Alberto Mancebo gaña a XXX edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey

Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”

Yolanda Castaño gaña o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con Economía e Poesía: rimas internas

Desde Editorial Galaxia:
“Reunido o 14 de decembro de 2023 o xurado na cidade de Santiago de Compostela, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega; composto por María López Sández, Amancio Liñares Giraut, Rocío Carolo, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide, por maioría, outorgar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, na súa vixésimo terceira edición, á obra titulada Economía e Poesía: rimas internas.
O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas.
Economía e Poesía: rimas internas establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Ensaio controvertido arestado e personalísimo, este texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar unha crítica do noso mundo literario que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente. (…)”

O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba xa ten obras gañadoras

“O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.”

Ourense: entrega do premio VIII Concurso Balbino de Relatos a Clara Martín e presentación de Loucine

Nove Lúas, de Lionel Rexes Martínez, Premio Neira Vilas de Novela Curta

Desde Nós Diario:
“O xurado da oitava edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta vén de outorgar o galardón, após as deliberacións da tarde da segunda feira 30 de outubro, que concluíron cunha decisión unánime, á obra Nove Lúas, de Lionel Rexes Martínez. A sesión decorreu no Pazo de San Roque e o xurado estivo conformado por dous membros da Fundación Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, e polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.
A obra salienta, precisaron desde o xurado, pola súa estrutura narrativa armada arredor das relacións dos personaxes e de como deben afrontar as opcións vitais e laborais en contextos de gran dificultade. “Sobre o pano de fondo da guerra civil, destaca a vontade de estilo que impregna todo o relato”, argumentan.
O galardón entregarase esta próxima sexta feira, 3 de novembro, nun acto público na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces, Deza), coincidindo coa conmemoración do Día da Lectura e, con este motivo, farase unha lectura pública da poesía de Neira Vilas e a súa compañeira, Anisia Miranda.
O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do traballo seleccionado en Edicións Embora. O obxectivo do certame, dirixido ao público infantil e xuvenil, é estimar a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público máis novo que lle permitan achegarse ao mundo da novela.”

Clara Martín gaña o VIII Concurso Balbino de Relatos