Desde a Real Academia Galega (fonte da foto: RAG):
“Chus Pato ingresou o sábado 23 de setembro na Real Academia Galega como membro de número cunha reflexión sobre a creación poética e os seus límites que profunda na relación da poesía coa linguaxe e a filosofía. A poeta salientou tamén, nun acto celebrado no IES Otero Pedrayo de Ourense, a importancia da poesía para o idioma e reivindicou o dereito dos nenos e nenas a seren educados na arte poética. “O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que il ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente”, expresou. A intervención foi así mesmo unha inmersión no propio proceso creador da autora, unha orientación para a lectura da súa obra, “e tamén de calquera poema que se xestara nas marxes indecisas da linguaxe na procura dunha palabra capaz de dicir o mundo”, valorou o académico Francisco Fernández Rei, encargado de lle dar resposta en nome da RAG.
A sesión extraordinaria e pública, conducida polo presidente, Víctor F. Freixanes, contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, e de moitas outras persoas que ateigaron o paraninfo do instituto para acompañar a poeta neste día. Antes de dar lectura ao seu discurso, Chus Pato quixo recordar a escritora e académica Xohana Torres, finada o pasado 12 de setembro. “Á súa mestría, ao seu ronsel, encomendo as miñas palabras”, arrincou a nova académica. Chus Pato entrou no paraninfo acompañada polas dúas últimas persoas que ingresaron na Academia xusto antes ca ela, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Foi unha imaxe protagonizada por primeira vez só por mulleres, unha imaxe histórica, sinalou o presidente, acorde coa aposta da RAG nos últimos anos por contar co “gran pulo que é a incorporación da muller”, “a presenza activa da muller, da bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro”.
Desde o sábado 23, Chus Pato ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con afecto. “A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai”, dixo a escritora, que recordou xunto a el os demais académicos que o precederan neste posto, Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré Aldao. A cerimonia de ingreso celebrouse no instituto ourensán no que estudou, onde foi alumna doutro académico, Xesús Ferro Couselo. Nunha mañá dos seus tempos de estudante, o académico encubriuna ante a policía franquista insistindo en que estaba na súa aula cando colaborara na distribución de panfletos da UPG no adro do edificio. “Isto, alén de solidariedade, é ensinar Filosofía”, agradeceu. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Rois: presentación de Catro pedras vellas, de Pere Tobaruela
Ourense: presentación de Os nomes do terror
Crónica fotográfica do Paseo Literario Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey
Estas son algunas das fotografías do Paseo Literario por Compostela Compostela en Nordeste, que tivo lugar o xoves 21 de setembro, dirixido por Daniel Asorey. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Lugo: inauguración da exposición Siro. Retrospectiva, 1970-2017
Ourense: presentación de Produtos da civilización perfeccionada, de Nicolas Chamfort
A Coruña: presentación do número 4 da revista O Dez
O luns 25 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Sisargas da Coruña (Rúa San Roque, 7), preséntase número 4 da revista O Dez. No acto participan Lino Braxe, Beatriz Maceda e Óscar Losada, editor e director da revista. Neste número da revista, co tema de portada “O meu ídolo futbolístico”, participan Lino Braxe, Ledicia Costas, Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Beatriz Maceda, Carlos Meixide, Eduardo Sacheri e Manuel Seixas. Nas ilustracións participan Walter Artola, CaricaTorres, Artur Cousiño, Daniel Diebold, Xulia Pisón e Santy Gutiérrez.
A AELG solidarízase coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e esixe que remate a vixilancia especial contra as institucións literarias catalás
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, AELG, manifesta publicamente a súa solidariedade coa Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC, na denuncia do sometemento a «vixilancia especial» da Institució de les Lletres Catalanes e o Servei de Biblioteques de la Generalitat. Isto significa que teñen intervidas as contas e as partidas reservadas para as actividades, é dicir, dun golpe o goberno central vén de pór a 0€ estas institucións, impedindo a realización das actividades culturais que lles corresponden.
No caso concreto do Servei de Biblioteques suspéndense, segundo afirmou o propio servizo, actividades de fomento da lectura, xornadas profesionais, traballos do catálogo e do carné único ou a compra de libros.
Desde a AELG expresamos o noso apoio e a nosa solidariedade cos escritores e escritoras catalás e denunciamos esta persecución sen límites contra a cultura catalá. Non existe ningún motivo, ningunha razón, ningún argumento legal nin paralegal, que xustifique unha actuación que é contraria a un sistema que se autoproclama democrático.
A AELG esixe que se poña fin á vixilancia especial contra estas institucións e o que é, de feito, unha persecución contra a cultura e a lingua catalás.
A AELG envía unha fraternal aperta ás e aos colegas da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e exprésalles o seu apoio na súa denuncia desta intervención inxustificábel.
23 de setembro de 2017
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Cangas, Cambados e A Estrada: Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.
Estes son os seguintes roteiros programados:
Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira’.
Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.
A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.
Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017
Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.
Para a inscrición, as persoas interesades deben enviar os datos (nome completo, teléfono e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 18 de setembro. Inscrición por orde de chegada ao correo. Prazas limitadas.
– Sábado 23 de setembro, Pontevedra e a literatura infantil e xuvenil, con Eva Mejuto.
Este roteiro procura, a través da miña experiencia persoal e profesional, facer un percorrido de Pontevedra usando como fío condutor a LIX, que vai desde a presenza na cidade das editoras Kalandraka e OQO (ás que estiven vencellada nestes case vinte anos da miña vida na boa vila), á Facultade de Belas Artes, onde dou aulas no Master de Libro Ilustrado, facultade da que saíron ilustradores e ilustradoras de recoñecemento internacional.
– Sábado 30 de setembro, A voz secreta das pedras, con Xesús Constela.
O punto de partida será o cruceiro da Igrexa de Santa María. Despois entraríamos na propia igrexa para falarmos da contraportada (non vou desvelar agora o segredo)…