Arquivos da etiqueta: Vanesa Santiago
Contos Estraños aposta na literatura fantástica galega cunha nova colección
Desde Nós Diario:
“Contos Estraños vén de lanzar un micromecenado a través da plataforma Verkami para poder sacar adiante “A miña primeira novela de…”, unha ambiciosa colección de novelas ilustradas de xénero fantástico e de aventuras dirixidas ao público infantil e xuvenil. Conversamos con Alba Rozas, unha das impulsoras deste proxecto que aposta no fantástico da literatura galega.
– Nós Diario (ND): Como nace a colección “A miña primeira novela de…”?
– Alba Rozas (AR): Após unha reunión con Tomás González Ahola, coordinador de Contos Estraños, e Fernando Cimadevila, que é o director da colección a canda min, decidimos dar un salto cualitativo no proxecto e avanzar na procura de novas e novos lectores de fantasía e ciencia ficción. Así xorde “A miña primeira novela de…”. Trátase dunha colección coa que procuramos explotar os clixés de cada xénero. Cada un dos títulos conta con ilustracións de Iago Torres París e compleméntase cunha serie de fichas didácticas e interactivas con información relativa á temática tratada. Pola súa traxectoria literaria, botamos man de autoras da canteira, que lles chamo “xeración Estraña”. As dúas primeiras, que sairán finalizado o micromecenado, son Pegadas de búfalo, de Tomás Rivera, e As probas do mago, de Vanesa Santiago. As dúas seguintes serán A caída de Guiomar, que asino eu, e Visitantes da estrela vermella de Tomás G. Ahola. A de maxia atopará moitas reminiscencias da cultura galega, mais dunha forma reelaborada, pois actualizamos e reformulamos os mitos ao noso gusto. Na miña novela, por exemplo, parto do Dicionario dos seres míticos galegos –Antonio Reigosa é un dos autores que máis sigo-. A idea é moi ambiciosa, queremos que as narrativas vaian acompañadas de unidades didácticas para as crianzas e as mediadoras, que estean moi coidadas. Queremos achegar a nosa propia imaxinación e pór un pouco ao nivel da literatura fantástica europea para crear novas sinerxías e vínculos.
– ND: Que opina sobre a literatura fantástica galega?
– AR: Ademais de escritora de fantasía son investigadora de fantasía. Na Galiza, á marxe destas editoras especializadas en fantasía, como foi Urco na súa primeira etapa, o xénero foi pouco explorado e por iso quizais tamén sexa tan necesaria esta colección. Desde o meu punto de vista, a literatura fantástica foi interpretada como literatura de evasión, mais iso non é certo. Se lemos e profundizamos en Tolkien, por exemplo, non hai evasión, hai crítica, reivindicación, análise social… por enriba da mesa unha serie de valores. Son moi poucas as obras deste xénero na literatura galega e algunhas están subxugadas ao politicamente correcto, porque moitas dependen de premios. Na literatura fantástica hai máis crítica social da que se pensa e o que se pretende facer é trasladar esta imaxe. Na Galiza contamos con narrativas que realmente non chegaron ao público como deberían.
– ND: Como xorde o Verkami?
– AR: O Verkami (no que se pode colaborar aquí) xorde como posibilidade de consolidar unha base de subscritores da colección para poder financialas e mantela en vigor. Somos unha asociación cultural sen ánimo de lucro, feito con traballo voluntario. Mais agora quedamos sen ese feedback, co paro da pandemia. Dada a boa acollida do primeiro día do Verkami, temos esperanza. Contos Estraños é un selo editorial que nace de Urco Editora, da que se desvincula posteriormente. O proxecto ten tres liñas editoriais fixas: a publicación dunha revista periódica, que vai polo número 14, infantil e xuvenil para promover a lectura en galego de xénero fantástico e de aventuras, e outra de fantasía adulta, como poden ser O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío, ou Manual de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Aloha. Vivimos nun momento social que explica por que triunfa o fantástico, por que Marvel é un éxito, por exemplo, en pantalla. E é que hoxe por hoxe necesitamos superheroes. Nese sentido o xénero de aventuras e fantasía que ofrecemos achega iso. Necesitamos fantasía, ficción e superheroes, mais non necesariamente só como novelas de evasión. Por exemplo, a novela de Tomás G. Ahola é unha crítica ao sistema político que tende a instaurarse despois das crises e as pandemias, que é o fascismo.”
Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018
Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”
Vigo: entrega do Premio Illa Nova 2018
Tabela dos libros (setembro 2017)
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Viveiro: actividades destacadas do sábado 12 e domingo 13 na Feira do Libro
O sábado 12 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 12 só en horario de tarde):
Sábado 12
– 19:30 h. Pregón a cargo de Vanesa Santiago.
Domingo 13
– 12:30 h. Cantigas e historias musicadas, con Servando Barreiro.
– 19:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da Libraría Gato Neghro.
– 20:00 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. No acto estará acompañada por Miguel Sande.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do luns 7
O luns 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:00 h. Presentación do monográfico Aprendendo con videoxogos da Revista Galega de Educación. Participan Silvia López e Jesús Rodríguez.
– 13:00 h. Presentación de A invención dun deus. Xesús de Nazaret I. De predicador a Mesías, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento. Participan no acto, xunto ao autor, Carlos Ramos e Xavier Alcalá.
– 18:00 h. María Xosé Lamas asina exemplares de Sonetos preposicionais, publicado por Alvarellos.
– 18:30 h. Presentación de No seu despregar, publicado por Apiario. Acompañando á editora Dores Tembrás estarán *s poetas Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial e Celia Parra. Terá lugar unha conversa e o recitado de poemas.
– 19:45 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, publicada por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Ángel de la Cruz e Carlos Lema.
– 20:15 h. Sinatura de Vanesa Santiago, autora de A vida sinxela de Marcelo Firmamento, na caseta da Editorial Galaxia.
– 21:15 h. Presentación da revista Olga. Participan Lidia López Teixeiro, Rafa Yáñez, Manuel Pereira Valcárcel e Vicente Araguas.