Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ledicia Costas: “Como autora implícome tanto que me desgarro”
Entrevista a Ledicia Costas no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Que supón Infamia para Ledicia Costas?
– Ledicia Costas (LC): Infamia supón un cambio radical de rexistro. É unha novela moi emocional, moi dura e de temática controvertida que escribín con algo de rabia. É unha obra visceral. A novela xira arredor de dúas desaparicións de dúas irmás.
– DP: Que hai de verdade e de ficción?
– LC: É un thriller psicolóxico que xira arredor das pesquisas do caso de dúas irmás que desapareceron unha tarde. Houbo dous casos que me marcaron profundamente na miña vida: o asasinato de Marta del Castillo e todo o que sufriu o pianista James Rhodes. Esta é unha obra de ficción, pero bebe da realidade en grande medida. Estiven documentándome co que aconteceu con casos como o de Marta del Castillo ou as nenas de Alcasser e outras antes de escribila. Cando a novela é tan psicolóxica e os personaxes parece que se desangran, ti como autora tamén. De feito, acabo esgotada de escribir. Sucedeume cando escribín Un animal chamado néboa. A novela avanza e tira de min. Chega un momento no que é como se a protagonista abrise unha caixa de Pandora e de aí saen dramas absolutamente desgarradores. Como autora, implícome tanto emocionalmente que me desgarro cando escribo. A escrita ten esa parte doce, pero tamén esa outra cando falas de temas de actualidade social, que ten que ver con cousas que vemos na televisión todos os días e reflexionas sobre a sociedade na que vivimos. Maltratos, abusos a mulleres, violacións, violencia entre adolescentes… todo iso está no meu libro.
– DP: A protagonista é unha avogada, coma vostede. Que máis ten Emma Cruz de Ledicia Costas?
– LC: Emma Cruz é un personaxe de ficción que arrastra un trauma da infancia. Temos en común a formación en Dereito e coido que pouco máis. Ao longo da novela hai moitas reflexións que reflicten o meu xeito de entender a vida. Mais non só as que fai Emma. (…)”
A Biblioteca de Galicia porá ao dispor da cidadanía o legado bibliográfico de Agustín Fernández Paz
Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia vén de aceptar a doazón do Fondo Agustín Fernández Paz, que permitirá coñecer o importante legado literario e pedagóxico do escritor vilalbés finado en Vigo en 2016. Trátase dunha biblioteca de autor creada ao longo dos anos polo escritor e pedagogo e que reflicte o seu mundo e os seus intereses e que contén unha colección completa dos seus traballos. É, polo tanto, un instrumento valioso para calquera estudo sobre a súa figura.
A colección doada polas herdeiras do patrimonio de Agustín Fernández Paz, valorada en 25.000 euros, conta cun fondo de máis de 5.000 volumes onde destacan as series sobre literatura contemporánea, cómic en galego e pedagoxía. Moitas das publicacións son obras en galego e exemplares dos libros de Fernández Paz editados por editoriais non galegas que aínda non estaban dispoñibles na Biblioteca de Galicia. Cómpre destacar que a incorporación desta biblioteca aos fondos da Consellería de Cultura e Turismo tamén permitirá o estudo do nacemento e evolución do libro de texto galego ao incorporar moitos dos primeiros exemplares que foron editados na nosa lingua.
O proceso desta doazón comezou en novembro de 2017, cando os técnicos da Biblioteca de Galicia visitaron os lugares onde estaban os documentos bibliográficos, situados en Vigo e Redondela, para valorar o interese deste fondo. Tras os informes favorables, comezouse o traslado dos fondos a biblioteca situada na Cidade da Cultura. (…)”
Compostela: presentación de Agni e a chuvia, de Dora Sales
Noia: presentación de Troglo e Dita, de Fonso Barreiro (Fon)
IX Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia
A AELG colabora co IX Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia.
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica, unha invitación á cidadanía para pensar e imaxinar a ciencia desde a creación literaria. O seu obxectivo é fomentar o achegamento ao pensamento científico a través da escritura. O prazo de presentación de relatos finaliza o 19 de xuño.
Este ano o acto de entrega de premios trasladarase a Donosti e contará coa colaboración especial do Aquarium Donostia-San Sebastián e do Centro de Física de Materiais CSIC / EHU. Está previsto que se celebre no Aquarium o día 6 de setembro.
Inspiraciencia non é só os relatos. Máis aló do concurso, organízanse charlas, talleres, exposicións, propostas para a aula, lecturas, etcétera para profundar nas variadísimas relacións e hibridaciones entre ciencia e literatura.
Bases (tamén se poden descargar aquí)
OBXECTO
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.
1. Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal, en calquera das linguas do concurso (catalán, castelán, éuscaro e galego), que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais deben estar escritos en catalán, castelán, éuscaro ou galego. Deben ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados nun medio ou blog persoal.
MODALIDADE E CATEGORÍAS
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva:
Relato curto dunha extensión máxima de 800 palabras.
4. Os participantes poden participar nunha das seguintes categorías:
Adulto (a partir de 18 anos), enténdese que os participantes son maiores de idade na data de peche do prazo de presentación de relatos.
Mozo (de 12 a 17 anos), é dicir, os participantes son menores de 18 anos na data de peche do prazo de presentación de relatos.
5. Cada participante pode presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Os relatos dun mesmo participante deben ser orixinais e non se pode presentar o mesmo relato en linguas distintas.
PRESENTACIÓN DOS RELATOS
6. Os orixinais deben presentarse a través do sitio web: inspiraciencia.es. Previamente, os participantes deben rexistrarse. A data de nacemento establece a categoría (Mozo ou Adulto) na que se participa.
7. Os participantes poden acceder á súa conta cun nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo é o nome co que asinarán os relatos.
8. Cada participante pode enviar un relato en calquera das linguas do concurso. Os gañadores dunha edición, para unha categoría e lingua, non poderán presentarse para a mesma categoría e lingua nas dúas seguintes edicións.
9. O prazo de presentación de relatos pecharase o 19 de xuño do 2019.
PREMIOS
10. O acto de entrega de premios terá lugar durante o mes de setembro de 2019, data que se anunciará con antelación.
11. O concurso prevé un premio institucional para cada categoría e lingua, e un premio do público por categoría.
12. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura e a subscrición a revistas de divulgación.
13. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar deserta a convocatoria se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.
XURADO E CRITERIOS DE VALORACIÓN
14. Para os premios institucionais designarase un xurado para valorar as contribucións e propoñer as obras gañadoras. Estará formado por persoas do ámbito da ciencia, a literatura, a arte, a divulgación, e anunciarase previamente.
A comisión organizadora traballa para que os relatos se publiquen na web. Encárgase tamén de facer a preselección de relatos que pasará ao xurado, mediante un sistema de dobre moderación.
15. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade na formulación, a estrutura e a coherencia da narración, así como o estilo, a creatividade e a imaxinación.
16. O premio do público decídese a través dunha votación en liña aberta a todas as persoas. O público premia o relato máis votado de cada categoría, con independencia da lingua na que se escribiu.
17. A votación faise sobre a mesma selección de relatos que pase ao xurado. Para votar haberá que rexistrarse. Cada persoa pode dar un voto por relato, sen restrición do número de relatos a votar, a través do formulario habilitado.
PARTICIPACIÓN
18. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
19. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e dixitais, sempre mencionando a autoría.
Vídeo do ingreso de Ana Romaní na Real Academia Galega
Celanova: actividades destacadas do 23 de maio na Feira do Libro 2019
O 23 de maio ten lugar a Feira do Libro de Celanova (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 10:00 a 20:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para ese día:
– 12:00 h. Pregón a cargo de Xosé Benito Reza.
– 13:00 h. Lectura conxunta do poema “Aí ven o maio” a cargo do alumnado do CPR Pablo VI da Rúa e do IES Indalecio P. Tizón, de Tui, que visitan Celanova para participar no programa de Concertos didácticos de órgano.
– 17:30 h. Espectáculo infantil: A música da auga, por Servando Barreiro
– 19:30 h. Tertulia sobre os alcumes de Celanova e Vilanova.
– 20:15 h. Presentación do catálogo da exposición de Baldomero Moreiras, O eco das amazonas.