Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Xabier P. DoCampo

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 4 de novembro, con Xabier P. DoCampo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

A Coruña: “Galicia encantada”, palestra de Antonio Reigosa

A terza feira 7 de novembro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Antonio Reigosa intervirá dentro do Ciclo Língua, Cultura e País da A. C. O Facho coa súa palestra “Galicia Encantada: A muller no imaxinario mítico-popular galego”.

Andrea Nunes e María Rosendo gañan o premio Illas Sisargas de poesía erótica

Desde Sermos Galiza:
Diáspora de amor balea é o terceiro poemario conxunto que acada o premio. O xurado distinguiu o libro “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”.
Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984), “voces que flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade” en Diáspora de amor balea foron galardonadas co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, a decimosegunda edición, nun fallo que se fixo público a noite do sábado 4 de novembro na Cea das Letras en Malpica.
Diáspora de amor balea é un espistolario a dúas voces “nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación”, sinala o fallo.
Andrea Nunes vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español e é autora de Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011). María Rosendo, que realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social, obtivera o Premio Pérez Parallé no 2010 co libro Nómade.”

Compostela: Vicente Risco. O debuxante esquecido, por Xosé Carlos López Bernárdez

O martes 7 de novembro, ás 19:00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Carlos López Bernárdez pronunciará a palestra Vicente Risco. O debuxante esquecido, nun acto organizado pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

Santiago: presentación de Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral

O martes 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraria Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), en Santiago e Compostela, preséntase Ferro Caaveiro, o arquitecto rebelde da catedral, banda deseñada cun texto do xornalista Henrique Sanfiz e deseños do debuxante Carlos Sardiña, coa presenza dos seus autores, nun acto organizado pola A. C. O Galo.

A Coruña: presentación de Libro dos lugares, de Antón Patiño

O martes 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Berbiriana (Rúa Santiago, 7), na Coruña, Antón Patiño presenta Libro dos lugares. No acto participan, xunto ao autor, Estíbaliz Espinosa, Manuel Rivas e Xabier Romero.

Compostela: XIV Simposio O Libro e a Lectura. Libro ilustrado: outra forma de ler?, os 8 e 9 de novembro