Silvia Penas: “As miñas propostas non van só de poesía, intento conxugalas con música e artes escénicas”

Entrevista de Laura Veiga a Silvia Penas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que facer unha nova edición e por que agora?
– Silvia Penas (SP): O poemario xa ten uns anos, porque realmente foi xestado en 2019. Eu fora a Cabo Verde cunha especie de residencia e tamén para participar no festival que se fai na illa de São Vicente. Estiven arredor de 20 días e dese encontro coa cultura e coa xente xurdiu isto. Non diría que é un poemario sobre Cabo Verde, senón que recolle certas vivencias que, estando alí, me trasladaban a outras que tiña aquí e á necesidade de reflexionar.
Por momentos, foi un poemario case epistolar, atopábame soa escribíndome unha carta a min mesma e reconfigurando o que estaba vendo aí. O caso é que cando me convidaron ao Festival Voix Vivers (Toledo) me preguntaron se tiña algún poemario bilingüe. Eu non tivera nunca esa inquedanza porque sempre escribín en galego, mais si que pensei nesa posibilidade con este libro.
Escribín a maior parte en portugués, aínda que había algúns textos e palabras polo medio en galego, polo que na miña cabeza xa soaba así e tomei a decisión de publicalo nesta lingua. Con todo, nunca quedara totalmente convencida, polo que sacar esta nova edición era unha oportunidade de publicalo tamén en galego. Para min é un pouco raro porque estamos falando de galego e portugués, mais si que moitas persoas me comentaran que, sendo a poesía máis críptica ou un xénero ao que lles custaba achegarse, utilizar outra grafía coa que non tiñan tanta relación facía que lles custase máis ler o poemario. Finalmente, propúxenlle esta idea a Branca Trigo, editora en Malafera, e a verdade que foi un traballo rodado.
– ND: De que maneira esas vivencias a trasladaban a reflexionar sobre o que vivía na Galiza?
– SP: Pois é algo que di tamén Quico Cadaval no prólogo: chegas aí e parece moi similar a Europa, mais ao rascar un pouco ves que non. Eu xa estivera en Senegal, mais por algún motivo esta viaxe tivo outro impacto. Todo iso que sempre pensamos de maneira teórica sobre o eurocentrismo e o privilexio que temos… Velo e palpalo é completamente diferente. Non sei explicalo moi ben, mais tamén é algo que me aconteceu co conflito lingüístico.
Eu estudei filoloxía e estou máis que farta de saber os motivos polos que a xeración dos meus pais lle falou ás súas crianzas en castelán. Aínda así, cando cheguei alí e vin a relación que ten o crioulo co portugués foi cando entendín perfectamente por que a miña nai me falou en castelán. Digamos que entendelo, de maneira racional, xa o entendera, mais alí foi como que vivín unha revelación tras outra. Eran cousas que xa pensara moitas veces, mais que de súpeto vía con moita máis claridade. (…)”

Luísa Villalta a través das poetas: “Cando escribía buscaba que as lectoras pensásemos o mundo”

Artigo de Ana G. Liste en Praza:
“Dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista, profesora e poeta. Os vindeiros meses permitirán unha achega profunda á figura de Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) con motivo da escolla da Real Academia Galega da celebración en 2024 do Día das Letras Galegas na súa honra. A coruñesa é a sexta muller na listaxe de figuras homenaxeadas desde que esta festividade –na que tivo moito que ver o actual homenaxeado, Francisco Fernández del Riego– comezou con Rosalía de Castro (1963). Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021) son as únicas mulleres que foron destacas nos seguintes 59 anos.
Imos mirar cara a Luísa Villalta desde as perspectivas de quen escribe poesía hoxe. Isto é un primeiro achegamento, dos outros moitos que virán nos vindeiros meses, a unha artista que vai lograr levar de volta a celebración das Letras á rúa, como xa conseguiron Lois Pereiro en 2011 e, máis recentemente, Xela Arias. Achegámonos á faceta como poeta da que xa foi ‘Señora das Letras’ o ano pasado da man de Antía Otero, Silvia Penas, Oriana Méndez, Nuria Vil, Arancha Nogueira e Antón Blanco. Miramos e escoitamos, pois este texto vai acompañado de varios poemas da autora recitados para as lectoras e lectores de Praza.gal. (…)”

Monforte: actividades do 26 de agosto na Feira do Libro 2023

Monforte: actividades do 25 de agosto na Feira do Libro 2023

A Coruña: actividades do 10 de agosto na Feira do Libro 2023

Ponteareas: actividades do 15 de xullo da Feira do Libro 2023