Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

Teresa Moure: Liberar a palabra

Entrevista a Teresa Moure en El País (Galicia):
“(…) O ensaio co que acaba de gañar o premio Ramón Piñeiro, Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, recolle o testemuño daquel outro título. Repensa a linguaxe, desta volta, da man da teoría queer para propoñer estratexias transformadoras non só dos xeitos de dicir, senón da sociedade. Porque non abonda, advirte, con repetir acriticamente o xesto ritual do “todos e todas”. Trátase de adestrar a nosa razón contra o sexismo lingüístico a todos os niveis. “Observaba certa complacencia, na política ou nos medios de comunicación por exemplo. Parece que con utilizar -os e -as xa está todo feito, sen que exista máis vontade transformadora de xénero”, explica. “O feminismo pensou xa moito sobre isto. Se as mulleres non se senten denominadas polo masculino xenérico, por que temos que cumprir as normas que nos ditan as institucións académicas?”. (…)
Moure percorre no seu libro, a historia da literatura galega desde unha óptica queer. “Non importa como é o corpo da persoa que escribe, nin cal é a súa orientación sexual. O que importa é se a obra cuestiona a heteronormatividade, se vai máis alá dela”, sostén. Así, no sentido do cuestionamento da sexualidade canónica, cita non só obras da literatura dos 80 ou dos 90. Nin só A esmorga, ou Rosalía de Castro segundo a interpretación de Francisco Rodríguez. Lembra, por exemplo, O maroutallo de Otero Pedrayo, para ela unha “reivindicación do desexo feminino alén das convencións”. (…)”

Entrevista con Teresa Moure

Entrevista con Teresa Moure na web da editorial Galaxia:
“- Galaxia (G): É a segunda vez que gañas este premio. Dende o primeiro galardón a hoxe, a voz de Teresa Moure cobrou unha forza notable dentro do sistema literario galego e tamén como ensaísta. Como valoras estes anos entre un e outro premio no que á túa traxectoria se refire?, hai unha liña de continuidade entre a autora de A palabra das fillas de Eva e a actual?
– Teresa Moure (TM): Non resulta doado para alguén que escribe valorar a súa produción. Escribir é expresarse dalgunha maneira e quizais o obxectivo de achegar ideas ao debate xeral da cultura e lograr que sexan comprendidas é algo que non se dá feito sinxelamente. Quero dicir con isto que non vexo a literatura como un espazo para obter prestixio, ou para definir traxectorias. E canto á continuidade, si, para min todos os textos que levo publicados son parte do mesmo macrotexto. Véxoos profundamente interconectados.
– G: Tense comentado que o teu ensaio vai xerar polémica por esa aproximación á literatura galega desde a teoría Queer que o xurado comentou que hai no libro. Cal é a túa impresión sobre isto?, cres que vai darse esa polémica?, e por que?
– TM: Si, xa se están a dar polémicas a partir de certas críticas rápidas. Creo que debemos pór moito coidado á hora de transmitirmos as ideas dun ensaio como este á prensa porque poden xerarse malentendidos. O meu ensaio ocúpase fundamentalmente de cuestións lingüísticas. Nos últimos anos o masculino xenérico (tipo “todos os galegos”) foi reemprazado nalgúns contornos sociais, tampouco en todos, por formas alternativas que incluísen o feminino (”todos os galegos e todas as galegas”) porque sentimos como necesario visibilizar as mulleres. Con todo, creo que corremos o risco de que estes esforzos lingüísticos sexan malinterpretados. As persoas máis novas tenden a avalialos como politicamente correctos e no ensaio inténtase esculcar sobre a capacidade transformadora da linguaxe. Por iso arguméntase en favor do uso de formas como galeg@s, galeg*s ou galegXs, aínda pouco instaladas entre o sector máis normativo e, especialmente, en favor de formas como “o pobo galego”, “as persoas da ciencia” ou “accionariado”, “cidadanía” ou “alumnado”. Desta maneira evitamos o binarismo (non todos os seres humanos son decididamente homes ou mulleres) e cuestionamos unha educación que nos predispón a pecharnos en cápsulas.
Dentro desta reivindicación de superarmos os xéneros, de transcendelos, traballo na teoría queer, un modelo moi vivificante chegado da filosofía e que entronca con traballos que fixen noutros momentos: eu doutoreime cunha tese sobre filosofías non-discretas, ou sexa sobre a defensa de modelos alternativos ao “ou branco ou negro”, defensores dunha gama de grises. Neste sentido, só dentro dun debate moito máis xeral, abordo a cuestión da literatura galega como literatura queer. Mais eu non estou argumentando sobre a orientación sexual das autorías ou dos personaxes. A literatura galega é queer porque é a literatura dunha nación sen estado, feita sobre unha lingua minusvalorada e, neste sentido, é un produto subversivo, desafiante e incómodo. (…)”.

Entrevista a Teresa Moure en La Opinión

Entrevista a Teresa Moure en La Opinión:
“A escritora Teresa Moure é a gañadora do premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011 coa súa obra Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións. Como era de esperar, tras coñecer a noticia a autora amosouse moi compracida polo galardón, e apuntou que a alegría de recibilo era dobre: “O ensaio é o xenero literario en galego que necesita máis voz, e que se defendan ideas nesta fórmula indica o nivel de madurez da nosa narrativa, por iso este premio val moito para min, por ser conseguido grazas a un ensaio”. (…)
Ademais, na obra, segundo explicou Moure (Mondoñedo, 1969), arguméntase sobre esas fórmulas utilizadas a miúdo nos actos públicos como “boas tardes a todos e a todas”, coas que “se menciona ás mulleres por cumprir, sen un afán transformador, sen pretender que a situación actual cambie”. A lingüista considera que, “a pesar da necesidade de nomear ás mulleres, que foron invisiblizadas históricamente, esa fórmula e moitas outras son insatisfactorias”, porque son un mero compromiso. “Eses que din boas tardes a todos e a todas, despois falan en masculino; no libro aporto algunhas alternativas para mellorar este aspecto, porque nestes momentos o feminismo non está limitado ás mulleres e a min gústame máis falar de xénero, como categoría que atravesa a todas as persoas”, dixo a autora, que aposta por fórmulas como a arroba e o asterisco, para englobar tanto a mulleres como a homes cunha soa palabra. “A literatura galega é tamén queer, non é nin boi nin vaca, senón que trascende todas esas divisións”, sinalou Teresa Moure, que lembrou que o subtítulo do ensaio –Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións– fai referencia a ese rechazo das etiquetas e das categorías, “que eliminan a liberdade”. (…)
Moure, profesora na facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, valora positivamente o Premio Ramón Piñeiro polo seu uso do galego “nun momento no que a nosa lingua está sendo machacada desde a Administración e o Goberno”. “Moitas persoas estamos mobilizándonos na súa defensa e formamos a plataforma Queremos Galego; este galardón serve para demostrar que o ensaio en galego segue existindo e hai persoas que queren lelo”, apuntou a autora de Herba moura, que considera o premio “un recoñecemento a todo un colectivo que está loitando polo galego”.”

Teresa Moure gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011 con Queer-emos un mundo novo

Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións é o título da obra coa que Teresa Moure acaba de levar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. A escritora impúxose no certame, dotado con 6.000 euros, entre 12 orixinais, e fai un achegamento á lingua e á literatura galega desde a teoría queer. Na súa obra, Moure critica a construción das categorías home/muller e cuestiona mesmo os empregos inclusivos do xénero da linguaxe, que considera baleiran de contido o potencial transformador do feminismo. Galaxia editará o volume ao longo do vindeiro ano.” Vía Cultura Galega.
Vía Galaxia: “O ensaio de Teresa Moure, que presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamiento de xénero, “vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa como a do propio feminismo”.  O ensaio de Moure foi premiado por maioría por un xurado formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, director literario de Galaxia. O xurado destacou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas.”
Recollido tamén en Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El Progreso e El País.

Santiago: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez

O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela A poutada do Oso, de Lois Diéguez, publicado en Laiovento. O acto iniciarase coa proxección do DVD De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Francisco Pillado, Felipe-Senén López e Teresa Moure. Entre as 19:00 e as 20:00 horas Lois Diéguez estará á disposición do público na propia libraría para a sinatura de libros, acompañado de Felipe-Senén, quen fará aos asistentes fermosos debuxos.

Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.

Santiago: actividades literarias do domingo 24 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o domingo 24 de xullo:

16:30 h. Presentación do libro O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila e Iván Valladares, publicado en Urco Editora. Falam Fernando Cimadevila e Tomás González Ahola.
17:15 h. Presentación do libro Poemas no faiado. Antologia de Poesia lusófona para crianças, de varios autores. Falan Gemma Fernández e José Antom Serém (coordenadores do livro).
17:45 h. Presentación do libro Cartas do Cárcere de Antonio Gramsci, publicado en Estaleiro.
18:30 h. Presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. Acompañan ao autor Dalila Dopazo, Anxo Louzao, Carlos Outeiro e Manuel Bragado.
19:15 h. Presentación do libro Ecolingúística, entre a Ciencia e a Ética, de Teresa Moure, publicado na editora UDC. Intervirán: Teresa Moure e Marga do Val.
21:30 h. Presentación da Biblioteca H. P. Lovecraft (colección de libros, dos que haberá 3 editados), publicados en Urco Editora. Falarám Tomás González Ahola e Denís Fernández Cabrera.

Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

“Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”