Yolanda Castaño: “Nunca se leu moito máis do que agora”

Entrevista a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que escritores destacaría das Terras de Lemos?
– Yolanda Castaño (YC): Sobre todo como poetas subliñaría a Antón Lopo e Alicia Fernández. Antón é un dos autores en activo de maior talento e ademais é un inquedo editor e promotor cultural, agora coa editorial Chan da Pólvora e mesmo cun proxecto bastante novidoso e sorprendente entre mans como é unha colección adicada a autores da Ribeira Sacra. En canto a Alicia Fernández é unha das voces máis renovadoras da poesía galega. É un xenio precoz da poesía, con moi poucos anos xa demostrara ter un talento inusual e unha voz moi persoal. Actualmente está moi implicada na renovación das letras en Galicia a través de diversos proxectos.
– LVG: Recentemente participou nunha homenaxe a Lois Pereiro, o poeta monfortino por excelencia. Atopa algún punto común entre a obra de Pereiro e a súa?
– YC: Eu tiven a inmensa sorte de poder escoitar un dos últimos recitais de Lois Pereiro cando era moi noviña e quedei moi impactada. En parte polo moza que era pero, sobre todo, por aquela forza poética. Creo que Lois simbolizou toda a forza da Terra de Lemos e espallouna por Europa a través das súas viaxes e a súa visión moderna e cosmopolita.
– LVG: Cal é, a seu xuízo, o nivel da actividade literaria e cultural de Lemos?
– YC: Véxoa como unha gran canteira poética e literaria. No meu pregón menciono a moitos escritores para dar conta do enormemente fértil que é esta terra a nivel literario. Poderiamos nomear a Lois Patiño, Xosé Manuel Eyré, Lois Diéguez, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Sandoval, Germán Vázquez, Manuel Veiga… a lista é imparable. Así mesmo, hoxe en día hai iniciativas como a última colección de Antón Lopo que amosan que Lemos non claudica. Incluso nas miñas visitas ao IES A Pinguela puiden comprobar que entre os máis novos de Monforte tamén hai unha incesante actividade cultural, científica e tecnolóxica.
– LVG: Vostede que traballa a miúdo con mozos. Cal percibe que é a súa actitude cara á literatura?
– YC: É un tópico e un prexuízo pensar que pasan da escrita e tampouco se leu nunca moito máis do que se está a ler agora. En canto a poesía, nunca foi un xénero de masas e non ten por que selo. Con todo, haina que ver nun sentido amplo, é dicir, hai poesía nas letras de cancións, en certos tuits, na boa publicidade, no rap e en moitos máis lugares dos que pensamos. Os rapaces e rapazas si que seguen a consumir poesía ao seu xeito. (…)”

“¿Cara a onde vai a literatura galega?”

Desde Euseino.org:
“O pasado día 16 de febreiro, o xornalista e novelista Manuel Veiga publicaba un artigo titulado “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” no que chama a atención sobre que “A desaparición do público, xa de por si historicamente escaso por razóns coñecidas, creo que ten que ver coa infantilización progresiva do estilo e dos argumentos.”, ademais de reclamar “autores de verdade, dos que arriscan a cambio de pouco”. Nese senso, desde euseino.org hai tempo que vimos promovendo un debate arredor da urxencia dunha concepción nova da estética literaria, da necesidade dun pensamento que se dedique á crítica da estética literaria dominante e á proposta de concepcións diferentes.
Nun artigo anterior, falamos do “Esmorecemento da ambición literaria”, a ese artigo contestou o escritor e crítico literario Xosé Manuel Eyré con “Dialogando”. De seguido, puxemos ese debate baixo o rubro de “A polémica sobre a ambición literaria”. En efecto, consideramos preferible escribir da ambición literaria en troques de facer o que se adoita denominar “profecías autocumpridas”, ou anuncios de algo supostamente non realizado cos que se pretende xustificar unha posición xa tomada de antemán mais que neles se constata como futurible, dando argumentos así para que o anunciado na profecía acabe por parecer patente e inamovible. Desde euseino.org intentamos evitar ese tipo de posicións autoconfirmadas; pola contra, estamos a favor do pensamento especulativo, da necesidade dunha filosofía que pense a realidade e interveña nela mais non para confirmar o que se pretende facer pasar por inevitable. (…)
Nesa mesma liña, parécenos interesante publicar hoxe un texto inédito, escrito por Carlos Lema e lido nunha mesa redonda que se celebrou en Vigo o 8 de outubro de 2008 co título “¿Cara a onde vai a literatura galega?”, mesa na que tamén interviron Antón Figueroa, Rexina Vega e Suso de Toro. Reproducimos o texto sen ningunha modificación. Case dez anos despois, gran parte desta reflexión segue a ser pertinente; aínda máis, pensamos que ha servir para situar o debate no seu ámbito propio e cunha finalidade non espuria: a de pensar unha estética literaria libre de condicionantes heterónomos, sen a mistificación ameazadora da mercantilización e a didascalia. Unha literatura como obxecto retórico autónomo, non unha literatura como produto mercantil, ou medio para a dominación. Unha literatura como crítica da produción de subxectividade e como superación da correlación suxeito-mundo, correlación coa que se xustifica o relativismo e, ao cabo, todo o nihilismo actual, tamén o nihilismo literario. (…)

“O punto de partida é, daquela, 1983 ou, para sintetizar, a década de 1980. Outra cousa é trazar o percorrido da literatura galega neses vintecinco anos e, cousa aínda máis difícil, albiscar a onde nos leva ese percorrido. O título que nos reúne, máis ca preguntar a onde vai a literatura galega, coido que nos pregunta a onde a queremos levar; ou, noutras palabras, como nos gustaría que fose a nosa literatura. O título, coma todo título, é un acicate, un estímulo, e de ningún outro xeito —penso eu— o debemos entender.
Considerémola como a consideremos, como literatura nacional, como unha literatura que actualmente vive unha idade de ouro ou —ao dicir dalgúns— como unha literatura de segunda ou mesmo de terceira categoría, a existencia da literatura galega é incontrovertible.
Gustaríame salientar, polo tanto, catro circunstancias que ao meu ver marcan estes vintecinco anos da súa historia:
1ª) A institucionalización do discurso literario galego.
2ª) A apertura do campo literario galego como consecuencia da cooficialidade do noso idioma.
3ª) Un aumento importante da súa difusión debida a asunción de valores heterónomos de mercado.
4ª) A influencia excesiva no campo literario galego das súas relacións cos campos literarios veciños, nomeadamente co campo español. (…)”

Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”

Ramón Nicolás: “Precisamos defender e preservar a lingua galega, que é a ferramenta do traballo creativo de moitas persoas”

Entrevista Ramón Nicolása Ramón Nicolás en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Dirixes a páxina web Caderno da crítica, ¿como xorde este proxecto de promoción da literatura galega na rede e cal é a súa función?
– Ramón Nicolás (RN): O meu obxectivo foi aproveitar as potencialidades da rede para difundir, neste medio, o traballo crítico ou divulgativo que levaba a cabo xa desde tempo atrás noutras plataformas analóxicas. A súa intención sempre foi, pois, divulgativa co propósito de abrir unha nova ventá, pois naquela altura xa existía algunha como a do crítico Xosé Manuel Eyré, para visibilizar o traballo de voces contemporáneas da literatura galega. Aos poucos foron aparecendo outras “seccións” como as centradas nos manuscritos, algunha entrevista ou a dos chamados “Cuestionarios Proust” que cumpren idéntica función. O “Caderno” dalgún xeito, supón unha parte relevante da miña propia identidade dixital polo que tamén acolle, por veces, outro tipo de comentarios, crónicas ou información sobre cuestións que me atinxen máis persoalmente. (…)
– L: Mesturas [O espello do mundo] o mundo actual coa documentación histórica. É sempre o pasado unha boa fonte para explicar o presente?
– RN: A novela presenta varios planos temporais pero xorde dunha igrexa románica, o único resto dun cenobio feminino do século XII rodeado, na actualidade, dun xeriátrico construído cunha inspiración arquitectónica moderna. Aí xa hai, de seu, un contraste brutal, unha metáfora con moitas lecturas que quixen encher de contidos. E o primeiro deles era o intento de deseñar a vida cotiá, naquel preciso lugar e naquel tempo, e que se proxectase na actualidade. Loxicamente, botar a ollada atrás non é o único recurso posible para explicar ou reexplicar o presente pero para o que eu quería comunicar resultaba necesario e, de feito, a recuperación da memoria é un dos eixes polos que camiñei conscientemente nestas páxinas. (…)
– L: Tras 25 anos exercendo a crítica literaria é inevitable que vises moitos dos cambios que experimentou a literatura, pero quizais o máis salientable son as formas de opinión, ¿como ves o panorama das críticas en blogs ou nos tradicionais suplementos culturais?
– RN: Nos formatos tradicionais ou analóxicos non advirto demasiadas mudanzas. Xa daquela existían escasas plataformas para visibilizar a nosa literatura e estas seguen sendo escasas, co engadido de que o espazo destinado aos formatos de crítica ou opinión literaria foi, gradualmente, diminuíndo, cando menos falo da miña propia experiencia. En canto aos medios dixitais non existe tal limitación e posúe a vantaxe do “feed back” co internauta, cada vez menos intenso por outra parte, mais a lectura nestes medios esixe, tamén, contención e limitación pois as lecturas que se practican neste formato son case sempre rápidas, máis próximas á verticalidade que á horizontalidade lectora. (…)”

Manuel Portas dedica a súa quinta novela a un trobador do medievo chamado Lourenço

ArtigoManuel Portas en Tempo de lecer Ourense:
“(…) Na súa intervención, Xosé Manuel Eyré, por facer una comparativa cos traballos anteriores de Manuel Portas, citou Faneca Brava, “polo feito de que tenta e busca a necesidade de lembrar, de ter memoria e de progresar”. Resaltou que Lourenço, xograr “trata unha época pouco abordada na literatura galega e que consegue mititficar uns séculos da nosa historia. Ademais, auguroulle unha importante repercusión, sobre todo no ámbito educativo, onde segundo o propio Eyré poderá ser lido como libro de cabeceira dunha época.
A lectura de Lourenço, Xograr divídese en dous libros. No libro un céntrase na figura de Lourenço, un humilde axudante dun ferreiro que busca progresar. E un segundo libro no que son protagonistas diferentes personaxes. Ademais, cada un deles céntrase nunha viaxe: O primeiro a Compostela e o segundo a Toledo.
E con estas pinceladas para situar o libro, Manuel Portas tomou a palabra para comenzar recoñecendo que “desfrutei escribindo este libro”. Un libro que escribiu movido, por unha banda, pola motivación persoal que xurdiu froito dun estudo de cando estudaba Filoloxía e que fixo que chegase ata a figura de Lourenço, “un xograr do que pouco se sabe pero cunha grande virtude. E un inconformista, é con máis mérito tendo en conta de que falamos da época medieval e dos estamentos onde era moi difícil que un axudante de ferreiro chegase a trobador, o trobador máis famoso da literatura galego portuguesa”.
Da figura de Lourenço “sabemos moito polas numerosas cantigas nas que aparece. Acompañaba a un nobre vido a menos, Xoán García, e era, sen dúbida un bo poeta. Esto sábemolo porque todos querían ‘penzoar’ (regueifar) con el, co cal, algo de bo había de ter…”, comenta Manuel Portas. E todo elo nunha época na que a guerra “é literatura en si mesma, sen necesidade de inventar nada, con asaltos a castelos, batallas, cruces de historias…” (…)”

Cuestionario Proust: Xosé Manuel Eyré

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Manuel Eyré:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ilusión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade a bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión a ánimo.
4.– A súa principal eiva?
– É moi doado ilusionarme para emprender proxectos novos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler/escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que exista a felicidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non nomeala, non vaia ser…
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– De non ser na Galiza, no Brasil ou Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– Paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Síntoo, tería que falar de devocións, non son quen de privilexiar unha soa.
14.– E na poesía?
– O mesmo que na anterior.
15.– Un libro?
– Tampouco podo dicir un título só.
16.– Un heroe de ficción?
– Superman.
17.– Unha heroína?
– A muller que, día a día, loita polos seus dereitos.
18.– A súa música favorita?
– Son moi aberto tamén nos gustos musicais. O que non aturo é a música comercial.
19.– Na pintura?
– Picasso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hainos?
21.– O seu nome favorito?
– Isabel.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de hixiene.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A simpatía.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sempre atopo algunha ilusión que tire de min.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza.
30.– Un lema na súa vida?
– Dime que les e direiche quen/como es.”

Ourense: presentación de Faneca Brava, de Manuel Portas

O venres 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase Faneca Brava, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Eyré e Fran Alonso.