O
martes 6 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Do amor, coa participación de Pablo Fidalgo, Renata Otero e Claudio Rodríguez Fer. A entrada custa 2 euros.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Manuscritos: Francisco X. Fernández Naval
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
A Coruña: recital de Xabier Cordal e Marko Pogačar no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns 5
de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xabier Cordal e a figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Máis información neste arquivo: Di(n)versos novembro 2012.
As voces de Celanova e Baixa Limia
Artigo
de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“Como sabemos a literatura galega é inseparábel do seu contexto socio-político, ao que van ligadas as súas loitas pola visibilidade e unha boa parte da noción de conxunto que temos os seus escritores. Nese sentido, e na comparación odiosa con outras literaturas que tiveron mellor sorte histórica, queda sempre un paso por detrás o tratamento que lle damos á literatura local, a que está fixada a un territorio aínda máis reducido que o que loitamos a diario por visibilizar. Estas literaturas rexionais, tomadas ás veces cun certo escepticismo por parte dos axentes que se moven no campo nacional, poderían corresponder a un dos eidos máis marxinalizados da nosa cultura. E porén, a pesar diso, as realidades locais móvense profusamente e maniféstanse en iniciativas como o Día das letras chairegas ou en traballos editoriais de interese local específico como os que abundan en Ferrolterra. Na súa maioría corresponden a movementos artellados ao redor de asociacións, librarías ou pequenas editoras, e que aglutinan ademais a unha miríade de autores diversos. A última achega deste fenómeno é a antoloxía Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e que serve para conmemorar o cuarto de século da libraría Conde de Celanova cunha colección de voces vivas, tanto de autores consagrados, como de persoas relevantes do punto de vista cultural que achegan a súa particular visión destas terras e da súa ligazón con elas. Sen un tema nin un xénero específico, as distintas achegas van da creación literaria, aos apuntamentos de historia ou lingüística, pequenas anécdotas ou lembranzas asociadas a aquela terra. (…)”
Guitiriz: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez
O
sábado 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Habanera de Guitiriz, preséntase Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG, nun acto organizado pola A. C. Xermolos e a A. C. Rosalía de Castro de Barakaldo, e no que intervirá o propio autor.
Cartas de inverno e un lapis dixital
Reportaxe
en Praza:
“(…) As orixes do proxecto [Cartas de inverno] agroman cando Antonio Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia… É unha obra redonda”. (…)
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade…”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”. (…)”.
Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro
O
venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.
O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:
Venres, 9 de novembro
– 16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
– 17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
– 19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.
Sábado 10 de novembro
– 10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
– 11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
– 12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
– 16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
– 18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.
A entrada é de balde.
A Coruña: obradoiro de creación literaria Historias da Cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, con Xurxo Souto
Co
título Historias da cidade-barco. A Coruña, capital do mar, a Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pon en marcha o seu sexto obradoiro. Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolverá a partir do venres 9 de novembro, ás 19:00 horas, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:
– Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
– Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do mar.
– Do antigo gremio de mareantes.
– Toponimia e talasonimia do mar da Coruña.
– Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
– A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
– A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.
A inscrición, gratuíta, farase por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis, a través dos seguintes medios:
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Teléfono: 981 133 233 (luns a xoves, de 08:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00; venres, de 08:30 a 14:30 horas).
Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.
Parlamento das Letras: Paco Martín
Entrevista
de Armando Requeixo a Paco Martín no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paco Martín (PM): Faltan os mecanismos precisos para lograr lectores ben formados: medios abondo para que a crítica chegue a todos, prestixiando o seu oficio, o do escritor e mais o do editor… Sobrar, se cadra esa especie de afán intervencionista ao que tan afeccionados somos por aquí. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PM: Boa. Ao nivel de calquera e mesmo diría que, por veces, por riba do que en teoría debera ser. (…)”.


