicoloxía na universidade, disinte. Opina como crítica –publica as súas recensións no portal Biosbardia– e sobre narrativa. “Vexo unha especie de tirar para adiante que desconcerta”, di nun correo electrónico, “cada mes saen novelas, son promocionadas dentro das posibilidades de cada editora, recensionadas en catro medios con grandes loanzas raramente xustificadas desde a análise da técnica literaria, logo para o mes chega outra tanda de novelas e volve comezar o círculo”.
Moreda, autora de A Veiga é como un tempo distinto (2011), percibe ademais repertorios comúns hexemónicos: son libros “doados de ler”, con pegadas de literatura popular e “con mensaxe encadrada en certos temas candentes e coordenadas ideolóxicas en que se supón se sitúa o lector medio”. É a procura do mainstream, sintetiza, “nun panorama de precariedade empresarial”.
Esa certa homoxeinización estética tamén a nota o escritor Mario Regueira (Ferrol, 1979), ademais crítico de libros neste semanario. E enlázaa coa paisaxe editorial, ao seu ver atrapada no “bipartidismo” que marca “liñas moi determinadas” ás veces sorteábeis grazas aos premios literarios que implican publicación da obra. Refírese en concreto ás dúas editoras máis grandes, Xerais e Galaxia, que, esténdese, “teñen cousas moi boas pero tamén dinámicas que acaban por pexar o campo de xogo”. A cuestión normativa é a que lle vén á cabeza en primeiro lugar. (…)”
Arquivos da etiqueta: Sermos Galiza
Discurso de entrega e recepción da navalla de Manuel María, por Xosé Estévez
Desde
Sermos Galiza:
“Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer á tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude, pois, para Alfonso, para a Irmandade Manuel María e para a Asociación Xermolos.
Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Cha, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.
Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier DoCampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da “casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida: ”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” (o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, a quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María? (A luz ressuscitada, 1984):
“Miña pequena, querida, preciosa navalliña
de marfil, prata, corno de cervo
e moi excelente aceiro cortador,
no lombo levas estas letras.C C.,
iniciais daquela miña avoa, chamada
Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,
sombra esvaída na lembranza miña.
Tes gravada, no mango ben luído,
o sol e máis a lúa, símbolos
do mundo astral e da vida xenerosa,
que en nós latexa, corre, brinca e canta…”.
A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para unha prosaica tarefa “in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).
A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por todos os poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ao meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.
Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.
Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!! Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ao torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeciña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.
Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, Sonetos ó Val de Quiroga, e varios poemas. Son moi parcial deste.
“SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.
“Carballo de Carballido:
na Terra Cha tes nación
e levas no corazón
un puro amor trascendido!
Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
dille en galego ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!”
Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole”.
Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando foxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.
Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Guarda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.
Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia: “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.
Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle dá tempo, morre. Pero non teñades présa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ao cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.
Campa da Santa Isabel, Outeiro de Rei. Setembro de 2019″
Anxo Quintela, Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio
Desde
Sermos Galiza:
“Despois do galardón do pasado ano a Ana Romaní, con quen Quintela compartiu durante anos o Diario Cultural da Radio Galega, este é o segundo premio consecutivo na categoría. O fallo menciona xustamente ese espazo radiofónico e o programa da TVG do que Anxo Quintela foi rostro ao longo de varias tempadas, O Agro. “Contribuíu á lexitimación da cultura rural, ás veces desatendidas, como parte da cultura en sentido amplo”, sinala.
Poeta autor de Á sombra dos pavillóns (1983) e O asasino estrábico (1996), formou parte do consello de redacción da revista Grial e, entre 2003 e 2008, dirixiu o desaparecido xornal dixital Vieiros. “Conta cunha extensa traxectoria na radio e na televisión galega, participando en programas cun amplo abano de manifestacións culturais”, engade o texto difundido polo Ministerio de Cultura e Deporte.
A decisión do premio, dotado con 20.000 euros, tomouna un xurado presidido por Olvido García Valdés, directora xeral do Libro do Goberno do Estado, vicepresidido por Begoña Cerro, e do que fixeron parte Ana Romaní, a membro da Real Academia Galega Marilar Aleixandre; Félix Ibargutxi Otermin da Real Academia da Lingua Vasca; Pilar Castro, da Asociación Española de Críticos Literarios; Luís Menéndez, da Federación de Asociacións de Xornalistas de España; de María Carmen Asenjo, da Asociación de Revistas Culturais Españolas; de Miguel Ors, da Conferencia de Rectores das Universidades Españolas; Manuel Castro, da Federación de Asociacións de Radio e Televisión de España, e Yanna Gutiérrez, do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid.”
Premios no Festival do Teatro Galego do Carballiño en 2019
Desde
Sermos Galiza:
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego ‘Celso Parada’ (Fetega) do Carballiño puxo esta sexta feira o ramo á súa edición de 2019, que se celebrou na primeira semana de setembro. A entrega do seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindíbel” ao mundo das artes escénicas marcou o acto de clausura.
Non foi o único premio entregado na gala de feche do Fetega. Así, o xurado escolleu como mellor monologuista a Pepo Suevos, 4 segundos da compañía ÍO recibe o galardón a Mellor Espectáculo de Rúa, Machi Salgado a Mellor Actor e Patricia Vázquez a Mellor Actriz. Curva España, da compañía Chévere leva o premio a Mellor Espectáculo.
O Fetega do Carballiño fai tres décadas. Cinco compañías conformaron o groso da programación da edición número 30, do 2 ao 6 de setembro e que tamén incluíu monólogos, novo circo e animación de rúa. Este ano ampliou o seu nome e pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada.”
Morre Rosario Albán, impulsora do Centro de Estudos Galegos da Bahia
Desde
Sermos Galiza:
“Rosario Albán era docente xa retirada do Instituto de Letras da Universidade Federal da Bahia, no Brasil. Foi alí onde, en 1995, fundou o Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas. Tamén ela estivo detrás do congreso Língua e inmigração na América Latina, organizado en 1996. Albán morreu esta semana.
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos expresa o seu fondo pesar polo pasamento da profesora María del Rosario Suárez Albán”, di un comunicado, “queremos recoñecer a súa tarefa académica e a dinamización dos estudos culturais galegos no Brasil”. A asociación tamén lembra a homenaxe que, en 2015, lle rendeu a súa universidade. Celebraban os 40 anos da creación do primeiro Centro de Estudos Galegos na Bahia, antecesor do que a propia Albán puxo en marcha dúas décadas despois.
As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe (1998), Os galegos baianos em Salvador (1998), A inmigración galega na Bahía (1989) ou A presença do Galego na Bahia (1989).
Galega de nación, graduada en letras vernáculas e mestre en portugués pola Universidade da Bahia -da que foi docente xa desde 1974-, a Asociación Internacional de Estudos Galegos salienta ademais “a súa dedicación constante ao fomento da Galiza no Brasil a partir tanto da actividade universitaria como da colaboración con institucións da colectividade galega”. “Desexamos que todo o seu esforzo teña continuidade polo ben da cultura e da lingua de Galiza”, conclúe.”
Eliseo Fernández: “A situación de Conxo tiña que ver con cuestións que aínda hoxe vivimos”
Entrevista
a Eliseo Fernández en Sermos Galiza:
“Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do Manicomio de Conxo (Kazanegra editora-CNT) é o último libro publicado polo historiador Eliseo Fernández (Ferrol, 1967). Nel abórdase o conflito laboral dun centro que segue aberto na actualidade e que en 1933 acubillou unha protesta pouco estudada até o de agora.
– Sermos Galiza (SG): Vén de publicar Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933, un conflito abordado tanxencialmente nalgunha publicación anterior, mais non coa profundidade deste. Que teñen de atractivos estes acontecementos para vostede?
– Eliseo Fernández (EF): A miña área de interese é a historia do movemento obreiro e do anarquismo na Galiza, e foi nese sentido no que me acheguei inicialmente á historia desta folga no manicomio; o que pasa é que despois a historia que coñecín gañou en complexidade, ao relacionarse coa xestión económica do manicomio e coa triste situación das persoas doentes. En certa medida, pareceume que a situación do manicomio tiña tamén algo que ver con situacións que aínda hoxe vivimos, en que existen empresas que xestionan servizos públicos de xeito deficiente e con pésimas condicións laborais.
– SG: Á marxe de cuestións estritamente laborais, a folga respondía tamén á necesidade de enfocar doutro xeito a atención aos internos?
– EF: O obxectivo inicial da folga era resolver o problema das malas condicións laborais das traballadoras e traballadores do centro, mais a protesta contra a xestión da Igrexa e a dirección do manicomio atinxiu tamén as pésimas condicións que padecían as persoas que alí estaban internadas. Quizais non houbese unha reivindicación consciente doutro tipo de atención psiquiátrica, mais si houbo unha denuncia das condicións de internamento. (…)”
A Sega reivindica no Día das Galegas nas Letras a figura imprescindíbel de Xela Arias
Desde
Sermos Galiza:
“(…) É ben significativo que, como explica Eli Ríos, a Real Academia Galega só teña recoñecido o valor literario e cultural de catro mulleres ao longo da súa centenaria historia cando a Plataforma de Crítica Literaria A Sega xa leva seis edicións do seu Día das Galegas nas Letras. “É a constatación”, sostén, “de que a realidade vai moi por diante do que o fan as institucións”.
O 15 de agosto, no parque do Castro de Vigo, Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), é a protagonista. Cun roteiro “imaxinario (ou non)” pola súa vida, guiado por Susana Arins, e a lectura dun manifesto sobre as razóns de lle dedicar esta xornada e de celebrar, ao tempo, unha iniciativa destas características, decorreu a mañá da homenaxe, que rematou coa sesión vermú de Dúas Gamberras e un Micro e cun xantar popular no que se deron cita ducias de persoas atraídas pola personalidade e a traxectoria incomparábel da poeta, tradutora e editora luguesa.
A celebración non para aí. A actuación das Pandereteiras de Verducido, a poesía de Cristal Méndez Queizán, as regueifas de Alba María e Queco, a intervención de Silvia Penas e a música de Laura LaMontagne e Mai, así como un obradoiro de camisolas a cargo de Nuria Vil, completan unha xornada reivindicativa que pretende pór no lugar que lle corresponde non só Xela Arias, senón todas as mulleres “esquecidas polas institucións culturais do país”, sinalan desde A Sega.
Emma Pedreira destaca de Xela Arias o seu carácter transgresor e a súa achega “impagábel” aos eidos da poesía e da tradución. “Vémonos na obriga de facer o que non fan as institucións, nas que a presenza feminina é testemuñal ou, mellor dito, ridícula”. E non é unha cuestión de méritos. “Soou como candidata para o Día das Letras da RAG”, apunta, “e a nós parecíanos xenial, mais iso non ía impedir organizar este acto”. “Estamos felices”, prosegue, “de poder levalo adiante e de ver que as redes sociais están envorcadas e que moita xente, sobre todo moita xente nova, estea descubríndoa. Para nós, isto revela que a súa obra segue a ser actual e un reclamo para moitas persoas”.
“Móvennos as ganas de celebrar os nosos referentes”, sostén Eli Ríos, “tanto para as escritores de hoxe como para as que están por vir, obrigadas a construír o mundo desde a nada, invisibilizadas como estiveron e estamos en calquera eido, o cultural incluído”, manifesta. “Xela foi poeta, tradutora, editora… E viviu sempre nas marxes. É hora de cambiar moitas dinámicas, non só institucionais, senón tamén na sociedade. Xa abonda!”, láiase.
Para María Reimóndez é fundamental sacar do esquecemento e do ostracismo autoras chave na literatura galega cunha “traxectoria moito máis relevante” que outros escritores que si obtiveron tal recoñecemento institucional e cunha menor capacidade de incidir na súa e posteriores xeracións. “Debemos pór o foco na falta de apoio desas institucións e reinvindicar a urxencia de saír do silencio”, engade. Nesa liña, lamenta que ese escaso apoio teña ademais repercusión no coñecemento e difusión da obra de Xela Arias. “O seu labor no campo de tradución segue sen ser estudado malia dimensión que ten”, critica.”
“As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”
Entrevista
en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Xa está na rúa o libro Hei de entrar no meu povo. Como se xestou o traballo?
– Resposta (R): Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollese as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que “representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivesse chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.
– SG: Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
– R: Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción. (…)
– SG: Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
– R: A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político… Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura. (…)”
Asolagar de versos e de música as terras de Navia de Suarna
Artigo
en Sermos Galiza:
“Desde 1955, no máis cru da invernía franquista, unha ameaza pairou sobre Navia de Suarna, a construción dun encoro. A obra non chegou a se materializar, aínda que si se puxeron en marcha algunhas infraestruturas preliminares, con consecuencias desastrosas para concello e comarca. Máis de seis décadas despois, un contra-ataque en forma de versos e música tórnase o mellor antídoto fronte ás agresións ao patrimonio natural. O I Encoro Poético Musical na Vila de Navia tivo lugar o domingo 11 de agosto, con diversas actividades, entre elas un tributo á poeta Marica Campo.
“Unha espada de Damocles pendurada sobre as nosas cabezas máis de medio século”. Eran os 50, 60, do pasado século. O desenvolvimentismo da ditadura levaba por diante poboacións e medio ambiente natural. Galiza ficou gravemente afectada pola febre franquista dos encoros. Esa espada de Damocles, que ía atinxir catro municipios, non se acabou de cravar no corazón do Navia, entre outras cousas pola oposición veciñal. Mais “as consecuencias foron tremendas”, relatou o escritor Toño Núñez na presentación do I Encoro Poético Musical Vila de Navia de Suarna. E pormenorizounas: “Falta de investimentos e de obras, atraso nas infraestruturas e servizos, despoboamento, emigración, decadencia, parálise colectiva”.
Fronte esa agresión érguese agora unha resposta en forma de versos e de música. “Os encoros anegan terras, patrimonio, cultura, experiencia, esperanza, recordos… e este encoro poético e musical quere tamén anegar; neste caso, quere anegar estas terras de Navia de Suarna de versos e de música, de amizade e de camaradaxe”.
E ben, hoxe a ameaza xa non é tanto o encoro —en maio de 2010 o Parlamento galego rexeitou por unanimidade a súa construción ao aprobar unha iniciativa do BNG— como o despoboamento xeralizado do rural na Galiza, moito máis acusado nas terras dos Ancares. “Se todo o rural está doente, a montaña boquexa sen remedio. E Navia de Suarna, vila e concello, están na UVI”, denunciou Toño Núñez.
Este I Encoro Poético, con vocación de continuidade, é a primeira das iniciativas da recén criada asociación cultural Irmandiños Naviegos Amigos do Castelo. A cultura contra a desaparición. Ese é o desafío. “Quero aproveitar a ocasión para facer un chamamento a toda a veciñanza que teña unha faragulliña de sensibilidade cara á nosa cultura, cara ao noso patrimonio”, dixo o poeta e tamén narrador, autor de Navia, nai (2006).
A asociación ten entre os seus obxectivos “recuperar para o pobo” unha das xoias da comarca, o castelo de Navia, fortaleza construída no século XI e derruída en 1467, para logo ser reconstruída, durante a revolución irmandiña. “Pobre castelo! Habémolo permitir? Habemos permitir que o noso castelo morra de desleixo?”, perguntouse Toño Núñez, quen ve no monumento a sede ideal para “a nosa Casa do Concello”.
Xa está posto en andamento pois este encontro poético e musical “onde encoran as verbas nunha festa de irmandade” e cuxo primeiro tributo foi para Marica Campo, unha das escritoras do país que mellor ten cantado a terra da que estamos feitos.”
A caza, de Alberto Vázquez, premio Castelao de banda deseñada
Desde
Sermos Galiza:
““Mundo propio e persoal”, “debuxo expresivo que xera unidade narrativa” e “imaxes que se manteñen na retina do lector”. Con estes argumentos o xurado da 14ª edición do premio Castelao de banda deseñada decidiu distinguir A caza, do coruñés Alberto Vázquez. Ademais premiou Uxío, de Martín Romero, que inaugura a categoría infantil e xuvenil do certame.
A caza será a cuarta obra como debuxante de Vázquez, dotada, segundo o xurado, dun “grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa [técnica de pintura xurdida no século II na China, considerada ‘arte do esencial’]”. Nado en 1980, é ademais un recoñecidísimo cineasta de animación.uxío
As súas curtametraxes Birdboy (2012), Psiconautas (2015) e Decorado (2016) obtiveron cadanseu Goya da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas do Estado. Os tres filmes baseáronse en cómics realizados por el mesmo. A nota do xurado do Castelao -organizado pola Deputación da Coruña- comunica ademais que Vázquez vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación, Psiconautas, os nenos esquecidos.
Uxío, de Martín Romero (Boiro, 1981), contén “unha filosofía sobre a vida e a cotidianidade dun xeito lixeiro e poético”. A que xa é a primeira obra premiada na modalidade infantil e xuvenil inclúe “un transfondo reflexivo moi intersante para o público infantil e xuvenil”.
Romero tamén é director de cinema de animación e autor de banda deseñada con títulos como As fabulosas crónicas do rato taciturno (2011) ou A débeda (2017).
O xurado do premio Castelao de banda deseñada formárono Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro e Albert Moneys, ademais da xefa de servizo de cultura da Deputación Mercedes Fernández Albalat e o deputado da área de Cultura, Xurxo Couto.”