Arquivos mensuais: Xaneiro 2013
Vigo: presentación de transmuta, de Xabier Cordal
O sábado 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, no local da A. C. Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase transmuta, de Xabier Cordal, publicado en Xerais.
Vigo: Con cen poemas por barba, recital de María Lado e Lucía Aldao
Oiartzun, Euskadi: homenaxe a Kontxa Murguía
O Exmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan unha Homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, co seguinte programa:
– Venres, sexta feira, 22 de febreiro, 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Oiartzun, recital poético musicado, en éuscaro e galego: Poesía alén da fronteira, coas voces de Arantza Lete, J. A. Irigaray e Xosé Estévez, e a música de Arkaitz Miner (violín e guitarra) e Jexux Aranburu (acordeón).
– Sábado, 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na praza de San Estevo e Sá de Falencias da Casa de Cultura da mesma poboación, ofrenda floral e homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, coas intervencións de Asier Legorburu e Xosé Estévez. Haberá música a cargo do conxunto de Txistularis de Oiartzun e o grupo de gaiteiros “Novas Fontes”.
Convocado o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense
A Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ourense convoca o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense, de acordo coas seguintes bases:
1.º- Poderán participar todas as persoas que o desexen calquera que sexa a súa nacionalidade, sempre que as súas obras se presenten en galego ou portugués.
2.º- Non poderán presentarse os/as gañadores/as das cinco edicións anteriores a esta convocatoria.
2.º- (bis) Os traballos que se presenten terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de SEISCENTOS VERSOS. Presentaranse mecanografados e a dobre espazo en follas tamaño folio, escritas por unha soa cara en exemplar sextuplicado, debidamente grampados, cosidos ou encadernados.
3.º- Outorgarase un único premio dotado de SEIS MIL EUROS, e a publicación do libro.
4.º- As obras deberán presentarse baixo lema, indicando PARA O XXIX PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE. Nun sobre anexo, pechado e co mesmo lema figurarán o nome, apelidos, n.º de carné de identidade e enderezo do autor ou autora, o seu teléfono e, a poder ser, o enderezo electrónico.
5.º- O Xurado cualificador será nomeado pola Concellaría de Cultura, e estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador do ano anterior e un representante da Corporación. A súa decisión será inapelable e terá lugar ao redor do primeiro sábado do mes de xuño.
6.º- A primeira edición da obra premiada será publicada polo Concello, e entregaráselle un número de exemplares ao autor. Este queda en propiedade da obra para sucesivas edicións.
7.º- O prazo improrrogable de presentación rematará ás 14 horas do 30 de abril de 2013. A entrega farase no Rexistro do Excm. Concello de Ourense (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado, facendo constar no sobre PARA O XXIX CONCURSO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE. Os concursantes portugueses poderán facer entrega dos seus traballos na Cámara Municipal de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos.
8.º- O premio poderá ser declarado deserto se, a xuízo do Xurado, os traballos presentados non reúnen suficientes méritos ou non se axustan ás condicións establecidas na convocatoria.
9.º- Os traballos non premiados deberán ser retirados no prazo dun mes desde o día do veredicto. En caso de non se recolleren dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
10.º- O feito de participar neste Concurso implica a total aceptación e conformidade das presentes Bases. Todas as incidencias non previstas nestas Bases serán resoltas pola Concellería de Cultura ou polo Xurado cando este quede constituído.
Ourense, xaneiro 2013
Top 10. Narrativa galega 2012, por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Na última entrega de Biblos que estes días comeza a se distribuír -revista, por certo, que completa sesenta números que viron a luz ao longo de dez anos-, dou a coñecer, na habitual sección «Breviario», unha listaxe do que considero como o máis salientable no eido da narrativa galega publicada este ano pasado. Como sinalo no comezo faltan, con certeza, outros títulos, e mesmo algúns que foron moi do meu agrado. Velaquí o artigo:
‘Coma sempre, ao comezar un novo ano e botar a vista atrás resulta inevitable revisar o que se leu, e compendiar ao que meu xuízo foi o máis salientable. Velaquí un top 10 de carácter persoal, loxicamente, sen orde de prioridade e que se centra na narrativa publicada en lingua galego o ano pasado. Asumo que nel non se inclúe todo o que realmente me gustou, alén de dúas ou tres novelas aparecidas no momento en que isto redacto e que poderían modificar esta escolla. Dun ou doutro xeito aquí está:
1. As voces baixas, de Manuel Rivas. Deses libros que resoan na memoria de quen o le, pola intensa brillantez con que foi escrito, pola sinceridade e emotividade que desprende.
2 A forma das nubes, de María López Sández. Premio Narrativa breve Repsol 2011. Ao meu ver unha das sorpresas do ano dunha autora de extraordinario potencial.
3. Palabras de auga, de Marcos Calveiro. Premio Merlín 2012. Unha historia estremecedora e comprometida para afondar en realidades que non vemos ou non queremos ver, tamén na propia condición humana.
4. En vías de extinción, de María Reimóndez. Novela que sabe a liberdade, que arrecende talento, sempre nos camiños da heterodoxia e a reflexión: imprescindible.
5. Verde oliva, de Xavier Alcalá. Experiencia e sabedoría narrativa para afondar con brillantez nos días previos da chegada de Fidel Castro ao poder.
6. Dúas letras, de Fina Casalderrey. Un libro que é un luxo: un relato poderoso e milimetrado que inspira unha magnífica curtametraxe.
7. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Á sombra dos mitos da Materia de Bretaña, unha reflexión magnífica sobre os conceptos da impunidade e da culpa.
8. O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo. Retratar a paisaxe e os sentimentos da vida cotiá desde a perspectiva de alguén, que só é quen de outeala, non é doado e o autor é quen de emocionar.
9. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo. A proposta incorporou tantos lectores á narrativa de noso que só por iso xa é de agradecer. Ademais, non lle falta pericia narrativa, talento e engado. Outra agradable sorpresa da tempada literaria.
10. 15.724, de Xesús Constela. Cun substrato que é unha alegación contra as oligarquías e a pena de morte, o autor ofrece un espléndido exercicio narrativo que non decae nin na derradeira páxina.’
Vigo: investidura de Agustín Fernández Paz como doutor honoris causa pola Universidade
O luns 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o escritor Agustín Fernández Paz será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo o día de San Tomé de Aquino. Actuará como padriño o Vicerreitor de Extensión Universitaria, o profesor Xosé Henrique Costas González.
Miño: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O sábado 26 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Centro Social da Rúa de Miño, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.