Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participarán Luís Manuel García Mañá, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype, Fran Alonso e o autor. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.

Camilo Nogueira: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”

“Montse Dopico publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha reportaxe sobre o libro Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira.
Combater a ideoloxía de “España como nación única” e restaurar o lugar na historia da Galicia medieval foi o obxectivo de Camilo Nogueira ao publicar, no 2001, o seu libro A memoria da nación. O reino de Gallaecia. O político nacionalista afonda nesas mesmas cuestións nas súas dúas últimas obras, A rota do sol (Laiovento) e Para unha crítica do españolismo (Xerais). Explicouno nunha recente presentación en Santiago deste último ensaio: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”. E este é, ademais, ao seu ver, un dos alicerces principais da lexitimación política da concepción da “nación única” española. Calquera debate sobre a renovación da estrutura territorial do Estado español está condicionado pola idea de España que, de fondo, cada quen asuma. Nas diferentes interpretacións historiográficas sitúase, así, un dos fundamentos da controversia. “Para unha boa parte da opinión pública española, e sobre todo para o nacionalismo conservador español, España é un produto dunha historia común dende polo menos os Reis Católicos, senón desde antes (a Hispania romana, os visigodos). Aí seguen vixentes moitos dos mitos historicistas do nacionalismo español do XIX”, explica o historiador e profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.” A reportaxe pódese descargar aquí.” Desde Xerais.

Xornada Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega

“O Consello da Cultura Galega organiza unha iniciativa para conmemorar o centenario do poeta de Celanova. Trátase dunha xornada arredor da emigración galega e a figura de Celso Emilio quen pasou sete anos da súa vida en Caracas e experimentou vivencias que foron relevantes tanto na súa vida como na súa obra. A xornada celebrarase o vindeiro 24 de maio en Compostela baixo a coordinación do profesor  Xosé Manuel Núñez Seixas. Premendo nesta ligazón accédese á información sobre a xornada e participantes.” Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.