A Insua dos Poetas: Xosé María Díaz Castro será o homenaxeado na III Festa da Palabra

O sábado 9 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarmás, no límite entre O Irixo e Carballiño), terá lugar a III Festa da Palabra, cunha homenaxe a Xosé María Díaz Castro. O mantedor do acto será Luciano Rodríguez Gómez.
O programa previsto para este día consistirá nun acto literario, no que intervirán estudosos da obra de Díaz Castro. Seguidamente, procederase ao recital, onde poetas lerán composicións propias e de Nimbos, e a inauguración da escultura de Xosé Cid, alegórica do poema Penélope, recollido na mencionada publicación. Tamén haberá un xantar literario, coma en edicións anteriores, no que os veciños das parroquias colindantes, compartirán palabras cos escritores e artistas da cultura.
A Insua dos Poetas comeza a súa andaina no ano 2009, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Libro, impulsado polo escritor e actual presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, e apoiado pola escritora brasileira Nélida Piñon, o pintor Antón Lamazares e o escritor Manuel Rivas. Este espazo cultural, cedido polo poeta González Tosar, está situado nunha finca de hectáreas e sita no linde entre os Concellos do Irixo e O Carballiño. Pola súa banda a Fundación Insua dos Poetas está actualmente en trámite, nela participan desde institucións até escritores, e ten como finalidade establecer un diálogo creativo nun espazo aberto á natureza, así como tamén a defensa do medioambiente e a liberdade de expresión.
Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, Xornal e La Voz de Galicia.

Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, é o título da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo “supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo”. A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.’ (La Voz de Galicia).

Cangas: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

Na noite do sábado 9 ao domingo 10 de xullo, a partir das 00:30 horas, e dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.

Participación galega no I Encontro de Escritores da Lusofonia, no Palácio da Brejoeira

Do venres 29 ao domingo 31 de xullo, no Palácio da Brejoeira de Monção (no Alto Minho) terá lugar o I Encontro de Escritores da Lusofonia, onde “Escritores, músicos, criadores… pessoas de diferentes âmbitos da cultura e das artes vão reflectir sobre a realidade da lusofonia (tentando fugir dos tópicos), sobre as novas tecnologias e a sua relação com a literatura e as artes em geral, e sobre os movimentos do chamado Altermundo (ecoloxismo, empreendedorismo, antibelicismo, feminismo, decrescimento…) e a relação/situação das artes no mundo contemporâneo”. As inscricións pódense realizar aquí. Este é o programa, do que destacamos a participación galega:

* Sexta feira, 29 de xullo:
10:30 h. Tras o inicio do Encontro, presentación de Noente Paradise (Ugia Pedreira, Raquel Miragaia e Marina Oural).
16:00 h. Palestra: A Lusofonia ‐ uma realidade em construção permanente, coa presentación musicada de Cantos Lusófonos, Cancioneiro galego-português-brasileiro, de José Luís Do Pico Orjais, e a intervención de Carlos Quiroga, entre outros, e posterior debate a partir das 17:30 h.

* Sábado, 30 de xullo:
16:00 h. Baixo a moderación de Santiago Veloso, presentación do libro-disco Cores do Atlântico,  e intervencións de Iolanda Gomis e Séchu Sende, entre outros, con debate posterior ás 17:30 h.
18:30 h. Monólogo teatralizado de Quico Cadaval.
22:00 h. Concerto Poesia nas Margens com Aline Frazão, Fred Martins e Ugia Pedreira.

* Domingo, 31 de xullo:
10:00 h. Intervencións sobre Os movimentos Altermundistas e a sua relação com a literatura (ecologismo, feminismo, empreendedorismo social, antibelicismo…), baixo a moderación de João Guisan Seixas.
16:30 h. Proseguen as intervencións, baixo a moderación de Lourdes Carita, entre outros, de Carlos Taibo e Iolanda Zúñiga.
21:00 h. Concerto de João Afonso e Uxía.

Crónica posterior de Séchu Sende no seu blog.

Vigo: actividades do venres 8 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do venres 8 son as seguintes:
18:30 h. Ecos da noite. Actuación poético musical de David Fernández Rivera acompañado do guitarrista Diego Pacheco.
19:30 h. Acto Lois Pereiro. Mesa redonda sobre o poeta monfortino, coa participación de Jacobo Fernández Serrano (autor da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro, Xerais), Anxo Angueira (coordinador do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, Xerais), Marcos Calveiro (autor do libro Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, Xerais), Xosé Manuel Pereiro e Fran Alonso.
20:00 h. A escritora Adela Figueroa e a ilustradora María Celsa Sánchez Vázquez asinarán exemplares do seu libro Madeira de mulher, publicado por Ediciós do Castro.

O debate sobre como celebrar a cultura

Artigo en Cultura Galega: “O grande eco social que obtivo o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro neste 2011 fai rexurdir o debate sobre o modelo de celebración da festa da nosa literatura. Entre outros temas, volta á palestra o debate sobre se o 17 de maio debe ser laborable ou continuar como festivo. Revisamos diferentes posturas encol desta cuestión na primeira dunha serie de reportaxes que quere analizar as mudanzas e as posiblidades de futuro desta celebración.”

Muros: faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos

O venres 8 de xullo, a partir das 19:00 horas, no Balandro Joaquín Vieta (Paseo Marítimo de Muros), terá lugar un faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos sobre os libros Tamén navegar, Capitán Wood, ¡á abordaxe!, de Lino J. Pazos, publicados en Toxosoutos, e Derrotas e singraduras do Joaquín Vieta, de Xosé Agrelo, dentro das xornadas Muros Mira ao Mar.

Illa de San Simón: Encontro Libro e Lectura, do Foro Galeusca de Editores

O Foro Galeusca de Editores organizan, entre o venres 8 e o domingo 10 de xullo na Illa de San Simón, en Galicia o sexto encontro deste colectivo, baixo o título Libro e Lectura, no que participan perto de 25 profesionais relacionados co ámbito do libro, abordando a temática desde a perspectiva dos diversos territorios con lingua propia. Catro paneis recollen as diversas intervencións dos editores:
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas polas institucións públicas.
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas por cada un dos gremios.
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas por empresas ou institucións alleas ao sector.
Iniciativas sociais e accións a prol do fomento da lectura.

Máis información na páxina da Asociación Galega de Editores.