“(…) Antes de lle deixar paso á presentación multimedia, o editor [Víctor Freixanes] anunciou a creación dun selo co que Galaxia vai capitalizar a presenza mundial dos galegos e galegas da emigración: “Mar Maior é un proxecto no que dende a editorial vimos traballando dende hai tempo. Trátase dun selo editorial que proxectará a cultura galega e Galicia a través da rede social dos galegos no mundo”, explicou.
Freixanes lembrou que “a Galicia exterior existe” e engadiu que “debemos saber aproveitala para construír as nosas plataformas de difusión. Unha cultura que non é quen de estar presente no mundo da globalización, en diálogo coas outras culturas desenvolvidas, é unha cultura con problemas, e a cultura galega ten cartas para xogar nesta partida (…)”.
A nova completa pode verse aquí.
Arquivos anuais: 2011
Lembranza de Álvaro Cunqueiro en Buenos Aires
(Galaxia)
Boiro: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O venres 29 de abril, ás 20:30 h., no Centro Social de Boiro, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia, estarán presentes, ademais do autor, Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Gerardo Piñeiro e Xosé Deira.
Convocado o III Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda 2011
BASES
– Primeira. A A. C. Alexandre Bóveda e a Editorial Laiovento convocan a III Edición do Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual. A temática a desenvolver na presente convocatoria será libre, sempre que teña a ver con Galiza.
– Segunda. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
– Terceira. Establécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 500 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
– Cuarta. Os traballos deberán ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos na normativa oficial do galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
– Quinta. Enviaranse seis copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
– Sexta. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: “Asociación Cultural Alexandre Bóveda, R/ Olmos, 16-18, 1º, 15003. A Coruña”. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16:30 a 20:30 h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 3º Premio de Ensaio Curto ‘Alexandre Bóveda’.
– Sétima. O prazo de presentación de orixinais será do día 25 de abril até o día 31 de outubro.
– Oitava. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
– Novena. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 17 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode quedar deserto.
– Décima. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado.
A Coruña, abril de 2011.
As bases poden descargarse aquí: Bases III premio ensaio curto Alexandre Bóveda 2011.
O xurado está composto, nesta edición, por: Anxo Calvo, Francisco Pillado Maior, Pilar García Negro, Pilar Cagiao Vila e Xosé Luís Axeitos.
Xosé Neira Vilas lémbralles aos mozos arxentinos a emigración galega
A Coruña: presentación de Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936
O venres 29 de abril, ás 19:00 horas, no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, preséntase o libro Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936, coa participación dos seus autores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, publicado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, editora do libro.
Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño obtén o VII Premio de banda deseñada Castelao
O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do Premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras “que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é “unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista”, e cunha solución gráfica “atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar”. “Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica”, afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén “a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación”, todo iso cunha “estrutura arriscada” na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.
A obra foi seleccionada por unanimidade, pois “ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais”. O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é “unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura” (Galicia Hoxe). Tamén foi recollido en Culturagalega, Xornal, Galiciaé.
O Barco: presentación de Domingos de calcetíns brancos, de Manuel Pérez Rúa
O venres 29 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán (Rúa Academia Dequidt, 6) do Barco de Valdeorras, preséntase o libro Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, de Manuel Pérez Rúa, publicado en Galaxia, que obtivera o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2009. No acto participan, co autor, Eduardo Ojea Arias e Gustavo Docampo Paradelo.
A Coruña: conferencia Entre o universo e a tinta, de Estíbaliz Espinosa
O xoves 28 de abril, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Entre o universo e a tinta, por Estíbaliz Espinosa, consistente nun recital e coloquio literario con proxeccións en vídeo.
Santiago: presentación de A fecha azul do teixo, de Eva Veiga
O xoves 28 de abril, a partir das 19:30 h., na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Seara, finalizando cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).