Marga do Val: “Hai unha conexión moi clara entre Sobredo e a represión do 36”

Entrevista a Marga do Val en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como transcorren os acontecementos de Sobredo (lugar da parroquia de Guillarei, en Tui)?
– Marga do Val (MdV): O día 28 o xuíz e a Garda Civil preséntanse en Sobredo para embargar os bens a un veciño que non pagou o foro. Tocan as campás das igrexas a rebato, para avisar de que chega a Garda Civil e o xuíz. É moi impresionante cando as xeracións das e dos maiores nos contan este feito, como se transmitiu ás familias e ás novas xeracións, trazan un relato épico que nos axuda a visualizar a xente traballando no campo, como deixa todo e vai correndo para Sobredo. Concentráronse alí máis de 2 mil persoas das parroquias da contorna. Foi terríbel a represión da forza pública. A garda civil a cabalo, disolvendo a manifestación a tiros, provocou que houbera varias persoas feridas. Tres persoas quedaron mortas no sitio –esta é a expresión se emprega no relato–, Cándida Rodríguez González, Joaquín Estévez Besada e Venancio González Romero. É moi curioso porque o nome de Cándida, na época, non se recollía en moitos lugares, aparecía na prensa “y una mujer”, o que dalgunha maneira nos fai ver como as mulleres aparecen silenciadas na historia aínda que sexan protagonistas de sucesos como estes. O acontecido chega inmediatamente a Madrid, ao Parlamento, e á prensa. Manuel Portela Valladares é a voz dese pobo masacrado en Sobredo e o no xornal Galicia temos a mellor crónica da época.
– SG: Cal é a relación que se estabelece entre o golpe de 1936 e a posterior represión e os acontecementos de Sobredo?
– MdV: Por exemplo, un neno de 14 anos caeu ferido e hai unha crónica de xornais da época que conta como o doutor de Tui, Alejo Diz, foi visitalo pola noite para atendelo na casa. Alejo Diz sería un dos médicos fusilados en Tui no 36. Hai unha clara relación moi ben estabelecida polo historiador Bieito Alonso entre os sucesos de Sobredo e os que van ocorrer en Tui a partir de 1936. É moi interesante porque moitas das persoas que van fusilar no 36 xa son detidas en 1922, por exemplo, Enrique Jaso Paz. En 1932 ergueuse o monumento, obra do escultor Camilo Nogueira, para conmemorar o décimo aniversario dos sucesos –entre os oradores do acto estaba Antón Alonso Ríos– e destruíuse con dinamita no 36. Rebentárono e alí quedaron as pedras, no chan, entre a herba. Esa destrución simbolizou a represión que padecería Tui a partir de entón.
O primeiro acto que se fixo foi no 86, con motivo dos 50 anos do derrubamento do monumento, pola entidade Xunta Xestora pro-reconstrución do Monumento aos Mártires de Sobredo. En 1987 fíxose o segundo acto de memoria e iniciáronse os traballos de recuperación. No 88 reconstruíuse o monumento aos mártires, obra de Enrique Velasco e a partir de 1989 cada ano faise esta conmemoración.”

Axenda Feminista 2018 do Observatorio da Mariña pola Igualdade

Como vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade ultima a Axenda Feminista 2018 que xa vai pola súa oitava edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala.
En edicións anteriores a Axenda Feminista escolleu como protagonistas a galegas dedicadas á música, á escrita, ao teatro, á poesía, á ciencia e ás labregas en leiras de mar e de terra.
Neste ano 2018 a temática da Axenda Feminista 2018 será desvelada nas presentacións da mesma que serán:
– O venres 15 de decembro, ás 19:00 h na libraría Porta da Vila en Viveiro. Contaremos este día coa presenza de Laura Bugalho, Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira.
– O sábado 16 de decembro ás 12:00 h na libraría Lila de Lilith en Santiago de Compostela. Ese día estarán con nós Laura Bugalho, Paz Filgueira, Antonina Semedo, Marisela González e Iria Villar.
– O martes 19 de decembro ás 20:30 h na libraría Bahía de Foz. Contaremos coa presenza de Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira.
A Axenda Feminista 2018 mantén o formato do ano anterior: tamaño A5, tapa branda, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Abi Castillo.
O prezo da axenda son 14 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 12 euros) e poderase atopar nos seguintes puntos de venta:
Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Vilalba: Libraría O mundo de Suevia.
Lugo: Libraría Trama.
Sarria: EcoEspazoVitriol.
Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
A Coruña: Livraria Suévia.
Arzúa: Papelería Cartafol.
Vigo: Libraría Andel.
Allariz: Aira das letras.
Pontevedra: Libraría Paz.
Agradecemos máxima difusión neste senlleiro proxecto feminista.

I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

O I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz está organizado pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan o I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.
Esta é unha actividade complementaria das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada, coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.

OBXECTIVO
O noso obxectivo é potenciar a novos escritores e escritoras en lingua galega para que desperten ou manteñan vivo o vicio de ler en nenos/as e mozos/as. Queremos fuxir da literatura infantil e xuvenil utilitaria e reivindicar o dereito a ler como fonte de gozo desde idades temperás.

PARTICIPACIÓN
Poderán participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos deberán ser inéditos.

PRAZO DE PRESENTACIÓN
A data límite para a recepción de textos será o 24 de febreiro de 2018.

ENVÍO DE ORIXINAIS
As obras que se presenten terán un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise. Os/as participantes enviarán o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo candolernonserve@gmail.com co asunto “I Concurso Agustín Fernández Paz”. Para alén dos relatos, os participantes incluirán tamén outro documento en que figuren os seus datos persoais: nome, apelidos e teléfono de contacto.

XURADO E FALLO DO PREMIO
Unha comisión composta por especialistas no campo da literatura infantil e xuvenil seleccionará un dos textos aténdose á calidade literaria, á orixinalidade e á creatividade.
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, a teor do criterio dos membros da comisión, o premio poderá declararse deserto. Este reunirase na segunda quincena do mes de marzo e dará a coñecer a obra premiada o día 2 de abril a través da web da Facultade de Ciencias da Educación (http://www.educacion.udc.es) e da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (http://www.aelg.gal).

PREMIOS
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación. Se a comisión considera de calidade outras obras non gañadoras, estas poderán recibir un accésit e participar tamén da dita exposición.

ACTO DE ENTREGA
O galardón entregarase nun acto organizado pola Facultade de Ciencias da Educación o 23 de abril. As persoas recoñecidas, ben co premio, ben con accésits terán que acudir en persoa.

Entrevista a Antonio M. Fraga: “A literatura salvoume a vida porque lle deu o sentido do que antes carecía”

Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Por que escribir unha carta a H.P. Lovecraft e non a outro escritor?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Todo partiu da casualidade. Eu estaba a me documentar sobre escritores que se suicidaran para un libro de relatos que nunca cheguei a escribir. Foi procurando información para ese proxecto cando batín coa historia de Robert E. Howard. Pensei naquel intre que a morte de Howard tiña elementos dabondo para conformar os alicerces dunha novela, que –por suposto –tiña que encadrarse dentro terror cósmico instaurado por Lovecraft. Despois, á hora de conformar a novela, pensei que botar man do xénero epistolar podería ser unha boa solución para lle dar ao texto ese aspecto de confesión que procuraba. (…)
– L: Como prende en ti a chama da literatura? Cando decides que queres escribir?
– AMF: A través da lectura. Supoño que a necesidade de non ser só receptor de historias, senón tamén emisor, foi o que me levou a dar o salto. Como afección, escribo desde moi novo, talvez desde a adolescencia. Dun xeito máis consciente, máis serio se se quer, desde o ano 2011. Daquela quixen crear un conto para lle dedicar á miña sobriña Icía, que aínda non nacera, e tanto me gustou a experiencia que continuei por ese camiño. E até hoxe! (…)
– L: Falas do suicidio, da morte, da soidade e da insatisfacción persoal. Ten a literatura unha función salvadora?
– AMF: Totalmente. É case un exorcismo. A idea da morte angústiame tanto que me deixa paralizado. Sei que, a medida que envelleza, necesitarei axuda psicolóxica para afrontar esta cuestión ou tolearei. Dígoo en serio. Escribir sobre iso sérveme de válvula de escape. Ademais, facelo sobre temas que realmente me preocupan coido que lle engaden á historia un pouso de honestidade que doutro xeito non tería. Dalgún xeito, a literatura salvoume a vida, porque lle deu un sentido do que antes carecía.
– L: A túa máis recente novela é A virxe das areas, que, segundo xa comentaches nalgunha ocasión, parte dun soño que tiveches un día, no que escribías esta novela sobre a aparición dunha rapaza sen memoria nun piñeiral. Que máis nos podes contar dela?
– AMF: A virxe das areas foi un exercicio literario no que aprendín moitísimo como narrador. Está ideada como un folletín, dividida en capítulos moi curtos onde sempre acontece algo. Pretende xogar con diversos elementos da novela negra, á que dalgún xeito parodia. A historia imaxineina conxuntamente con Olaia Sendón, unha cineasta amiga miña. Iso serviume tamén para lle dar un aspecto máis visual. É certo que partín dun soño no que un xubilado de Pontedeume, a miña vila, investigaba a misteriosa aparición dunha moza que perdera a memoria. Ese foi o punto de partida para tecer a arañeira de segredos que conforma a novela. (…)”

María Canosa: “Para chegar a máis público necesitamos máis oferta de libro en galego”

Entrevista a María Canosa en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): É vostede arestora unha das escritoras máis prolíficas en lingua galega. Se non me fallan as contas, publicou desde o 2015 doce obras, unha delas en colaboración con Concha Blanco. Dá unha media de libro por trimestre. Cal é a razón desta concentración? Cal é o seu método de escrita: Escribe cada día? Corrixe moito?
– María Canosa (MC): Eu son moi irregular escribindo, quero dicir, non sento cada día cun horario establecido para escribir. Unha, porque non podo, e outra, porque non é o meu estilo. Non sei se podería escribir diariamente, mais si é certo que cada día vou dándolle moitas voltas á cabeza coas historias que levo dentro, ou con aquelas que creo que aínda non saíron pero loitan por agromar. Son, por tanto, escritora cada día, pero sen esa “obriga” de escribir. Concibir unha historia é moito máis ca poñela en palabras sobre o papel. De feito, moitas veces lévame máis cociñala na cabeza ca o propio feito de escribila.
A razón de que nestes últimos anos saísen unhas poucas obras é produto dun traballo continuo, un traballo de escrita que moitas veces non vai parello coa época de publicación. Intento non deixar de ilusionarme nunca coas historias e libros, pero moitas veces non se publican cunha frecuencia periódica. Así que continúo a escribir, mentres os textos quedan no caixón. E ás veces, cando deciden ver a luz, decídeno máis de un á vez… de aí unha produción que coincide na publicación pero non no tempo de creación.
É por iso que non ten que levar a pensar que un ano moi produtivo en canto a publicación vaia parello cunha maior velocidade na escrita.
En canto ao de corrixir… depende un pouco do tempo que pase desde que o escribín até que o volvo retomar. Canto máis distancia, máis doado me resulta facer correccións. Hai veces que a corrección fai que o texto quede no caixón. (…)
– B: Hai varios debates ao redor da LIX en galego. Interésame coñecer a súa opinión sobre se existe dependencia sobre o libro escolar no sistema editorial, se iso inflúe nos creadores á hora de escolleren sobre que escribir e para quen?
– MC: No meu caso, algo que si aprendín é a crer un pouco en min e no que escribo. Hai temas ou xeitos de escribir que non creo que sexan os predilectos a priori polos lectores pero… si considero que son necesarios. Por poñer un exemplo, con Muriel optei por valorar a sensibilidade e incluso a tristura. Estou convencida de que os cativos preferirán as aventuras, os misterios… Muriel é un neno tranquilo, que precisa do seu tempo para tomar decisións e atreverse… Incluso os elementos utilizados: un leiteiro, un raposo… poden tirar a “tradicionais”, case como un regreso aos contos de sempre. Non introducín á forza elementos que supostamente son clave para atraer lectores. Pero son teimuda nas miñas crenzas, e avogo pola sensibilidade. Que non “vende”? Pode ser… pero eu considéroa tan necesaria… que non podo evitalo. (…)
– B: Vostede ten publicado con editoras grandes e pequenas, máis veteranas e con menor experiencia. Dado o seu coñecemento do mapa editorial, como o valora? Que se está a facer ben? Que falta? Que cousas poderían facerse mellor dentro das posibilidades do noso mercado?
– MC: O que máis me gusta é a diversidade de voces que podemos atopar. Hai novos formatos, novos estilos, novas voces… A oferta é cada vez maior, e iso está sempre moi ben.
Para chegar a máis público necesitamos máis oferta de libro en galego, e cada vez vai medrando, co cal estamos no bo camiño.
Que falta? É difícil saber, porque intúo que é un cúmulo de cousas, non unha soa. Falta medrar máis. Eu diría que nos falta algo de fachenda aínda. Que nos vexamos ao mesmo nivel que noutros lugares, que valoremos o noso do mesmo xeito que o facemos co que vén de fóra. Porque calidade hai! (…)”