Arquivos da etiqueta: Teresa Moure
Ostrácia, de Teresa Moure
Compostela: presentación de Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira
Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en O espello do mundo
Artigo
en La Voz de Galicia:
“Ramón Nicolás estivo arroupado na presentación da súa obra na Feira do Libro de Vigo polo subdirector de Xerais, Fran Alonso, a quen agradeceu «multitude de orientacións e consellos xenerosos»; a escritora Marga Romero, «hildegardiana confesa»; e o profesor de tradución e de formación medievalista, José Yuste, en quen o autor recoñeceu a inspiración para atopar «o título exacto da novela». Ramón Nicolás confesou tamén que as súas moitas lecturas como crítico foran deixando un pouso que contribuíu á escrita de O espello do mundo, xa que, como lembrou, «para escribir cómpre ler e cómpre saber ler». Deste xeito, citou algunhas achegas a este período como as de Luísa Villalta ou Darío Xohán Cabana, ademais de citar como influencias as lecturas de textos de autoras como Marilar Aleixandre, Begoña Caamaño ou especialmente Herba moura, de Teresa Moure, e a súa estrutura de patchwork literario.
Para Ramón Nicolás, esta incursión no Medievo é tamén un exercicio de memoria, cun epicentro claro, o de Ramirás: «De memoria quixen falar neste libro, da memoria dun lugar concreto, da memoria dun tempo concreto. A igrexa conservada de San Pedro de Ramirás, e os seus arredores, pedían que se contase a súa historia». O outro eixo de fascinación era Von Bingen, «símbolo do protofeminismo e mesmo da protociencia, da música, da ilustración e de tantos e tantos ámbitos do saber». O autor pechou a súa intervención precisamente cunha cita da mística xermana: «Que os afectos prendan e perseveren nas vosas vidas».”
Teresa Moure: “Non somos inimigos, non escribimos nunha lingua diferente”
Entrevista
a Teresa Moure en Sermos Galiza:
“Falamos coa escritora Teresa Moure, unha das promotoras do manifesto “O fim do Apartheid” que reclama o cese da “discriminación” do reintegracionismo dentro da cultura galega.
– Sermos Galiza (SG): Que vos levou a publicar ese manifesto?
– Teresa Moure (TM): A verdade é que a cousa sucedeu un pouco por acaso, porque nos últimos días, semanas, nos fíos de Facebook, aparecía un pouco esta idea de moitos reintegratas, en conversas diferentes, da exclusión e de como o estabamos vivindo. E así informalmente, nunha desas conversas, cinco persoas, todas reintegracionistas, decidimos facer esta intervención, publicar un texto e solicitar sinaturas.
– SG: E a partir de aí pedistes algún tipo de xuntanza coas entidades ás que apelades directamente, como as editoriais, A Mesa ou outras asociacións?
– TM: Por agora non, o único que houbo foi esta petición individual de sinaturas.
– SG: A estas alturas levades máis de 500 apoios. Tedes folla de ruta a partir de aquí?
– TM: Aínda que todo foi, insisto, bastante casual, non responde a unha actividade planificada previamente, o que imos falando nestes días, vendo a boa acollida que está tendo, vai implicar facer algún movemento, probablemente esta actividade poida ter algún tipo de continuidade coa idea de conseguir esa solidariedade desexada do resto da cultura galega. Pero non hai nada como unha folla prevista.
– SM: As reivindicacións con respecto ás editoriais son claras, queredes publicar e que poidades presentarvos a premios literarios. Que é o que lle pedides ao resto das asociacións da cultura galega?
– TM: O que pedimos é unicamente que as persoas que non se senten identificadas coa normativa que nós utilizamos e que non a van utilizar, non estamos buscando conversos que se veñan a escribir coma nós, senón que nos acepten como parte da cultura galega a todos os efectos. Loxicamente, creo que si se pode inferir do texto que eses efectos son, cando se trata de convocar un premio, permitírsenos seguir escribindo galego como nós o escribimos, cando se trate de trate dunha publicación nunha editora, que se acepte sen ter que facer modificacións gráficas. Cando fan algunha campaña algunha asociación, que tamén esteamos presentes e visibles, somos algo máis dentro da cultura galega. Non somos inimigos, non escribimos nunha lingua diferente. Na situación na que está a lingua, unha situación problemática e de acoso e de difultades de supervivencia, eu creo que este apelo en termos éticos, por iso a argumentación se fixo sobre todo en termos éticos, non en termos filolóxicos, ou en termos de competir ou de valorizar unha determinada normativa, leva unicamente a iso, a se a lingua está a morrer nós tamén somos efectivos a favor da lingua, por iso non hai ningún tipo de hostilidade contra persoas que utilicen outra normativa.”
Universo Pulp, por Armando Requeixo
Desde
Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pulp define tanto un formato de edición coma toda unha estética que retrotrae as súas orixes aos finais do XIX. Entendido como un particular soporte de impresión, o pulp nace do emprego dun tipo de polpa de madeira que produce un papel amarelento, basto e de calidade ruinzalla, co que se confeccionan volumes sen guillotinar e de custo moi reducido. Ese foi o material co que comezaron a publicarse certo tipo de historias que tiveron moito éxito nos anos 20, 30 e 40 do pasado século e que hoxe continúan chegando ao público nunha sorte de revival neopulp. (…)
Na literatura galega tamén hai interesantes exemplos desta literatura da ‘polpa’. Unha sorte de pulp pioneiro teríano sido as coleccións Céltiga e Lar, tanto dende a súa materialidade (edicións populares, de baixo custo e materiais moi modestos) coma dende a súa intencionalidade (pénsese, por exemplo, que aquí apareceu Un ollo de vidro de Castelao, modelo de narrativa de ultratumba benhumorada).
Mais, alén de mostras puntuais, o pulp xenuíno toma corpo coa aparición no 2007 de Urco Editora como selo especializado. Ao seu esforzo editorial debemos a tradución ao galego de clásicos do pulp (Lovecraft, Howard), a aparición de colectáneas que seguen o ronsel das revistas pulp estadounidenses (velaí as diversas entregas dos volumes colectivos Contos estraños, un “steam-pulp da Galiza”, como a definen os seus responsables) e tamén a publicación de narracións de autoras e autores noveis que ofrecen produtos literarios encadrables nos eidos do terror fantástico ou da ficción científica en edicións de estética pulp.
Non xa pola súa textualidade senón polo seu formato habería que contar como parentela pulp unha colección como Xerais Peto e varias outras da división Alternativas. Tamén si, a máis recente Pulp Books, selo especializado na tradución de títulos galegos ao castelán e ao catalán no que teñen aparecido ben interesantes obras en edicións autenticamente populares, con deseño, maquetación e cubertas moi na liña do universo pulp, asinadas por autores como Iolanda Zúñiga, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Xabier López, Xosé Ramón Pena, Mario Regueira, Santiago Jaureguizar, Luís Rei Núñez ou Eva Moreda, entre outros.
[Faro de Vigo, 12-5-2016]”
Coñécense os gañadores do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
Os
premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía coñecéronse durante a cerimonia celebrada durante a noite do venres 13 de maio en Arteixo. Durante o acto de entrega, que foi comandado polo profesor e escritor Henrique Rabuñal, o novo coordinador do certame, Alfredo Ferreiro, presentou o volume A garza insomne, que recolle os nove relatos finalistas das anteriores tres edicións, e sobre o que valorou “a colaboración do fotógrafo Xacobe Meléndrez, cuxa garza real destaca na portada do libro; e tamén, desde logo, o traballo esmerado e rigorosamente profesional de Galaxia, editora que nos honra colocando o noso libro na súa colección literaria principal, o que asegura a súa máxima divulgación”. O escritor Xavier Alcalá falou en representación da editorial e confirmou o interese da de Galaxia en apoiar os criadores e as criadoras do país dentro e fóra do mesmo, para o que está empeñada na actualidade na súa modernización e internacionalización, especialmente nos mercados hispanófono e lusófono.
A continuación o coordinador leu a acta do xurado, composto polos escritores Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador que asistiu como secretario, con voz e sen voto), en que se revelaba que por unanimidade debían os tres premios ás seguintes obras:
– 1º Premio, con 4.000 € e a publicación da obra, para o relato “Hai patios de luces tristes”, de Diego Giráldez.
– 2º Premio, con 500 € e a publicación da obra, para o relato “O mérito da chuva”, de Carlos Quiroga.
– 3º Premio, con 300 € e a publicación da obra para o relato “A aranha de Sidney”, de José António Lozano.
O evento contou coa actuación musical do grupo 4 jazz, que interpretou temas con letra de Manuel María así como outros do canon lírico galego, portugués e brasileiro.
A velada, que tiña comezado coa plantación dunha árbore conmemorativa do 25 aniversario do Certame, luce unha placa en que pode lerse: “Con raíces na Terra / a lingua medre / e a literatura floreza”. Como fin de festa, celebrouse un ágape na sala de exposicións do Centro Cívico.
A esta edición do certame presentáronse 72 orixinais, dos que 60 foron seleccionados para a valoración do xurado por cumpriren debidamente as bases.
A foto dos autores premiados é de Nifunifa.
Finalistas do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
“Reunido
o xurado do XXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, composto por Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
– O mérito da chuva, de Carlos Quiroga.
– Hai patios de luces tristes, de Diego Giráldez.
– A aranha de Sidney, de José António Lozano.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia de entrega, que se celebrará o próximo venres 13 de maio, ás 19:30 h., no Centro Cívico do Concello de Arteixo, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o volume A garza insomne, consistente nunha edición dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, a actuación musical do grupo 4 jazz, a plantación dunha árbore conmemorativa do 25º aniversario e un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá ademais unha lembranza musical e literaria da figura de Manuel María, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para tal fin contarase durante toda a semana no recibidor do CCC cunhas láminas sobre a súa vida que remitiu a Xunta de Galicia e que foron completadas con outras elaboradas no Concello nas que se mostra a súa relación con Arteixo dende o ano 1996. O día 13 tamén estarán a disposición do público asistente algúns dos libros do autor da Terra Cha.”
Pontevedra: I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, os 28 e 29 de xuño
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o sábado 23 e domingo 24
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolverán un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 h. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico. Tamén na súa calidade de presidente sumarase á iniciativa da Fundación Manuel María Manuel María na túa voz, lendo o día 23 de abril poemas do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no Festival Internacional de Poesía organizado pola FILBA ás 18:00 h.
Pola súa banda, Ledicia Costas, vogal da AELG, participará o domingo 24 ás 16:00 horas no encontro “Pontes literarias sobre o Atlántico”.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o sábado 23 de abril:
– 17:00 h. Encontro con Domingo Villar. Presentación da súa obra, acompañado por Claudia Piñeiro. No Stand.
– 18:00 h. Festival Internacional de Poesía. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, que lerá textos de Manuel María. Recinto feiral.
– 19:00 h. Presentación de Escarlatina. A cociñeira defunta, coa presenza da autora, Ledicia Costas, publicado en Xerais. Stand.
– 20:00 h. Presentación e proxección de Dúas letras, de Fina Casalderrey, publicado por Galaxia. No Stand. Participa, xunto á autora, Víctor F. Freixanes.
– 20:00 h. Compostela Colateral: Ostrácia, lectura performática da obra de Teresa Moure, publicada por Através. Centro Cultural Matienzo (auditorio).
Domingo 24 de abril:
– 12:00 h. Inauguración da exposición Blanco Amor. La mirada y el deseo. Usina del Arte.
– 16:00 h. Pontes literarias sobre o Atlántico, con Ledicia Costas. Organizado pola Sociedad de Escritores y Escritoras de Argentina. Sala Faustino Sarmiento (Pavillón branco).
– 17:00 h. Presentación da tradución ao castelán de Uma Mãe Tão Punk, de Teresa Moure, publicada por Hoja de Lata. Stand.
– 18:00 h. Festiva Internacional de Poesía. Con Yolanda Castaño e Luís González Tosar. Recinto feiral.
– 18:00 h. Presentación de Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, publicado en Xerais. Stand.
– 19:00 h. II Recital A poesía ao servizo da paz: pola paz de Latinoamérica. Con Yolanda Castaño, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Antonio Requeni, xunto aos cantautores César Isella, Enrique Llopis e Lorena Lores. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina. Teatro Bambalinas.
– 20:00 h. Presentación de A que altura está o ceo?, de Jorge Mira, publicado en Alvarellos. Xunto ao autor, participan Alberto Rojo e Henrique Alvarellos. Stand.



