Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: presentación de Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
A Coruña: actividades en torno ao Día das Letras Galegas 2018
“O Concello da Coruña rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación “que pon en valor a cultura de proximidade”. (…)
A partires do luns 14, e até o sábado 19, o goberno local promoverá unha serie de iniciativas que inclúen a lectura pública da obra de Moreno desde o balcón do Pazo de María Pita, un concerto no Campo da Leña con grupos galegos, diversas propostas abertas a todos os públicos nas bibliotecas municipais e unha programación específica elaborada, en común, coas librarías de proximidade da Coruña. (…)”
Aquí pode descargarse a programación completa. (…)
Ás iniciativas que se desenvolverán durante toda a semana nas librarías súmase tamén a lectura pública colectiva, desde o propio balcón do Pazo Municipal de María Pita, da obra da autora homenaxeada nesta edición. (…) A proposta, tal e como recordou Sande, comezará ás 12.00 horas deste xoves desde o balcón, “sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. Se non é posible, trasladarase, como o ano pasado, ao salón de Plenos”, explicou o edil. As persoas que queiran intervir na lectura poderán facelo, previa inscrición, a través do correo concellaria.cultura@coruna.es
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén salientou as actividades que a rede de Bibliotecas Municipais está a realizar durante todo o mes para o fomento da lectura en galego, “e que referendan o seu carácter de excelencia e de compromiso coa promoción da cultura”. Así, do luns 14 ao sábado 19, todos os centros ofrecerán préstamo ilimitado de materiais en galego, ademais de acoller, na súa meirande parte, mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega.
Xa o día 15, a biblioteca dos Rosales acollerá un encontro -a partires das 18.30 horas -coa escritora Emma Pedreira, que vén de gañar o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos coa súa obra Lista da compra da viúva, que presentará o vindeiro martes. As actividades abertas á veciñanza completaranse co concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal -e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna-, e que dará a posibilidade de gañar un lote de libros. As bases completas da iniciativa pódense consultar no web www.coruna.gal/bibliotecas.
Ademais, a biblioteca do Centro Ágora está a promover o ciclo Eloxio da Diversidade, dentro da liña de traballo cos centros de ensinanza na súa área de influencia e que inclúe unha ampla programación arredor da efeméride. Desde o 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades que inclúen visitas á Real Academia Galega, ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e da Deputación, ou ao Teatro Colón -nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares-, entre outros espazos.
Tamén durante a noite do mércores 16, o Campo da Leña acollerá un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, “con música crítica e aspectos máis que interesantes”, segundo apuntou Sande. Así, ás 22.00 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.”
O nacemento de Árbore e a aventura da María Victoria Moreno editora
Desde a Real Academia Galega:
“Cando a finais dos anos 80 Carlos Casares decidiu poñer en marcha unha colección de LIX dentro da editorial que dirixía, xa existía algún proxecto co mesmo público obxectivo no ecosistema do libro galego, pero perduraba a necesidade de iniciativas destinadas ao público novo, sobre todo en “dous banzos importantísimos”: por unha banda, o dos primeiros lectores e lectoras e, por outra, o xuvenil, sinala David Otero. Árbore integrou estes elos e os intermedios nunha mesma colección na que, identificados con distintas cores, se presentaban os títulos recomendados por tramos de idade, seguindo unha idea e un formato nos que tamén foron esenciais as achegas de Pilar Sampil e Manuel Janeiro no labor de deseño, apuntan Otero e García Teijeiro.
Desde o principio, os tres codirectores entenderon a idea que buscaba Galaxia: potenciar os autores e autoras galegos nun momento en que o libro infantil e xuvenil na lingua propia se nutría en boa medida de verter ao galego outros autores e autoras do resto do Estado español e europeos de prestixio. “Queriamos ter o mellor en Árbore”, resume Antonio García Teijeiro. “Máis que descubrir carreiras, buscabamos xente de calidade. Recordo, por exemplo, que Paco Martín, que xa gañara o premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, publicou connosco Lembranza nova de vellos mesteres, ou o primeiro libro de Alberto Avendaño, O gato metido nun saco, e Anagnórise, da propia María Victoria, que é un libro de referencia”, repasa. El mesmo, Premio Nacional de LIX en 2017, publicou nesta colección o seu primeiro libro de narrativa, A chave dos soños, e tamén viron a luz neste selo outros de David Otero.
Anagnórise foi un dos libros presentados aquel 16 de xuño de 1988 en Vigo. Inauguraba a liña salmón de Árbore, a dedicada áo público xuvenil, con grande éxito: entre 1988 e 2004 chegou ás 16 reimpresións. María Victoria Moreno foi tamén a autora doutro volume emblemático desta colección, con outras 16 reimpresións: Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo, que verteu ao galego desde o catalán, unha das linguas que dominaba tras estudar bacharelato en Barcelona e licenciarse en Filoloxía Románica. “Foi un traballo de tradución realmente extraordinario”, valora David Otero.
Os ollos do dragón de María Ángels Gardella, As mazás da prosperidade de Hans Christian Andersen e Isto que ves é o mar de Gabriel Janer Manila tamén dan conta nesta etapa do bo traballo de María Victoria Moreno como tradutora, pero o cometido fundamental do equipo directivo de Árbore consistía na lectura e valoración dos orixinais sobre os que despois discutían. “As xuntanzas que tiñamos para decidir que había que publicar ou non desenvolvíanse nun ambiente de moi boa sintonía, nunca houbo un choque, cada un defendía as súas posturas desde o punto de vista literario”, asegura Antonio García Teijeiro. “Os criterios de María Victoria eran moi ben aceptados polos demais, porque realmente tiña un olfacto lector especial, tiña moi claro o que debía ser a literatura para nenos e nenas, mozos e mozas. Ela primaba, evidentemente, que houbese unha boa historia, pero sobre todo a pulcritude lingüística e a calidade literaria”, engade. (…)”
Vigo: entrega do Premio Illa Nova de Narrativa 2018
Entrevista a Siro López, debuxante e humorista
Desde Galicia por Diante, da Radio Galega:
“Siro López preséntanos o libro Falemos de caricatura, en colaboración con Félix Caballero, editado por Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: O cerne galego da Coruña, con José-Maria Monterroso Devesa
A terza feira 15 de maio, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, José-Maria Monterroso Devesa e Avia Veira falarán sobre O cerne galego da Coruña.
Compostela: presentación de Memorias dunha vaca marela, de Afonso Eiré
Compostela: presentación e lectura do libro Os cantos do mar, de Dorothé Schubarth
Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018, Siro López (sábado 12 de maio)
Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
- Sábado 12 de maio (a partir das 12:00 h): paseo con Siro López, Un paseo con Álvaro Cebreiro. Inscricións: desde o 30 de abril a partir das 9.00 horas.
Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.
- Sábado 9 de xuño (a partir das 17:30 h): paseo con María Solar arredor de Os nenos da varíola. Inscricións: desde o 28 de maio a partir das 9.00 horas.
Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.
Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.