A Coruña: acto de asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas

O mércores 15 de maio, ás 18:30, na Escola Oficial de Idiomas (Rúa Pepín Rivero, 1) da Coruña, descubrirase a placa que dá o nome do poeta palestino Mahmud Darwix á aula 21 da EOI, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, e no mesmo contarase cun recitado da poeta Yolanda Castaño.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.

Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.

A Coruña: presentación das novas edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro

O xoves 16 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntanse as edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro publicadas por El Patito Editorial e Edicións Xerais. No acto participan os seus editores respectivos, Pepe Barro e Anxo Angueira, xunto a Felipe Senén e Fausto Isorna.

Lugo: actividades destacadas dos días 16 e 17 na Feira do Libro

A Feira do Libro de Lugo continúa as súas actividades (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Xoves 16
19:00 h. Presentación do libro+cd+dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Francisco Castro e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
20:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.

Mércores 17
18:00 h. Festa poética Xistral. Recitado de poemas e lecturas de Roberto Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, co acompañamento musical de zanfona, a cargo de Mini.
18:00 h. Actividade infantil. Ana Carreira representa Touporroutou, baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
19:00 h. O escritor Antonio Reigosa, presenta o seu libro O aprendiz de home do saco, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.
20:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, do escritor Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Participarán no acto Luís Ferreiro, fillo do escritor, María Reimóndez, Manuel Bragado e o autor do libro.

A Estrada: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A cuarta feira 15 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións de Novagaliciabanco da Estrada, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Asociación Cultural Vagalumes e Queremos Galego da Estrada.

A Coruña: presentación de Tastarabás, de Antón Cortizas

O xoves 16 de maio, ás 19:00 horas, en El Corte Inglés de Marineda (no polígono de Agrela) da Coruña, preséntase Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, de Antón Cortizas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Lugo: presentación de Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá

O xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, Libraría Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4, Torres do Seminario Maior), preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. Previamente, de 17:00 a 19:00 horas, o autor asinará exemplares da obra na caseta da Libraría Biblos na Feira do Libro de Lugo.

Cambre: Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, por Roberto Pascual

O mércores 15 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións da Biblioteca de Cambre, terá lugar unha conferencia de Roberto Pascual (profesor e xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), baixo o título Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro.