A quinta feira 14 de xaneiro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar a mesa redonda A literatura galega a debate, coa participación de Teresa Moure, Xurxo Souto e Alberte Santos.
Arquivos da etiqueta: Xurxo Souto
Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira
Desde Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”
Taboleiro do libro galego XXXIX (balance anual 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nuns días o Caderno da crítica deixará de actualizar os seus contidos durante o período do Nadal polo que se ofrece hoxe un balance dos datos que un conxunto de librarías colaboradoras habituais foron ofrecendo ao longo dos once primeiros meses deste 2015. Escolléronse para esta entrega os títulos que gozaron de máis concorrencias nos cinco primeiros postos de cada sección. O Taboleiro retornará a primeiros de febreiro do ano vindeiro. Grazas polo seguimento.
NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
3º-. A praia dos afogados, de Domingo Villar, Galaxia.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Xerais.
POESÍA
1º–. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
2º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
3º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
4º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
5º-. Bazar de traidores, de Elías Portela, Centro PEN Galicia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. O Piloto. O último guerrilleiro, de Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
2º-. O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
3º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
4º-. Un cesto de mazás, de Montse Fajardo, autoedición.
5º-. Medo político e control social na retaguarda franquista, de Lucio Martínez Pereda, Xerais.
XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. Coma unha áncora, de Iria Collazo, Galaxia.
4º-. Os megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
5º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, Ledicia Costas – Víctor Ribas, Xerais.
2º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
3º-. O meu pesadelo favorito, de María Solar, Galaxia.
4º-. Os libros da merenda, de VV. AA., Urco Editora.
5º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa).
2º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Alegría!, Sérgio Tannus – Luís Barbolla (ilustracións), Galaxia.
4º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Galaxia.
5º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e David Pintor, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, edición do autor.
2º-. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais.
3º-. Marcopola 3, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
4º-. O bichero V, de Luís Davila, edición do autor.
Porto do Son: Océano para terrícolas, espectáculo baseado en Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Galería de fotos do obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar
Deixamos aquí parte das fotos do Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, que tivo lugar o pasado mes de outubro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí. As fotos que se reproducen neste artigo son de Norberto Varela Calvo.
Outeiro de Rei: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
Ribeira: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
A Coruña: Roteiro literario pola cidade con Xurxo Souto: “Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes”
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 de outubro ás 11:00 horas e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos -de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está a impartir o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura, iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón –conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
A Coruña: Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, acto da Escola de Escritoraes da AELG
A Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza o obradoiro, a cargo de Xurxo Souto, do Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, do 19 de outubro ao 29 de outubro de 2015. A actividade conta coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.
Inscrición: até o día 18 de outubro a través dos seguintes medios:
– Teléfono: 981 133 233 (agás festivos, de luns a venres, de 9:00 a 14:30).
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Whatsapp: 696 581 971
20 prazas, gratuítas e para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Sigue lendo