“Esta semana o Diario de Arousa publicou unha entrevista a Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores, na que comenta os cambios no sector editorial e o seu compromiso coa lingua galega, o que levou a que en 2009 se publicaran máis de 4.000 volumes en galego e unha facturación de 22 millóns de euros. Pero ese bo momento non está a manterse no tempo, e tanto a conxuntura económica actuais como a revolución dos novos soportes están a ter repercusións das que o sector non é alleo, de aí que Bragado asegure que estes novos retos obriguen a “un proceso de reconversión moi profundo, que afecta tanto á creación editorial como ás canles de distribución e promoción”. Nesta liña, Bragado adianta que nas vindeiras semanas os editores abrirán unha plataforma de contidos dixitais en lingua galega, o que promete ser unha aposta de máis calado que a tímida entrada de Xerais no libro dixital (actualmente o seu catálogo de e-books limítase a 4 obras, moi lonxe dos 50 títulos que prometeran hai un par de anos). O que si parece claro é que os rumores que apuntan ao perigo de peche de Edicións Xerais non teñen ningunha xustificación (tal e como confirmou o seu director), e a editora continúa con forza, adaptándose aos cambios do sector e continuando a traballar co seu demostrado compromiso coa nosa lingua.” Vía Código Cero.
Arquivos anuais: 2011
‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’
“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
A Coruña: presentación do proxecto Sermos Galiza
O xoves 22 de setembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.
Quiosco, Revista Galega de Teatro, 67
“A tradución ao galego da obra gañadora do Premi Born 2010: O tempo, de Lluïsa Cunillé protagoniza o último número da Revista Galega de Teatro. Un número no que conversaron con Thomas Leabhart e o dramaturgo Raúl Dans. Ademais, publícanse tamén as críticas de A ópera dos tres reás, Ai, Carmela, A nona e Un cranio furado, entre outros apartados. É o numero 67 desta publicación correspondente ao verán 2011 e que cumpre o seu quinto número sen apoio institucional desde a retirada da axuda económica que achegaba a Xunta.” Vía Cultura Galega.
Xavier Queipo: “A arte de ilustrar libros”
Artigo de Xavier Queipo en Cadernos Redelibros:
“(…) Funme acostumando así, ao longo dos anos, a que os libros (os que me gustaban) tivesen algún tipo de ilustración. Collín un gusto especial pola asociación entre ambas as dúas artes —ilustración e escrita— e sempre que puiden incluín deseños gráficos nos meus libros. Chamei polos meus amigos Fausto Isorna, Ce Tomé e Euxio Noceda que fabricaron as súas colaxes, respectivamente, para Contornos, Mundiños e Manual de Instruccións. A seguir, Maite Ramos e José Cisneros, aportaron os seus deseños fantásticos en O espello e o dragón e A illa dos cangrexos violinistas, respectivamente.
O sentido que eu lle dou a ilustración de textos literarios, é o de paralelismo. Non se trata de que o ilustrador “ilumine” o texto con deseños explicativos (iso queda moi ben para os libros técnicos, onde unha imaxe pode axudar —e mesmo debe facelo— á comprensión do texto), senón de que con base no texto constrúa unha versión da historia desde a súa aproximación artística. (…)”.
Marta Dacosta: “Memoria dunha muller pegada a un libro”
Artigo de Marta Dacosta en Cadernos Redelibros:
“Di unha curmá de meu que son unha muller pegada a un libro. Si, como tantas outras mulleres e homes que teñen na lectura un dos seus praceres predilectos. Cando isto sucede, os libros convértense en chanzos da memoria e os textos ilumínanse cos sucesos da vida propia, lente a través da cal ler e interpretar. (…)”
Un libro inédito de Gonzalo López Abente chegará ás librerías o próximo mes
“A Fundación López Abente e a editorial Alvarellos porán nas librerías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente. Trátase dunha obra escrita en 1922 e que, por causas que se descoñecen, o autor non chegou a editar en vida. O manuscrito gardábase na Real Academia Galega, que permitiu o acceso ao documento para a realización dunha edición a cargo de Miro Villar e cun prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. A obra será presentada en Muxía a mediados do mes próximo. En outubro chegará tamén ás librerías. Ademais, antes de que finalice o ano, sairá á luz a reedición de seis novelas curtas do mesmo autor, impulsada tamén pola fundación que leva o seu nome. Baixo o título A narrativa mariña de López Abente, agrúpanse seis relatos que, cun estudo introdutorio de Suso Sambade, porá nas librerías a editorial Xerais recuperando obras hoxe descatalogadas.” Vía La Voz de Galicia.
‘A AELG traballará para a posta en marcha de revistas literarias en formato dixital’
Reseña en Código Cero:
“Calquera que camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios, interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que celebrou este sábado a sexta edición do seu Encontro para autoras/es novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as autoras e autores “poderán facer confluír as súas creacións”.”
Convocado o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas
“Dando continuidade ao que xa se está a converter nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Cultural Caldeirón convocan o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes:
– PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega, e sempre e cando cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei Xeral de Subvencións de Galicia, e 13 da Lei 38/2003, Lei Xeral de Subvencións.
– SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio máximo único e indivisible dotado con 1.000,00 €, con cargo á partida orzamentaria 330/480 do orzamento do Concello de Malpica prorrogado para 2009 e actualmente en vigor, e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
– TERCEIRA. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados. As obras presentaranse baixo un título ou un lema, achegados de plica na que conste o título ou lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade, número de teléfono, modelo de solicitude (Anexo I) de participación debidamente cuberto, así como copia do DNI ou documento equivalente.
– CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de outubro de dous mil once, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños, Avenida Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre VI Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Aceptaranse todas as propostas (nacionais ou non) que se acheguen por correo certificado ata o mesmo día de remate do prazo de presentación de orixinais.
– QUINTA. O xurado estará presidido por un representante do Concello de Malpica proposto e nomeado polo Alcalde- presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, quen poderá ser substituído por outra persoa no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación; actuará como secretario o da corporación ou funcionario no que delegue. A composición do xurado farase pública no taboleiro de anuncios do Concello, así como na páxina web do concello con anterioridade á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes. O xurado valorará como criterios:
1) Que as obras se adapten ás características sinaladas nas bases da convocatoria.
2) A precisión na utilización da lingüaxe e a coherencia co carácter implícito da obra.
3) A orixinalidade estilística e o tratamento temático novedoso.
– SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar ó Concello de Malpica de Bergantiños a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posibel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros (que non poderá ser menor de 3). As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto se o xurado o estima conveniente e a súa proposta será obxecto de resolución ou acordo polo órgano competente do Concello de Malpica de Bergantiños. Practicarase a correspondente retención do IRPF ao beneficiario ou beneficiarios de acordo coa lexislación vixente. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2011 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o gañador do certame. A plica correspondente á obra que resulte gañadora poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñece-lo nome do gañador/a proposto/a. A proposta motivada do xurado, será remitida ao órgano competente do Concello aos efectos do acordo de concesión no prazo máximo dun mes, previa remisión polo candidato/s proposto/s dos correspondentes certificados acreditativos de atoparse ao corrente nos pagos coa facenda tributaria, coa Seguridade Social, así como o certificado acreditativo do número de conta bancaria titularidade do beneficiario onde deba realizarse o ingreso do premio.O acordo de outorgamento do premio será obxecto de publicación no Taboleiro de anuncios do Concello de Malpica por un prazo mínimo de un mes.
– SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado a partir do día seguinte serán destruidas.
– OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
– NOVENA. As presentes bases serán obxecto de publicación no BOP así como no Taboleiro de anuncios do Concello de Malpica.
Malpica de Bergantiños, 16 de setembro de 2011.
O Alcalde-presidente,
Eduardo J. Parga Veiga
‘A pegada das revistas dixitais’
“Desde o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda. Da tinta á pegada dixital foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”. (…)
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Montserrat Pena Presas “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.” Vía Cultura Galega.