


Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”
O 15 de xullo pola tarde comeza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 horas -só o 16-, e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Xoves, quinta feira, 15
– 18:00 h. Beatriz Cabaleiro asina Clover, unha porquiña diferente, publicado por Aira.
– 19:00 h. Raquel Castro asina Dormente, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Acto de inauguración. Pregón a cargo de Pablo Prado.
– 21:00 h. Pablo Pardo e Miguel Rojo presentan Nerea, o príncipe da sorte, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Anabel Antela Castro asina A lingua galega no sector téxtil, publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Venres, sexta feira, 16
– 18:00 h. Xosé Antonio Perozo presenta O libro das avoas, ilustrado por María Lires, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Nee Barros asina Identidade, publicado por Galaxia.
– 21:00 h. Santiago Lopo asina A carteira, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Teresa Ríos asina Non estamos preparados para medrar, publicado por Urutau.