Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Xosé María Díaz Castro con A traxedia da arquitectura

Desde El Progreso:
“O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso.
O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.
O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán-Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o “excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage”.
“O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas”, salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a “excelente calidade dun número importante” dos orixinais presentados, o que evidencia “o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio”.
Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba o venres 22 de febreiro no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.
O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 7 de agosto

O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Encontro Os poetas e os seus libros. Participan: Xosé Luís Mosquera Camba, Míriam Ferradáns e Carlos Lixó. Modera: Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:00 h. Ana María Fernández asina Ring, ring!…quen rima?, na caseta de Hércules Edicións.
19:30 h. Eva Veiga asina na caseta de Lume.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Mercedes Queixas, María Canosa e Fran Alonso.
20:00 h. Pedro Casteleiro na Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Avante todas. O papel do feminismo despois do 8M (Revista Luzes). Con Manuel Rivas, Goretti Sanmartín, Ana Luísa Bouza e Claudia Morán.
21:15 h. Presentación de Galicia en bus de María Reimóndez, publicado por Xerais. A autora estará acompañada de Manuel Rivas, Eli Ríos, Emma Pedreira e Fran Alonso.

Xabier Cid gaña o XXI Certame de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.
O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.
O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Xosé Luís Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral

Desde Sermos Galiza:
“O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra Das árbores tropicais e do amor, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario Nadja c’est moi.
O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios. O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga.”

Betanzos: presentación de Reo, de Xesús Fraga

OXesús Fraga mércores 15 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Casa Castillo (Rúa Roldán, 2) de Betanzos, preséntase Reo, de Xesús Fraga, publicado en Galaxia. Falarán Francisco Castro, Xosé Luís Mosquera e o autor, e haberá unha demostración de graffiti en directo cos escritores da crew betanceira Camborios Art. Colaboran Editorial Galaxia e a Libraría Biblos.

Ferrol: presentación de Currículum oculto, de Arturo L. Regueiro

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), terá lugar a presentación-concerto de Currículum oculto, poemario máis CD musical, de Arturo L. Regueiro. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Mosquera Camba e os músicos de Caliza Cajún: Luís Cuntín (voz), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo) e Víctor Sánchez (clarinete).