Teresa Moure, nova membro numerario da Academia Galega da Língua Portuguesa

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega da Língua Portuguesa decidiu o pasado sábado no seu plenario nomear académica numeraria á escritora Teresa Moure, segundo anunciou ela mesma nas redes sociais.
Teresa Moure (Monforte, 1969) será a cuarta muller no seo da AGLP, xunto con Maria Seoane Dovigo, Concha Rousia e Isabel Rei Sanmartim. Hai -en total- 34 académicos numerarios, sendo presidente da Comisión Executiva José Martinho Montero Santalha e vicepresidente Isaac Alonso Estraviz. (…)”

A pegada de John Berger na literatura galega

Desde Sermos Galiza:
“O escritor, pintor e crítico de arte John Berger faleceu a segunda feira aos 90 anos en París. O autor inglés é un referente. Un artista polifacético que ensinou ás súas lectoras e lectores a comprender mellor a súa contorna. A reparar en todos os detalles. A observar o mundo. Berger formouse como artista plástico e converteuse nun dos teóricos da arte máis influentes. Modos de ver é o conglomerado do seu pensamento, unha das obras máis importantes da historia da arte. Antes de ser publicada como libro, foi emitida en 1972 como serie de televisión pola BBC. Aí podíase observar o propio Berger explicar a súa teoría da arte e demostrar o valor oculto de cada obra. O que aí detrás. No mesmo ano publicaba G, coa que gañou o Booker Prize.
Son moitas e moitos os autores galegos que non o esquecen. Manolo Rivas publicou esta segunda feira en El País unha emotiva homenaxe. “Lémbroo outro anoitecer en Galiza na hora de entre can e lobo, arredor dun lume, nun monte próximo ao río Mandeo de Betanzos. Ano de 1994. Escoitaba moi atento a información de que o ser vivo con máis sinónimos na lingua galego-portuguesa é a luciérnaga, empezando pola súa denominación máis popular: vagalume. Máis de cen nomes. Aquela noite, na Espenuca, os seus ollos tiñan o brillo de luciérnagas. De maneira moi discreta, debuxaba nun caderno cos tizóns máis pequenos da fogueira. Adoraba a luz, penetrábase no misterio”, escribe Rivas.
Mais non foi o único, o crítico literario Ramón Nicolás publicou en twitter este chío: “Porca terra, inesquecible, en tradución de Xoán Abeleira. Descanse en paz John Berger.” Teresa Moure dedicoulle en Facebook estas agarimosas palabras: “O escritor vivo que mais admirava partiu hoje. John Berger, um gigante. O peso da porca terra há de ser leve para quem nos deu olhos para ver. Será por isso que meu corpo decidiu ferver…”
Berger tamén foi poeta. Un grande poeta. Mais a verdade é que a poesía está presente en toda a súa obra. A descrición minuciosa e detallada. Non se limitaba a explicar, senón que entraba nos relatos para non saír nunca máis. As editoras e poetas Dores Tembrás e Antía Otero tamén o lembran no Facebook. “O ano non puido comezar peor. Morreu John Berger”, afirma Dores Tembrás. “Grazas por ensinarnos a mirar #JohnBerger”, escribe Antía Otero.
“O compromiso de Berger era escribir”, sinala Rivas. Agora, grazas a iso, sempre seguirá vivo entre as páxinas da súa extensa obra.”

Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 3 no Culturgal

Dologo-footer-culturgal2 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.

As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 3 son:
11:30 h. Entrega do primeiro premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados. Fundación Celso Emilio Ferreiro. Espazo foro.
11:30 h. Bestiario do Vestiario. Dinastía Meiji. Presentación do libro de Martiño Suárez. Co autor e o editor Carlos Meixide. Espazo libro.
11:45 h. Premio Meiga Moira 2016. Baía Edicións. Entrega do 7º Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira a Héctor Cajaraville, por Denébola a Roxa. Espazo libro.
12:15 h. No seu despregar. Apiario. Presentación da antoloxía, cos poetas Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés e Jesús Castro. Espazo libro.
12:45 h. Presentación do 18º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Concello de Pontevedra, e do libro Escaquis e Romeu, de Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano. Espazo libro.
13:15 h. Mulleres bravas. Urco Editora. Presentación da colección coas autoras María Lado e Eli Ríos, Eva Agra, ilustradora e Andrea Jamardo, coordinadora. Espazo libro.
16:30 h. Cans de Carlos Meixide. Presentación da novela. Coa participación do autor e o apoio do Festival de Cans. Espazo foro.
16:30 h. Catro Ventos Editora. Presentación da editorial con Isidro Dozo Valladares, Miguel Braña Montaña, Alicia Rodríguez Malga e María Mediero Mayán. Espazo libro.
17:00 h. Para além dos tópicos. Presentación dos libros de Através Editora. O poeta Tiago Alves Costa dialoga con Teresa Moure, autora de Bolxeviques 1917-2017, Carlos Taibo, autor de O penálti de Djúkić, Carlos Pazos Justo, autor de A imagem da Galiza em Portugal e Carlos Quiroga, sobre A imagem de Portugal na Galiza. Espazo libro
17:30 h. Concerto Cousas de papá, de Raúl Gómez Pato, publicado en Xerais, coa participación de Héctor Lorenzo, guitarra, Carlos Freire, percusión; Xaquín López Fariña, violín e Natalia Pajarito, voz (Espazo Carpa).
18:00 h. «A crítica aos ollos da escrita». Con María Lado e Mario Regueira. Asociación Galega da Crítica. Espazo libro.
18:00 h. Sinatura de Jacobo Fernández Serrano, Marcopola (Stand de Xerais).
18:15 h. Conversa con María do Cebreiro, autora de O Deserto, e Marilar Aleixandre, autora de Desescribindo. Apiario. Espazo foro.
18:30 h. Cinepoemas. Ouvirmos. Con Claudio Rodríguez Fer, autor, e Cristina Fiaño, Editora gráfica. Espazo libro.
18:45 h. O Desconhecido. Berlai. CUNDE.gal. Presentación da Banda Deseñada-CD con Xiao Berlai e co ilustrador Ernesto G. Torterolo, publicado por Axóuxere. Espazo foro.
19:00 h. Galegos universais. Influencia de Galicia no mundo. Hércules de Edicións. Con Afonso Eiré, autor e coordinador. Espazo libro.
19:00 h. Sinatura de Diego Giráldez, autor de Galería de saldos (Stand Xerais).
19:15 h. A meniña de libros, de Oliver Jeffers e Sam Winston. Patasdepeixe. Espazo infantil.
19:30 h. Conversa do xornalista César Lorenzo con Alberto Canal, autor de O amor nos escuros días de Birkenau; Manuel Gago, autor de O anxo negro; e Ramón Nicolás, autor de O espello do mundo, obras publicadas en Xerais, arredor da novela histórica (Espazo Libro).
20:15 h. Conversa con Blanca Riestra, autora de Rapsodia en negro (Premio de Novela Breve La Voz de Galicia), Miguel Sande, autor de A candidata (Premio García Barros de Novela) e Daniel Asorey, autor de Nordeste (Premio Repsol de Narrativa Breve). Galaxia. Co xornalista César Lorenzo Gil. Espazo libro.
20:30 h. Linha editorial Dr. Alveiros. Fundación Vicente Risco-Cultura que une. Espazo foro.

Teresa Moure: “Procuramos facer visible a nosa invisibilidade”

Desde 2016110413431224782Sermos Galiza (foto de Natalia Porca):
“Na quinta feira foi presentado o manifesto O Fim do Apartheid na libraría Pedreira, en Compostela. No acto interviron Teresa Moure, Suso de Toro e Verónica Martínez Delgado. Comeza Moure presentando o proxecto nun espazo acolledor en fronte dunha multitude de olladas. O manifesto nace por mor da iniciativa de Mário Herrero, quen sentiu a desigualdade que sofre a corrente reintegracionista. De aí que se plantexasen escreber unha serie de artigos e pedir sinaturas para o manifesto. “Hoxe a cifra é inmensa”, comenta Moure.
O segundo ponto do manifesto é a conciliación. Afástase do núcleo clásico do reintregracionismo para centrar o interese no día de hoxe. Na modernidade. Mais tamén é humilde. En canto a esta cuestión, afirma Moure que moitas persoas acusáronos de vitimistas. Ao que ela respondeu: “denunciamos por iso, porque somos vítimas”. Por outra banda, non é proselitista, senón que procura crear unha cultura cooperativa.
O cuarto ponto pretende apelar contra a discriminación que padecen as escritoras e escritores que escreben na forma internacional do galego. O obxectivo é rematar co Apartheid. As editoras e concursos rexeitan as obras escritas nesta forma. Iso implica que non se difunden, e sen coñecemento non hai recoñecemento.
Durante a apresentación do manifesto, interveu Suso de Toro, quen aclarou que estamos ante un asunto de xustiza. “Néganselles dereitos como cidadáns”. Verónica Martínez Delgado fala desde a experiencia. Explicou sucesos persoais nos que sente a marxinación. Neste sentido, tamén Teresa Moure engade que desde que comezou a escreber de xeito “non normativo” pecháronlle as portas moitas editoras. (…)”