A Escritora na súa Terra: Pilar García Negro. Lugo, 2017 (10 de xuño)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de María Pilar García Negro, que será homenaxeada en Lugo, terra na que naceu e se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do/a homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Mónica Alonso), a plantación dunha árbore simbólica (un magnolio elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Este acto conta co apoio da Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e CEDRO.

Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante Torre de Núñez (Estrada N-VI, km. 497 –como chegar-), e cuxo prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas e precisa confirmación ate o luns 5 de xuño -inclusive- no teléfono 981 133 233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.

PROGRAMA DE ACTOS

11.30 Praza de Ferrol
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do magnolio (árbore simbólica da escritora)
Interveñen:

  • Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG
  • Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo
  • María Pilar García Negro

12.30 Salón de Plenos do Concello de Lugo (Praza Maior)
Acto de entrega da “Letra E”
Interveñen:

Entrega da peza escultórica da artista Mónica Alonso

  • Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de María Pilar García Negro

14.30 Restaurante Torre de Núñez (Estrada N VI, Km 497)
Xantar de confraternidade.
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Lugo e demais persoas interesadas.

Pode descargarse o programa completo aquí.

Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (III)

A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio Honorífico á Libraría: Libraría Platero de Ourense, Francisco Negro Fernández.

Premio Honorífico á Editora: Editorial Nós, Ánxel Casal.

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizada polo Concello de Santiago, e que rematará o domingo 11 (con horario de 11:00 a 21:00 horas) cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 10
13:00 h. Presentación de Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Urco.
17:30 h. Presentación de A virxe das areas, de Antonio M. Fraga, publicado por Embora.
18:00 h. Tradutoras ao vivo: María Reimóndez e Patricia Buxán.
19:00 h. Alfonso Blanco: Do Latín ao galego… tamén na literatura; ou, motivos para traducir ficción dende o latín.
20:00 h. Marcha cultural en defensa da obra compostelá do pintor e escritor Urbano Lugrís. Partirá cun manifesto da praza da Quintana (carpa da SELIC) e logo percorrerá varias rúas da cidade. Está organizada por Alvarellos Editora en colaboración co colectivo literario In Nave Civitas da Coruña.
20:30 h. Marga Tojo presenta Últimos bruídos, publicado por Positivas.

Domingo 11
17:30 h. Presentación – concerto do libro cd Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.
20:30 h. Rosalía Fernández Rial presenta Aulas sen paredes, publicado por Positivas.

María Canosa: “Quero chegar ao corazón do lector”

Entrevista a María Canosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Vostede xa fora finalista do Merlín. ¿Que significa ganar este premio?
– María Canosa (MC): É o cuarto ano consecutivo que era finalista polo que, como podes imaxinar, era xa case unha afronta particular con el… Gañalo foi decatarme de que os concursos son concursos, que ás veces gañamos, e ás veces non, por múltiples circunstancias. Pero para min foi como quitar esa espiña de estar chamando á porta moito tempo a un lugar, e que sempre falta algo para que cha abran de todo. Por fin se abriu a porta. Claro, que isto fixo que me emocionara moito ao recibir a nova… Non puiden evitar que me desbordara o momento. Con todo, o mellor de todo foi recibir o cariño de moita xente, máis do que eu agardaba. Moito máis. Esa é a segunda parte do premio, impresionante. Eu tomeino, ademais, como unha recompensa ao camiño que fixen desde que comecei, hai moito tempo, ata hoxe. (…)
– LVG: De que trata Muriel?
– MC: Naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel destaco tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade, e unha botella de leite une a todos os protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais.
– LVG: ¿Que xénero prefire?
– MC: Gústame probar, que é un xeito de probarme a min mesma. Cambiar é bo tamén porque me axuda a deixar unha obra e comezar outra nova, sen tantas interferencias. Pero si é certo que sempre volvo a escribir para a cativada. Por múltiples razóns. Primeiro, porque creo no importante que é a lectura nesa franxa da vida, porque son o futuro. Pero tamén porque me sinto cómoda non deixando de ser de todo unha nena eu tamén. Soñar é fermoso, e eu non sei deixar de facelo. (…)”

A Coruña: representación de Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro

O domingo 11 de xuño, ás 12:00 horas, no Castelo de Santo Antón, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto. Trátase dun espectáculo conformado por algunhas das obras de teatro breve que nos deixou o noso grande autor mindoniense. Nela, agrúpanse tres pezas que, pola súa disparidade, nos ofrecen unha mostra da versatilidade e riqueza do seu universo creativo. Está actividade forma parte do programa Artes pola Integración.

Xusto Beramendi, Medalla Castelao 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Consello da Xunta aprobou a concesión destes recoñecementos, que se entregarán o vindeiro 28 de xuño, a Xosé Ramón Gayoso, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo, o Grupo Nove e Xusto Beramendi, quen consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. (…)”

Redondela: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11

O domingo 11 de xuño finaliza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:30 h. o sábado e domingo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 10
18:00 h. Presentación de Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro, de Marcos López Concepción. No acto participan, xunto ao autor, Elena Becerra García, Lidia Nokonoko e Francisco Castro.
19:00 h. Presentación de Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez, publicado por Belagua.

Domingo 11
13:00 h. As Maimiñas presentan o seu novo libro-cd Volta, revolta e reviravolta, publicado por Galaxia, cun concerto en directo.