Vigo: inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez

O 10 de maio, sexta feira, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro de Vigo, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e organizada pola Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.

Barcelona: conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, por Xosé Manuel Fernández Castro

O venres 10 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría La Central del Raval (Carrer Elisabets 6, 08001) de Barcelona, terá lugar a conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, de Xosé Manuel Fernández Castro, editor das súas Obras Completas en Positivas.
Desde o mesmo 10 até o venres 24 de maio, estará aberta a exposición bibliográfica Roberto Vidal Bolaño na escena teatral galega no Edificio Histórico, Vitrinas da Biblioteca General e Galería do Pati de Lletres-Universidade de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
Os actos están organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos, da Universitat de Barcelona.

Arteixo: recital-presentación de Esplendor Arcano, de Ramiro Torres

O venres 10 de maio, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase Esplendor Arcano, de Ramiro Torres, publicado polo Grupo Surrealista Galego. No acto haberá un recital coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Begoña Paz, Tati Mancebo e Sapoconcho.

Conferencia de Pilar García Negro nos VI Encontros Cidade da Coruña

Iniciamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
A conferencia inaugural, Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, correu a cargo de Pilar García Negro.

Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Pilar García Negro).

Convocado o XXVI Premio de Poesía Pérez Parallé

“O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, convoca unha nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame organízase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que para participar é requisito imprescindíbel non ter publicado ningún libro individual de poesía, agás se a súa edición correu por conta do autor/a.
As persoas que queiran participar nesta convocatoria terán de prazo até o vindeiro luns 30 de setembro de 2013 para presentar os seus orixinais. Os autores e autoras deberán entregar un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada duns 300 versos. Os textos presentaranse por triplicado debidamente encadernados ou grampados, “identificados inequívocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado”. Na parte externa do mesmo farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase o nome completo do autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto.
Os traballos enviaranse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene (Porto do Río, 21, San Paio, Fene 15500, A Coruña)
O xurado do certame estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica.
A entrega do premio terá lugar o sábado 23 de novembro de 2013 nas instalacións do CMI de Fene.
O premio do XXVI Premio de Poesía Pérez Parallé consistirá na edición do libro gañador na Colección de Poesía Espiral Maior e nunha gratificación económica para o autor/a de 500 euros (suxeita ás retencións impositivas que marca a lei). Ademais, como símbolo do premio, entregarase á persoa gañadora unha escultura obra de Francisco Pérez Porto, artista plástico, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

Fene, 7 de maio de 2013″

Lugo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O xoves 9 de maio, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, xunto ao seu editor, participa María Xesús Nogueira.

Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books

Desde Sermos Galiza:
“Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.”