Reunido o xurado o pasado 18 de abril por vía telemática, a organización do Certame Manuel Murguía anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 14 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Álex Mene Pazos (terceiro gañador da 29ª edición), Beatriz Maceda Abeleira (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Inma Otero Varela (crítica representante da Asociación Galega da Crítica) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (neste caso por orde alfabética de título):
– A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”
– As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”
– Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”
De todos os relatos recibidos, 70 foron admitidos a concurso por cumpriren as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 2000 € para o segundo e 1000 € para o terceiro. Aumentan, por tanto, o segundo premio en 500 € e o terceiro en 400 €.
A organización agradece de novo as colaboracións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica para a constitución do xurado, o que non deixa de consolidar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Previamente inaugurase o Paseo das Letras, unha homenaxe a todos/as as persoas gañadoras destes 30 anos de galardón mediante a súa propia placa conmemorativa; tamén será plantada unha árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario. Por outra parte, aquelas que acudan ao evento poderán desfrutar dunha escultura de Dores Polo e Benito Freire situada perante a fachada do Centro Cívico Cultural de Arteixo, que foi instalada o pasado 13 de novembro de 2020 co gallo do 30 aniversario do Certame de narracións breves Manuel Murguía.
Arquivos da etiqueta: Xurxo Souto
A Coruña: presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias, o 13 de maio
A Coruña: Jazzliza: a nosa voz de sempre nas nosas voces de hoxe
Ferrol: actos destacados do 23 de abril na Feira do Libro 2021
O 23 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Inauguración oficial. Pregón a cargo de Henrique Dacosta.
– 17:00 h. Luís G. Soto e Tareixa Roca asinan Carvalho sempre. Alustres de vida e obra, publicada por Espiral Maior.
– 18:00 h. Paula Merlán asina A troglodita, publicado por Triqueta Verde.
– 20:00 h. Xurxo Souto asina exemplares de O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais, e Pangalaica, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Pilar García Negro asina Rectificar a historia. Escritos sobre Ricardo Carvalho Calero, publicado por Laiovento.
Xurxo Souto: “Na cidade-barco da Coruña vivimos o ‘punkismo’ máxico”
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Coinciden nas librarías dúas publicacións de Xurxo Souto: a reedición 20 anos despois de O retorno dos homes mariños e Pangalaica, recortes poderosos. Un universo propio que fai país entre o real e o imaxinario: homes mariños, artistas que cruzan mares, e historias en que os mitos se confunden coa realidade. A entrevista pode verse aquí.”
Xurxo Souto: “Na Coruña non hai título nobiliario maior que ter unha avoa cigarreira”
Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Máis de vinte anos pasaron xa desde a publicación da novela [O retorno dos homes mariños], por que a reeditan agora?
– Xurxo Souto (XS): Para min é un soño e unha celebración de vinte anos de literatura. Teño esa sensación tan alucinante de que, no seu momento, contei o que quería contar. Quería contar o mar. Eu nacín nesta cidade barco e ninguén me falaba do mar. Eu son da rúa da Torre, en Monte Alto. Cada noite vía como entraban pola casa os catro golpes de luz da Torre de Hércules e escoitaba o mar. Na Coruña, cando para o ruído dos seres humanos e dos coches, escóitase o mar. Na Coruña di Orzán, Orzán, en Vigo, Berbés, Berbés. É un problema de educación e é un desacougo da miña xeración. Nacemos nesta cidade, aínda que os nosos pais viñeron da aldea. Somos radicalmente coruñeses e ninguén nos falaba do mar, estando aí.
– LO: E cando o descobre e decide facer esta novela e falar del?
– XS: Encontreime, xa grandiño, cun texto de Jerónimo del Hoyo, cóengo da catedral de Santiago, que no século XVII falaba cos mariñeiros da Pescadería que lle contaban que había uns seres míticos coruñeses, únicos, os homes mariños. Como podía ser que eu non soubese iso? Eu pensei que sería porque non sabiamos nada do mar e por iso escribín este libro, con toda a humildade, falando do reencontro da miña xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, pero tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén nos fala e se mete nas nosas vidas en forma de petroleiros. A Coruña é unha cidade marabillosa, é tamén unha cidade punky. Eu teño un recordo sendo rapaz de ver a choiva negra, era o Urkiola, despois, vimos arder o mar, co Mar Egeo. Pensabamos que non podiamos ver nada máis extraordinario e vimos unha montaña de merda sobre o mar, o vertedoiro de Bens.
– LO: E anos despois de que se editase o libro, chegou o Prestige, non sabiamos o que nos esperaba…
– XS: Si, o mar está aí chamándonos, pero sempre vemos a parte negativa. A Coruña cambiou radicalmente nestes vinte anos. Unha persoa que leve vinte anos sen vir á Coruña non a recoñece. Xa non temos Caixa de Aforros, non temos Banco Pastor, non temos Fenosa… O orgullo das nosas nais era que os seus fillos traballasen aí. Fomos para atrás, pero o que non cambiou foi o mar. Seguiron chegando petroleiros e, cada dous días, hai algunha ameaza dun barco que ten problemas. O que si cambiou é que esa ignorancia absoluta que tiña eu xa non está. Noto, na xente nova, un desexo de saber cousas do mar. Xa saben o nome das pedras da Torre, aparecen libros marabillosos como Orixe orzánica das sereas todas, ou os poemas de Xosé Iglesias. Mesmo se creou un colectivo político chamado Marea Atlántica. E temos problemas de hoxe, como que se pretendan converter nun negocio inmobiliario os terreos portuarios, que teñen que ser a grande oportunidade de futuro da Coruña como cidade atlántica. Eses problemas veñen de aí, de que hai vinte anos non sabiamos nada do mar. Daquela aceptouse que se fixesen edificios para pagar o porto exterior, nuns terreos que teñen que ser de todos. A día de hoxe sería imposible, temos outra conciencia, avanzamos moito neste sentido porque a cidade vai coñecendo a súa identidade, sabe que naceu do mar e que ten que ter no mar o seu futuro. (…)”
Carballo: presentación de Pangalaica. Recortes poderosos, de Xurxo Souto
Vigo: presentación de O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto
A Coruña: presentación de O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto, en Portas Ártabras
O 15 de abril, ás 20:00 horas, na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga 22), na Coruña, terá lugar a presentación do libro O retorno dos Homes Mariños de Xurxo Souto, publicado por Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Felipe Senén. É preciso reservar praza chamando ao teléfono 630 930 298