Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ramón Nicolás: “Identidade fronte unha guerra sen bombas. Conversa con Mario Regueira”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Mario Regueira en Qué leer, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Transitan con frecuencia na súa obra as clases sociais menos favorecidas e nunca faltan reflexións sobre as identidades… Por que?
– Mario Regueira (MR): En Galicia a cuestión identitaria é un debate recorrente, algo que no meu caso se suma ao feito de proceder dunha cultura de traballadores de estaleiro nunha bisbarra (Ferrolterra) en crise permanente e infinita. No meu contexto vital, a clase traballadora foi sempre a protagonista, mesmo a pesar das veces que se pretendeu borrala da historia, unha lectura que creo que pode ser extensible a outros escenarios e máis nestes tempos.
– RN: No seu último libro poético O silencio (2012) rastréxase unha preocupación por analizar o discurso da guerra e a violencia…
– MR: Algún día recordaremos estes tempos de crise económica como os nosos avós lembraban o panorama devastado da posguerra, aínda que non vísemos caer ningunha bomba. O silencio está construído sobre esa idea, as imaxes bélicas que o poboan tratan de destapar esa guerra de exterminio sen bombas que sofre hoxe unha parte da sociedade.
– RN: Como crítico literario, cal é a súa valoración do noso panorama literario?
– MR: A literatura galega vive moi mediatizada polo seu propio contexto político, así que a situación global nos últimos anos é claramente negativa. Non obstante, os tempos de carestía son sempre un reto á creatividade e nese sentido, os nosos creadores responderon sempre a un alto nivel.”
Convocados o XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o VIII Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o XI Premio Barriga Verde
Rianxo: Slam Ferve a Lingua
Cuestionario Proust: Santiago Jaureguízar
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Santiago Jaureguízar:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O desencanto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Fidelidade e que non me chamen a mediodía mentres estou comendo.
4.– A súa principal eiva?
– O mal carácter.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasmar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Todo o que acontece nos soños.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedarme sen café.
8.– Que lle gustaría ser?
– Corsario (marítimo).
9.– En que país desexaría vivir?
– En Estados Unidos, Alemaña, Gran Bretaña, Xapón,… en calquera potencia capitalista e moderna.
10.– A súa cor favorita?
– Vermella sangue.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As calas que coidaba un meu avó vasco cando nos visitaba en Ribadeo.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal. Son pardos e abundantes coma as ratas, pero voan e non amolan.
13.– A súa devoción na prosa?
– George Simenon, Norman Mailer, Xosé Cid Cabido.
14.– E na poesía?
– A poesía provócame baixóns de tensión, pero leo con gusto a Lois Pereiro.
15.– Un libro?
– A illa do tesouro.
16.– Un heroe de ficción?
– Maigret.
17.– Unha heroína?
– A que consumía Lou Reed.
18.– A súa música favorita?
– Todo o que hai entre Corelli e Rage Against The Machine, incluído Miles Davis.
19.– Na pintura?
– El Greco, Rothko, Haring.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os heroes e os deuses morreron na vella Grecia.
21.– O seu nome favorito?
– Calquera que non sexa o meu.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de educación.
23.– O que máis odia?
– Que me falen polas mañás antes de tomar un café.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os pistoleiros que mataban rojos en Ribadeo.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei que pode ter de admirable un feito militar. Interésame a derrota de Darío por Adriano.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Don de xentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Caendo da cama.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Enfadado co mundo, somnolento.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A contradición entre as ideas e os modos de vida.
30.– Un lema na súa vida?
– Un dito chinés: Unha viaxe de mil quilómetros empeza cun paso.”
Acordos da Asemblea Xeral e Extraordinaria de Socios-as da AELG
A
Asemblea de Socias-os da AELG celebrada o pasado sábado, 8 de febreiro, no Museo do Pobo Galego, aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector-a e socio colaborador-a para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación. Aprobáronse os informes económico e de actividades de 2013 e 2014. Tamén os nomes das persoas e entidades que na próxima Gala das Letras (que se celebrará en Pontevedra o día 3 de maio) recibírán os Premios “Os Bos e Xenerosos” e “Institucións Culturais”, que terán ambos o teatro como protagonista, así como Premio AELG “Mestras-es da Memoria”. A vixésima homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” dedicaráselle ao Xabier P. DoCampo, o 14 de xuño en Ribeiras de Lea.
Premio “Os Bos e Xenerosos”
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará representantes de todas os ámbitos da escena galega:
- A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional.
- Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
- A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que merecen destaque da AELG.
Premio AELG 2014 “Institucións Culturais”
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará:
- O proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego.
- Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste.
- Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
Premio “Mestras-es da Memoria”
Xabier Blanco e Elba Requeijo serán os informantes recoñecidos nesta segunda edición.
O Escritor na súa Terra – Letra E
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
O calendario de actividades a desenvolver no primeiro semestre de 2014 é o seguinte:
- 19 de febreiro: Ofrenda poético-floral a Xosé María Díaz Castro.
- 23-24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro.
- 28 de febreiro: Coplas de Entroido.
- 4 de marzo: Homenaxe a Xela Arias.
- 3 de maio: Gala das Letras.
- 14 de xuño: O Escritor na súa Terra – Letra E.
Guitiriz: Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais, por Xosé Antón Cascudo, os 22 de febreiro, 1 e 8 de marzo
Cangas: presentación de Sete caveiras, de Elena Gallego
O
mércores 12 de febreiro, ás 20:00 horas, na sede de FECIMO (Avenida de Vigo, 91) de Cangas, preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xosé Bangueses e Manuel Bragado.









