Convocatoria de dramaturxias en galego para a Revista NÚA

A revista NÚA adicará o números 9 á publicación de dramaturxias en galego cun carácter experimental e de vangarda.

– Máximo 10 páxinas.
– Times Roman 12, interlineado 1,5.
– (Admítese material gráfico ou de outro tipo).

Como participar?
Envía os teus traballos antes do 7 de xaneiro a nua.escena@gmail.com
Escribe no “asunto”: Para NÚA 9
No corpo da mensaxe pon os teus datos.
Adxunta o arquivo sen firma.

Un equipo nomeado por NÚA fará a selección dos traballos recibidos. Cos textos seleccionados, NÚA editará unha antoloxía no ano 2013. Os autores responderán da orixinalidade e autoría das obras enviadas, que serán inéditas ata o momento da súa publicación en NÚA.

Manuel Lourenzo González: “A alienación conséguese co vello truco da cenoria”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Lourenzo González en Dioivo:
“O Estado Único Universal controla ata o último detalle da vida dunha cidadanía alienada e submisa. A propaganda, a relixión, as drogas, o consumismo e os medos fabricados desde o poder manteñen a poboación na absoluta ignorancia da realidade. A felicidade é tan virtual como falsa e a liberdade é pura ilusión. Así é Atl, o mundo creado por Manuel Lourenzo González na súa última novela, publicada hai uns meses por Xerais. Dela falamos co autor días despois dunha das últimas presentacións da obra.
– Dioivo: O libro naceu dun guión de banda deseñada. Como foi?
– Manuel Lourenzo González: Cada libro ten a súa propia historia. Este naceu hai cousa de quince anos a partir da petición dun amigo debuxante chamado Manuel Fragoso que desexaba que lle preparase un guión para un álbum de banda deseñada. A única indicación que me deu foi que na historia figurase unha fábrica de queimar libros. Pois ben, a partir desa idea, fun tecendo o bosquexo dun relato que cada vez se complicaba máis ata converterse en algo que o meu amigo non foi capaz de asumir porque resultaba inabarcábel mesmo para unha novela gráfica. O guión aínda correu polas mesas doutros debuxantes, entre eles Miguelanxo Prado, que o considerou seriamente, mais o problema do tamaño foi definitivo. Daquela, ficou gardado nunha gaveta ata que o recuperei anos despois e, achando que me seguía a gustar, decidín convertelo en novela. (…)”.

A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos

O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Santiago: presentación de Baldo Ramos como novo colaborador da Galería Bus Station Space

O mércores 5 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Bus Station Space (Praza Camilo Díaz Baliño, 17, baixo) de Santiago de Compostela, e con motivo da inauguración da exposición Momentos, de Valentín Jaramillo Arévalo, preséntanse os novos artistas colaboradores da galería: Baldo Ramos, Elías Cueto e Javier de la Rosa.

Boiro: nova edición do Slam Arousa

“Slam Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, en Boiro, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22:30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco).
Normas de recitado slam.arousa:
– Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
– Non podes usar música, disfraces ou accesorios.
– É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
– Non é imprescindible saber o texto de memoria… pero axuda, claro!
– Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
– Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
– O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor para deleitar ao público.” Desde Certo.

Camilo Nogueira: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”

“Montse Dopico publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha reportaxe sobre o libro Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira.
Combater a ideoloxía de “España como nación única” e restaurar o lugar na historia da Galicia medieval foi o obxectivo de Camilo Nogueira ao publicar, no 2001, o seu libro A memoria da nación. O reino de Gallaecia. O político nacionalista afonda nesas mesmas cuestións nas súas dúas últimas obras, A rota do sol (Laiovento) e Para unha crítica do españolismo (Xerais). Explicouno nunha recente presentación en Santiago deste último ensaio: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”. E este é, ademais, ao seu ver, un dos alicerces principais da lexitimación política da concepción da “nación única” española. Calquera debate sobre a renovación da estrutura territorial do Estado español está condicionado pola idea de España que, de fondo, cada quen asuma. Nas diferentes interpretacións historiográficas sitúase, así, un dos fundamentos da controversia. “Para unha boa parte da opinión pública española, e sobre todo para o nacionalismo conservador español, España é un produto dunha historia común dende polo menos os Reis Católicos, senón desde antes (a Hispania romana, os visigodos). Aí seguen vixentes moitos dos mitos historicistas do nacionalismo español do XIX”, explica o historiador e profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.” A reportaxe pódese descargar aquí.” Desde Xerais.

Entrevista no Eirado a Antonio Seijas, autor de Cartas de inverno

“O programa da TVG Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, emitiu unha entrevista con Antonio Seijas, autor da novela gráfica Cartas de inverno, baseada na novela homónima de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.

Convocado o XX Premio Xornalístico Puro Cora

El Progreso convoca o Premio Puro Cora en lembranza de tres xeracións de informadores e homes de empresa baixo cuxa dirección o diario percorreu os 85 primeiros anos do seu Centenario, celebrado en 2008: Purificación de Cora y Más-Villafuerte, Purificación de Cora Sabater e Purificación de Cora Paradela. O premio rexerase de acordo coas seguintes bases:

O Premio Puro Cora concederase anualmente a aquela persoa que a criterio do xurado teña contribuído a ennobrecer o papel dos medios de comunicación en calquera das súas facetas, tanto a nivel nacional como internacional e con anterioridade a esta convocatoria.
Para a XX edición do premio, os colexios profesionais, academias, asociacións da Prensa, clubes de xornalistas, medios de comunicación ou calquera outra institución ou asociación legalmente constituída poderán presentar as candidaturas que consideren oportunas ata o 31 de decembro de 2012.
En cada proposta deberá facerse constar quen a promove, os méritos que a avalan e unha breve biografía do candidato.
O premio, único e indivisible, é de 10.000 € e trofeo.
O xurado, ao fronte do cal estará como presidente vitalicio o do Consello de Administración de El Progreso, fará público o seu ditame o día 2 de febreiro de 2013, aniversario do nacemento do fundador do diario.
A presentación de candidaturas implica a aceptación destas bases. O xurado poderá propoñer candidaturas e resolver sobre calquera eventualidade.”

A Coruña: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro

O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, no Café de Macondo (Rúa San Andrés, 106) da Coruña, preséntase Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Rivas, Xurxo Souto e o editor, Antón Lado.