Xosé de Cea gaña o V Premio de poesía Eduardo Pondal

“Reunido o xurado o 16 de maio, tras ter debatido sobre as obras finalistas do V Premio de poesía Eduardo Pondal, acordou por unanimidade conceder o premio ao libro titulado Dende a miña barricada de sofás e canapés, presentado baixo o lema “Janus Valuska”.
Aberta a plica resultou corresponder a Xosé de Cea. Nacido en Barcelona, estudou Ciencias da Información e traballou como xornalista para La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública ou Página Abierta.”

A Coruña: presentación de En terra rara, de Xosé de Cea

O 24 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Xosé de Cea presenta a súa novela En terra rara, publicada por Medulia. Na presentación participarán tamén Laura Rey Pasandín, Pedro Panduriño (autor da ilustración da portada) e Xulio López Valcárcel (director de Medulia Editorial). As persoas interesadas deben inscribirse aquí.

Valentín Alvite gaña o premio Raíña Lupa de literatura infantil

Desde Sermos Galiza:
“”Unha novela de misterio presidida polo humor” vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil concedido pola Deputación da Coruña. Titúlase Antía e Daren e os pequenos detectives e é obra de Valentín Alvite (Vimianzo, 1959).
O xurado salientou, ademais do misterio e o humor, “a orixinalidade da historia, que saes das liñas habituais da literatura infantil máis recente”. Retranca, léxico coidado e prosa moi áxil son outras características da peza de Alvite, quen antes publicou Don Nuno e outros relatos humorísticos (2003) e Relatos para sorrir (2017).
Ademais da obra gañadora, o xurado, do que fixeron parte a crítica Montse Pena, o debuxante Xosé Cobas, e as escritoras An Alfaya, Antonio Manuel Fraga e Xosé de Cea, decidiu declarar finalista A noite da deusa, de María López Sández (Lugo, 1973), quen “elabora unha xeneaoloxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo”. López Sández publicou antes o ensaio Paisaxe e nación (2008) e as novelas A forma das nubes (2012) e O faro escuro (2015).
O premio Raíña Lupa, que convocou a súa edición número 12, está dotado con 6.500 euros.”