Sarria: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o libro Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicada en Espiral Maior, obra gañadora do XI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Sarria e a A. C. Ergueitos, participan, xunto ao autor, Xiana Arias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Pérez e María Casar.

Cangas: recital poético dentro do II Festival de Cultura Proletaria

O sábado 25 de xuño, a partir das 18:00 horas, no Centro Social “A Tiradoura” do barrio de Reboredo (Cangas do Morrazo), e dentro do II Festival de Cultura Proletaria organizado pola CUT, terá lugar un recital poético coa participación de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Chus Pato e Xiana Arias.

Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá

O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.

83 orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Pechado o prazo de recepción de orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño recibíronse 83 poemarios. O xuri está formado por Baldo Ramos, Chus Pato e Xiana Arias, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias, e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar, os dous con voz e sen voto. O ditame do xuri darase a coñecer o 26 de marzo nun acto aberto ao público no Salón de Actos do Concello de Sarria no que se procederá a abrir a plica da obra gañadora.

Santiago: presentación de To the Winds Our Sails e recital de poetas de Galicia e Irlanda

O venres 1 de outubro de 2010 ás 19:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, preséntase o libro To the Winds Our Sails, antoloxía de poetas  galegas feita por autoras irlandesas, editado por Mary O’Donnell e Manuela Palacios en Salmon Books. No acto desenvolverase un recital de poesía presentado por Olivia Rodríguez, no que participarán: Luz Pozo Garza, Mary O’Donnell, Ana Romaní, Maurice Harmon, Chus Pato, Lorna Shaughnessy, Marilar Aleixandre, Xiana Arias, Luz Pichel, María Lado e María do Cebreiro. Colaboran a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), o Ministerio de Educación e Ciencia (Proxecto Us and Them (FFI2009-08475/FILO)) e o Grupo de investigación Discourse and Identity (GI 1924).

Lugo: nova entrega da “revista oral” O pazo das musas 19

Mañá xoves 24 de setembro de 2009 ás 20 horas, no Museo Provincial de Lugo celébrase unha nova edición da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, nº 19, cos seguintes contidos: Activismo cultural, a cargo da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde; Exposición virtual: Un bosque nas miñas lembranzas, por Laura Pernás; Poesía, por Xiana Arias Rego; Xoias do Museo: Xoias tradicionais do MPL, por Mª del Rosario Fernández, e Música, a cargo de Celina da Piedade. A entrada é de balde. Máis información na web do museo.

Fanny + Alexander volven poñer música aos novos poetas galegos

alfaiasOs composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI.

Continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adaptacións de textos de autores galegos da súa xeración (Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán), e contan ademais coa colaboración das voces de Carlos Valcárcel de Projecto Mourente en Artefacto Burbur, Martin Wu de The Homens en Toda esa enerxia escura, Alex Charlón de Ataque Escampe en Vigo ou Berlin e o hammond de Banin de Los Planetas en Tardes de domingo.

Descargar disco completo: arquivo zip 84 MB.

Compostela: presentación do libro de María do Cebreiro Cuarto de outono

O día 8 de outubro, ás 20:00 Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro de María do Cebreiro Cuarto de outono (Sotelo Blanco, colección de poesía Edoy Leliadoura). Alén da autora do libro, intervirán no acto Xiana Arias, poeta, e Fernando Cabo, crítico literario.