Desde
Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
As Pontes: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O
luns, 22 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, terá lugar a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística das Pontes, coordinada por Mónica da Silva.
Xesús Alonso Montero, novo presidente da Real Academia Galega
Desde
Sermos Galiza:
“(…) A candidatura presidida por Xesús Alonso Montero conseguiu gañar en votos á encabezada por Manuel González, que representaba a sucesión continuista da executiva de Xosé Luís Méndez Ferrín. Canda Xesús Alonso Montero, entran na executiva da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo como secretario, Margarita Ledo no posto de arquiveira, Andrés Torres Queiruga como tesoureiro e Rosario Álvarez como vicesecretaria. Na candidatura de Alonso Montero presentábanse dúas das tan só catro mulleres que compoñen, polo de agora, o plenario da institución. (…)”.
Pontevedra: presentación de Desde unha estrela distante, de Agustín Fernández Paz
O
martes 23 de abril, ás 11:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con motivo da celebración do Día do Libro, Agustín Fernández Paz, acompañado de Manuel Bragado, falará do seu novo libro Desde unha estrela distante, publicado en Xerais, con escolares do CEIP Vidal Portela de Pontevedra.
Ferrol: o martes 23 de abril finaliza a Feira do Libro
O
martes 23 de abril finaliza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados:
– 19:00 h. Presentación do libro Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, do escritor ferrolán Antón Cortizas, con ilustracións de David Sierra Martínez, publicada por Edicións Xerais de Galicia.
– 20:00 h. Charla coloquio arredor do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado por Edicións Xerais de Galicia, coa presenza de Luís Ferreiro e Fran Alonso acompañando o autor.
Vigo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira
O
martes 23 de abril (Día do Libro), ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n), preséntase o libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicado en Xerais. No acto participan Abel Caballero, Isaura Abelairas, Anxo Angueira e Manuel Bragado. Alba M. Rodríguez Díaz cantará dous temas rosalianos e a poeta Luciana recitará varios poemas.
Carlos Callón: “O obxectivo é facer que os galego-calantes pasen a ser galego-falantes”
Entrevista
a Carlos Callón en Radio Redondela:
“O filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Linguïstica salientou, durante a presentación do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez “a necesidade de animar a todos aqueles galegos que aman o galego a que dean o paso de falalo”.
O libro, editado por Xerais, ofrece de xeito desenfadado e mediante anécdotas diferentes consellos útiles para todos aqueles que queiran dar o paso de usar o galego e mellorar na súa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos, moitas veces, non son de orixe gramatical senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua galega, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.
No transcurso da charla Callón aproveitou para lembrar que un idioma pode ir esmorecendo de xeito radical pola adopción de políticas lingüísticas e puxo como exemplo o cambio de sinalización nas estradas que nestes días fai que na AP-9 os sinais de “Peaxe” se cambien por outros de “Peaje” ou ben de xeito paulatino por comportamentos individuais froito da presión social que fan que a lingua deixe de estar presente na relación dos máis vellos coas novas xeracións.” (…)”.
A Coruña: De nome Rosalía, recital poético e musical do Grupo Ouriol
O
martes 23 de abril, ás 20:30 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar De nome Rosalía, unha homenaxe en forma de recital monográfico dedicado á súa poesía no 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a cargo do Grupo Ouriol (Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga).
Os escolares galegos premian ao muxián Rivadulla Corcón
Entrevista
a Xosé Henrique Rivadulla Corcón en La Voz de Galicia:
“”Este premio debe considerarse para todos os muxiáns de ben, porque está escrito coa inspiración da lenda da Furna da Buserana, a lenda nacional dos muxiáns, e porque está tecido cos vimbios da cultura propia de Muxía, e por suposto de toda a Costa da Morte». Desta forma tan poética e tan propia del, agradecía o escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón as primeiras felicitacións polo seu novo premio literario, o Frei Martín Sarmiento, que acadou pola novela O noso amor será eterno. Un galardón que gaña por cuarta vez e que recoñece as mellores obras publicadas durante os dous anos anteriores a xuízo dos escolares galegos. «Este tipo de recoñecementos son moi satisfactorios, porque están referendados polos propios lectores, que amosan deste modo que lles gusta o que escribiches», explicaba o autor, que recibiu o premio na Festa da Lingua, celebrada o mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Rivadulla Corcón, que acadou a recompensa na categoría de 3.º, 4.º e Bacharelato, amosouse especialmente contento porque, segundo explicou, O noso amor será eterno, incluído na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais e publicado a finais do 2011, é a súa obra máis muxiá e persoal. «É unha novela moi especial para min, porque está baseada na cultura da miña vila. Parte da lenda da Furna da Buserana e fala da forma de ser e da cultura muxiá, o mar e algo central na historia e incluso penso que ten certo valor etnográfico, porque recolle, por exemplo, xoguetes da miña infancia, a importancia do máis alá na cultura galega o a importancia da solidariedade entre as xentes do mar», contaba Rivadulla Corcón. (…)”.
Chamamento da Asociación Galega de Editores a prol da posta en marcha dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia
“Ás
portas da celebración do 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a Asociación Galega de Editores fai un chamamento á cidadanía galega e aos poderes públicos para poñer en valor o libro e a lectura como canles primeiras de acceso ao coñecemento e ao gozo da creación literaria. Razóns polas que RECLAMAMOS
1. O recoñecemento efectivo do sector do libro como sector da industria cultural de carácter estratéxico prioritario para Galicia.
Segundo se recolle no Preámbulo e no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
2. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías.
Desenvolvendo o establecido no artigo 11 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
3. A creación do bono cultura por parte da Xunta de Galicia.
Instrumento de incentivación e apoio ao consumo cultural e á dinamización das canles de comercialización de produtos culturais.
4. A ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública.
Desenvolvendo o establecido no artigo 22 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
5. Apoio ao desenvolvemento da rede de bibliotecas escolares e de aula en todos os centros educativos non universitarios.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 13, 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
6. Apoio á promoción e fomento da creación de bibliotecas familiares.
Desenvolvendo o establecido no artigo 24 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
7. A adquisición de todas as novidades editoriais en lingua galega destinadas ás 465 bibliotecas públicas de Galicia.
Desenvolvendo o establecido nos artigos 7 e 16.3 da Lei 17/2006 do libro e da lectura.
8. A posta en marcha dun plan de fomento da lectura, con especial atención a súa presenza en televisión, internet e nas redes sociais.
Desenvolvendo o establecido no artigo 4 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
9. A posta en marcha dun plan cuatrienal de tradución para o galego.
Desenvolvendo o establecido no artigo 6 da da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia.
10. A creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo.
Entidade encargada da difusión das axudas á tradución de obras publicadas en galego a outras linguas, de organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e da información web sobre o libro e a literatura galega.
Galicia 23 de abril de 2013.”