Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero

DesdeXosé Ricardo Losada Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentamos o venres 17 de xullo na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Xosé Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».
Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»
Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica que encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poético e familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»”

Ribeira: actividade destacada na Feira do Libro o venres 17

O venres 17 de xullo Feira do Libro de Ribeiracontinúa a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., co seguinte acto literario destacado para este día:

20:30 h. Presentación de Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo, de Xosé Ricardo Losada, publicado en Xerais. No acto acompañan ao autor Manuel Cartea e Manuel Bragado.

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

Boiro: presentación de Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias

O venres 27 de abril, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Centro Social (Rúa Principal, s/n) de Boiro, preséntase o libro Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias, publicado en Galaxia, e o número 74 do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, xunto ao autor, Xesús Laíño, Xosé Ricardo Losada e Helena Teixeira. A continuación do acto terá lugar o concerto David Lojo Quartet, na Estación Leñaverde.

Boiro: presentación de Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato

O venres 30 de setembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Boiro (Rúa Principal, 65), terá lugar a presentación do libro Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato Martínez, publicado en Alvarellos. No mesmo acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Alvarellos Editora, a Galería Sargadelos do Barbanza e o Concello de Boiro presentarase tamén un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, ademais do autor, participan Xosé Ricardo Losada, Henrique Alvarellos, Jesús Lojo Alcalde, Alberto Piñeiro e Helena Teixeira Barcala.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 24 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Ler (Rúa Paz, 8) da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora, a librería e a Asociación Cultural Barbantia, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, Fidel Vidal, Xosé Ricardo Losada e Xesús Laíño.

Rianxo: presentación de Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares, de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim

O venres 29 de outubro, ás 20:30 h., no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Rianxo e Dos Acordes Ediciones presentan Ayes de mi país. O cancioneiro de Marcial Valladares, de José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim. No acto participan os coordinadores, así como o editor, Javier Jurado; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; e mais a concelleira de cultura de Rianxo, Mari Carme Figueira.