Compostela: Galego, porta aberta para o mundo, do 26 ao 29 de xuño

A inscrición debe facerse antes do 15 de xuño aquí.

Xa temos gañadores do XXV Certame Literario de Poesía, Narración Breve e Microteatro de Cambre

Desde o Concello de Cambre:
“O IES Afonso X O Sabio, da Barcala, acolleu a entrega de premios do XXV Certame Literario de Poesía, Narración Breve e Microteatro Cambre 2018. O centro organizou un programa combinado de literatura e música, disciplinas que combinan á perfección e que fixeron del un encontro ameno e tamén reivindicativo.
O acto estivo presidido polo director do centro, Félix Rodríguez Sanjurjo, quen estivo acompañado por Daniel Carballada Rodríguez, concelleiro de Cultura, e María Dolores Blanca García Fernández, concelleira de Movemento Asociativo e Participación Cidadá do Concello de Cambre. Tamén estivo na mesa a profesora Rosalía López Fernández, en representación do xurado que, ademais, estivo composto por Begoña Lourido Romeu, Pilar Tobar Conde, Silvia Lugilde Bermúdez e María Dolores García Parada. Quedaron así representados os dous institutos do noso municipio.
Os gañadores e gañadoras desde XXV Certame foron os seguintes: na categoría A (de 12 a 14 anos) Celia Guerreiro Martín e Violeta Meléndrez Doval, primeiro e segundo premios na modalidade de narrativa breve; Iago Nieto Villa, primeiro premio na modalidade de poesía. Na categoría B (de 15 a 18 anos) foron seleccionados os traballos de Nee Barros Fernández e Paula Domínguez Barreiro, primeiro e segundo premio na modalidade de narrativa, e Natalia Lema Otero e Antón Martínez Barros, primeiro e segundo premio na modalidade de poesía. Finalmente, na categoría C (de 19 a 26 anos) foi premiada Antía Yáñez Rodríguez, na modalidade de narración breve, e Martín Iglesias Taboada e Sara Criado Rodríguez, primeiro e segundo premio, respectivamente, na modalidade de poesía.”

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan en Santiago a sexta edición de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“O mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Agadic, remata mañá a súa sexta edición cos catro últimos espectáculos en cartel e a exposición, en primicia para os máis de 200 profesionais acreditas, dos novos proxectos nos que están a traballar 10 compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.
Esta cuarta e última xornada de actividade arrancará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, un dos catro escenarios de Santiago de Compostela nos que se está a celebrar o encontro desde o pasado luns. Será coa montaxe de monicreques Soñando a Pinocho, da compañía madrileña La Tartana, que –ao igual que o fará esta tarde La Estampida– preséntase aquí grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e MADferia.
Tamén na Fundación SGAE a partir das 12,15 h., levarase a cabo a sesión de ‘pitching’ coa que, por cuarto ano consecutivo, se busca impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais da súa produción. Como en anos anteriores, 10 compañías avanzaranlles en primicia aos programadores acreditados os seus novos proxectos: In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas, e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.
Presentacións profesionais
A xornada da tarde iniciarase ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación de Residencias del Paraíso, programa de impulso da creación no ámbito das artes do movemento promovido polo Colectivo RPM co apoio económico da Agadic e a colaboración de diferentes espazos escénicos de toda Galicia.
O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. co espectáculo de danza urbana La soledad de Wally, da compañía emerxente Elahood, no Auditorio Abanca. Ás 19,30 h. chegará a quenda de Eme2 Producións con A Leituga (na imaxe) no Teatro Principal, mentres que Ibuprofeno Teatro será o grupo encargado de pechar esta sexta edición con Casa O’Rei, que subirá ás táboas do Salón Teatro ás 22,00 h..
Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro e danza de 19 compañías (17 galegas e dúas de Madrid) e que congregaron máis de 200 axentes culturais, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.
Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con María Solar

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 9 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Entrevista a Héctor Cajaraville e Carlos Negro no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Héctor Cajaraville con Kusuma e Carlos Negro con Aplicación Instantánea, premios Merlín de Literatura infantil e Jules Verne de Literatura xuvenil. As entrevistas poden escoitarse aquí.”

Londres: recitais poéticos de Isaac Xubín

O martes 12 de xuño, ás 18:00 horas, no King’s College de Londres (P21 Gallery, 21-27 Chalton Street, London NW1 1JD), Isaac Xubín recitará poemas seus e doutras/os poetas galegas/os na presentación que se fará do libro Migrant shores, editado por Manuela Palacios. O acto está integrado no congreso Languages Memory, primeiro congreso do proxecto Language Acts and Worldmaking.
O mércores 13, ás 19:00 horas, recitará tamén na Bodega de Portobello.

O VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade homenaxea a Andrés Torres Queiruga

Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.
A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.
O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado “Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho” e Rocío Carolo Tosar, “O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga”. A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.”

“Dicir Álvaro Cunqueiro é dicir Mondoñedo”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O investigador e crítico literario Armando Requeixo acaba de publicar unha guía literaria sobre Mondoñedo a partir dos escritos de Álvaro Cunqueiro e outros escritores mindonienses. Requeixo, tamén natural da vila, cre que visitar Mondoñedo é viaxar a un espazo e a un tempo, real e ó mesmo tempo mítico, que ninguén entendeu mellor ca Cunqueiro. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”