Desde El Correo Gallego:
“As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergameo que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado De Officiis de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume onte nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que “se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa”.
Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.”
Arquivos da etiqueta: Takekazu Asaka
Takekazu Asaka: Falar dende Xapón sobre Galicia
‘O profesor Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, visitou onte Editorial Galaxia. Con este experto en Galicia e a literatura galega mantivemos unha breve conversa na que nos informou, entre outras cousas, da publicación de dous novos volumes, en xaponés, centrados na nosa cultura e da súa autoría. Por unha banda, Tatekazu Asaka canta a Ramón Cabanillas, un texto no que estuda a obra de Cabanillas ao tempo que ofrece, en xaponés, unha escolma de dezasete poemas. Por outra banda, deixounos un exemplar de Coñecer Galicia, outro texto da súa autoría, editado tamén en xaponés, e que presenta o noso país ao público lector nipón en medio cento de capítulos. (…)’ Vía Galaxia.