Arquivos da etiqueta: Xosé Daniel Costas Currás
María Salinas García gaña o I Certame de relato curto en Igualdade Lonxa Literaria – Concello de Moaña
Xosé Daniel Costas Currás le un texto de Ricardo Carvalho Calero
Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Xosé Daniel Costas Currás, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
A Deputación de Pontevedra pon en valor o galego como “identidade do país” na conmemoración do Día das Letras Galegas 2020
Desde a Deputación de Pontevedra:
“A área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra conmemora este ano as Letras Galegas baixo o lema “A nosa lingua é a nosa identidade”, poñendo en valor o galego como “parte de toda a nosa vida, do ser de Galicia como país”. Durante toda esta semana a institución provincial, por iniciativa da área da deputada María Ortega, desenvolverá unha campaña promocional realizada en colaboración coa Asociaciación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que consistirá na difusión de 24 vídeos de autores e autoras da provincia lendo fragmentos de diferentes obras de Carvalho Calero que elas e eles mesmos escolleron.
Ortega destaca que a Deputación decidiu levar adiante a campaña a pesar de que os actos oficiais e presenciais das Letras Galegas 2020 non terán lugar o 17 de maio, senón que se adiarán ata outubro debido á crise sanitaria da COVID-19. A nacionalista explica que a Deputación traballa pola defensa e a posta en valor do idioma propio ao longo de todo o ano con accións continuadas e colaboracións con entidades, polo que afirma que manterá esa liña e as axudas a concellos e entidades, actividades e outras iniciativas, ademais de programar eventos nas datas máis sinaladas do calendario. “O Día das Letras non só é un día no ano, para nós son os 365 días“, remarcou.
Ortega salientou a importancia de que as institucións sexan activas desde todos os ámbitos para promocionar e poñer en valor o galego como “parte de toda a nosa vida e do ser de Galicia como país”. Destacou o reto de facer chegar o galego a persoas novas e neofalantes para que utilicen en todos os eidos da súa vida, tanto para a promoción da cultura propia coma no ensino, a ciencia, a economía ou o ámbito sanitario, tan en boga estes días.
Homenaxe a Carvalho Calero
A campaña que lanza a Deputación supón unha homenaxe a Carvalho Calero posta en boca de compañeiras e compañeiros do seu propio gremio. As redes sociais e a páxina web da Deputación difundirán ata o vindeiro domingo 17 de maio 24 vídeos nos que escritoras e escritores da provincia de Pontevedra lerán pequenos fragmentos de obras de todo tipo do creador ferrolán.
As e os autores participantes serán Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lorenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, Xurxo Esquío, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sanches Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego Abad. A deputada María Ortega agradeceulles a todas e todos eles a súa colaboración na iniciativa e o seu traballo a prol da lingua.”
Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
Hai inscrición previa, de balde, ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Farase no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando o nome da persoa ou persoas participantes e un número de teléfono de contacto. Reservarase un máximo de 4 prazas por persoa.
Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.
– Bueu. 6 de outubro. Lucía Novas. Paseo Literario Johan Carballeira. Partida: Bueu. Peirao da Praia de Pescadoira. Esgotadas xa as prazas.
Xa tiveron lugar:
– Moaña. 25 de agosto, Xosé Daniel Costas: Moaña, as traballadoras do mar. Partida: Moaña. Porto de Pasaxes. Estación Marítima.
– Vilagarcía. 1 de setembro. Marcos Calveiro: O xardineiro dos ingleses. Partida: Cemiterio dos ingleses.
– Cuntis. 8 de setembro. Marcos Seixo: Roberto Blanco Torres. Hotel da Virxe (Rúa do Balneario, 1).
– Vigo. 15 de setembro. Ledicia Costas. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Partida: Fortaleza do Castro. Esgotadas xa as prazas.
– Ribadumia, Meis e Barro. 22 de setembro. Susana Sánchez Arins. seique, quando os passeios eram morte. Partida: Ponte Arnelas.
– Tui. 29 de setembro. Marga do Val. Tui na literatura. Partida: Sobredo.
Xosé Daniel Costas Currás: “As mulleres foron fundamentais na construción de Moaña”
Entrevista a Xosé Daniel Costas Currás en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): De que vai falar durante o roteiro que guiará por Moaña?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): O roteiro percorrerá Moaña dende o Porto de Pasaxe ata o Concello. Imos ir facendo diferentes paradas centrándonos no mar e na memoria das mulleres, que tanto transformaron o mar e tanto o traballaron: no laboral, no ecolóxico e no xeito de vivir. Ao longo do percorrido irei lendo poemas adicados a mulleres redeiras, mariñeiras a mulleres que venden na praza, mariscadoras, ecoloxistas. Tamén iremos facendo diferentes paradas: no Mercado de Abastos, no mercadiño que se celebra todos os sábados, onda as mulleres que venden produtos do campo,… queremos interactuar coas mulleres de Moaña. Tamén imos parar en puntos que eu considerei que teñen trascendencia, como a estatua dos mariñeiros ou unha rúa do centro, onde lerei un poema adicado a Cándida Lago.
– DP: Vai empregar unicamente poemas seus ou de máis autores?
– XDCC: Eu tíveno fácil, porque collín todos os meus poemas, teño moita produción de textos vinculados co mar e vinculados con mulleres, e coloqueinos nos lugares de Moaña máis acaídos. O meu primeiro libro chámase Conservas e con el acadei o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel falo das conservas e da memoria, tanto miña coma da miña nai e das mulleres que me ensinaron a edificar a miña vida. Hai tamén moita temática das conserveiras da zona de Meira, e aproveitaremos o espazo de Moaña para ver Meira e explicar máis alá do centro da vila outros elementos que son importantes na vida moañesa.
– DP: Vai falar da muller traballadora en xeral ou tamén dalgún personaxe feminino destacado?
– XDCC: Falaremos globalmente da muller como traballadora, pero tamén queremos achegar o próximo. Falarei de mulleres anónimas, pero explicando quen son, que axudaron a construír Moaña. Tamén emprego personaxes que tiveron importancia na vila, que teñen rúas adicadas, que tiveron un traballo ecolóxico ou cultural importante. E tamén falaremos de memoria histórica, a través de persoas que estiveron toda a vida vinculadas ao mar pero que, por diferentes motivos, sufriron o exilio forzado na época da Guerra Civil.
– DP: Moaña non sería o mesmo sen as súas mulleres.
– XDCC: Non. A miña primeira frase en Conservas, está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller. As mulleres son parte fundamental na construción social, marítima e económica de Moaña, porque levan toda a vida traballando na conserva, no marisqueo…, e conseguiron grandes reivindicacións laborais. Son capaces de que o Estado lles recoñeza o seu traballo e poder vivir con pensións dignas. Marisqueiras, redeiras… todas fixeron un gran traballo no pasado e tamén no momento actual, pois hoxe por hoxe está a Asociación de Mulleres de Moaña, que traballa fortísimamente. Temos moi presente como no pasado as mulleres axudaron a construír Moaña. (…)”
Moaña: crónica fotográfica do Roteiro Literario con Xosé Daniel Costas Currás
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Moaña, as traballadoras do mar, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2018, que dirixiu Xosé Daniel Costas Currás o sábado 25 de agosto. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Gondomar: presentación de As cinzas de Pasolini, de Xosé Manuel Millán Otero
(Na presentación, o autor estará acompañado polo poeta Xosé Daniel Costas Currás e a escritora Marta Dacosta, da Xunta Directiva do IEM.)