“Se cadra somos todas a mesma”, por Lara Rozados

Artigo de Lara Rozados na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Mais nesta Confusión de María Balteira é ela quen ten voz propia, quen conta a súa propia historia. A obra foi unha encarga de Achádego Teatro, grupo amador de Lugo. Moi representada desde a súa estrea no Valadouro e seleccionada para o Festival Agustín Magán, organizado pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), parte do conto que lle dá título ao volume de relatos Confusión e morte de María Balteira, que xa fora obxecto de lectura dramatizada por Afonso Becerra. Mais neste texto dramático non atopamos unha simple transposición dun xénero ao outro, senón que esa “confesión” do relato segue o seu fío até virar “nobelo ou madeixa de varias cores”, segundo di atinadamente García Negro (p. 30), e adquirir unha nova dimensión poliédrica onde comparece a sociedade patriarcal e católica encarnada no crego bradante que a examina dos sete pecados capitais e dos dez mandamentos, ao que ela retruca con lucidez, no primeiro acto, “Confesión”. Comparecen tamén os seus amantes e detractores, aqueles que a trobaron desde o escarnio, e aos que contesta autodefiníndose. Ela reclama a súa autoría, unha autoría feminina contestataria, deconstruíndo a autoría tradicional masculina, entendida como “autoridade” (Macedo e Amaral, 2005: 7-8). (…)
Nesta marabilla dramatúrxica de Marica Campo achéganos á María Balteira que fala por si mesma. Posterior a esta peza teatral, con todo, cómpre resaltar moito o referencial traballo de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, Tres mulleres de armas tomar, sobre María Balteira, María Castaña e María Soliña, trens mulleres esquecidas / deostadas pola HIStoria. Campo ponnos diante dun espello escénico que desafía as normas que nomearon e articularon o mundo para o privilexio masculino: o único camiño é a sororidade. Século XIII / século XXI, cantigas de escarnho e maldizer / sentenza, as redes sociais e os medios arredor do caso da Manada… “Se cadra somos todas a mesma”, dille a monxa “sorrindo enigmática” ao peregrino (p. 88), antes de que unha voz en off recite “Eva”, de Rosalía de Castro, traducido por Marica Campo. Un peche redondo para un texto dramático (e un espectáculo) redondos.”

Comeza a preinscrición para o Mestrado Literatura, Cultura e Diversidade 2018, a impartir na Universidade da Coruña

mlcd_galegoO Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade da Universidade da Coruña escribo para informarte de que xa está aberto o prazo de preinscrición: primeiro prazo do 24 de xuño ao 3 de xullo e segundo prazo do 16 ao 31 de agosto (información sobre procedemento e prazos de matrícula en: https://www.udc.es/gl/filo/mestrados/MLCD/2018_2019/MLCD_Calendario_matricula/index.html).
Trátase dun mestrado oficial, verificado pola ANECA, e que se imparte en modalidade semipresencial (as sesións desenvólvense en horario de tarde dous días á semana, xoves e venres).
Podes ampliar a información sobre o MLCD no díptico que enviamos en anexo, así como na páxina web do mesmo: http://www.udc.es/filo/mestrados/MLCD/.

Compostela: A Lei do libro 2006 a debate, o 19 de abril

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

PROGRAMA

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo, Universidade da Coruña

Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo
Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas, AELG
Pilar Rodríguez, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición aquí.
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

A Coruña: recital con motivo da presentación de Migrant Shores: Irish, Moroccan and Galician Poetry

O sábado 2 de setembro, a partir das 10:30 h., no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Coruña, no seo do Congreso Internacional Efacis Conference “Translocation Pathways in Irish Studies, organizado pola Universidade da Coruña, terá lugar un recital coa participación de Chus Pato, Marilar Aleixandre, Baldo Ramos, Keith Payne, Su Garrido Pombo e Manuela Palacios-González, con motivo da presentación de Migrant Shores: Irish, Moroccan and Galician Poetry.

A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra

Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”