Ponteareas: actividades do 13 de xullo da Feira do Libro 2023

Lois Alcayde Dans e Pablo Nogueira Campo gañadores, do terceiro certame Exeria de relato curto 2023

“Lois Alcayde Dans e Pablo Nogueira Campo gañadores, do terceiro certame Exeria de relato curto promovido polo Ateneo Atlántico de Vigo e a Fundación Xoán Piñeiro.
No certame Exeria deste ano 2023 presentáronse trinta relatos de estilo e temática variada. Realizadas as pertinentes deliberacións, e por maioría, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio do 3º Certame Exeria ao orixinal titulado Lugar fermoso, valorando de xeito especial a habelencia para desvendar o dó e o loito do pasado histórico por debaixo da beleza da paisaxe e do ambiente doméstico. O relato con grande economía de medios e un ritmo narrativo áxil, desenvolve unha historia densa de contraste entre o mundo afectivo e a memoria histórica.
No tocante ao accésit, o orixinal premiado foi o titulado Nó de mariñeiro, valorando, neste caso, o arrandeo temporal que narra, con tensión crecente, un relato de soidade e vinganza, envolto en lirismo urbano.
Abertas as plicas os autores resultaron ser:
Gañador, Lois Alcayde Dans, autor de Lugar Fermoso e
Accésit, Pablo Nogueira Campo, autor de Nó de mariñeiro. Ambos autores contan cunha acreditada traxectoria literaria.
O acto de entrega dos premios (mil euros e un bronce de Cuqui Piñeiro o premiado e cincocentos euros o accésit) patrocinados polas empresas Vieirasa e Bodegas Terras Gauda, foi o martes, 13 de xuño na Escola de Artes e Oficios de Vigo e contou coa actuación da cantante MJ Pérez.”

Xosé de Cea: “Detrás do termo `xarnego´ hai un sacrificio enorme das familias”

Entrevista a Xosé de Cea no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“No barrio barcelonés de Horta está a rúa de Coímbra. Coímbra é o escenario e o título da primeira novela para adultos de Xosé de Cea despois dunha consolidada traxectoria na poesía e no infantoxuvenil. Coimbra nos anos 70, cando o autor era neno e despois adolescente. Un lugar de xarnegos onde vivían familias procedentes do Levante, do Sur de España, de Aragón, de Castela e algunha galega. Alí entre os pisos vellos e os novos naceron estas lembranzas que conforman o libro Coímbra de Xosé de Cea. A entrevista pode verse aquí.”

A XIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica xa ten gañadoras

A XIII edición do certame Inspiraciencia de relatos de inspiración científica, co que colabora a AELG, xa ten gañadoras-es.
O Teatro Filarmónica de Oviedo acolleu o acto de entrega de premios do xurado e do público, cun total de 341 relatos que participaron na presente edición do concurso.
A AELG colabora habilitando prazas para as persoas gañadoras nos Obradoiros da súa Escola de Escritoras e Escritores, e propondo unha persoa para o xurado, Pura Salceda.

Estes foron os relatos nas categorías xuvenil e adulto en galego, resultando gañadores e finalistas os seguintes:

Xuvenil
Relato gañador: Carla Dopazo Pavón (A Coruña), polo relato “t’”.
Relato finalista: Ingrid Guldrís Hortas (Santiago de Compostela), polo relato “Golfomusgo”.

Adulto
Relato gañador: Noelia Rodríguez Ramos (Tui, Pontevedra), polo relato “Pedra, area, balea”.
Relato finalista: Isabel Pose Torrado (Ordes, A Coruña), polo relato “A pel de Aurora”.

Máis información, aquí.
Vexa aquí a vídeo do acto de entrega de premios.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.

Ramón D. Veiga: “O libro Medo me dá! fala dos medos dos que nos dan medo a nós, mais con moito humor”

Entrevista de Laura Veiga a Ramón D. Veiga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decidiu achegarse á escrita teatral?
– Ramón D. Veiga (RDV): Para min era unha especie de reto persoal. Gústame arriscar en todo o que poida porque non desfruto especialmente destacando nunha soa cousa. Adoito escribir narrativa, mais cando publiquei poesía foi ben, polo que decidín ver que pasaría co teatro. Con todo, tamén é certo que despois de escribir a obra fixen un curso de escrita dramática para ver eu mesmo que tal o fixera.
Non foi especialmente difícil porque é certo que eu meto moitísimos diálogos nas miñas obras, sobre todo gústame cando escribo para crianzas porque fai que haxa unha lectura máis rápida. Si que me resultou máis complicada a cuestión técnica, como o feito de dividir a obra en actos e escenas, porque é algo que non dominaba. Neste curso precisamente vin que tiña todo dividido en actos que realmente eran escenas pequenas, mais serviume para poder modificalo antes de mandalo ao premio. Tamén me custou pensar na escenografía mentres escribía, pensar en como se ía representar, porque tiña claro que quería facer unha obra moi sinxela para crianzas.
De feito, buscando razóns polas que puido gañar a miña obra e non outras de xente que escribe moi ben, penso que quizais puido gustar que é unha obra moi pensada para representar en centros escolares. Así, os elementos para poder representalo poden conseguirse de maneira moi doada; pode facelo unha compañía grande e con medios, mais realmente cunha cadeira e unha mesa chega.
– ND: Con todo, non é a primeira vez que escribe sobre o Samaín.
– RDV: Son unha persoa á que lle gusta moito escribir sobre as festas, por iso quixen retomar o tema. Paréceme moi divertido que nos centros escolares se faga esta especie de festival no que todo o alumnado celebra o Samaín, fai as cabazas e o magosto. Por iso, pensei que sería divertido representar esta obra e a continuación facer toda a celebración.
De feito, a obra acaba cun magosto, aínda que neste caso é darlle un pouco a volta porque está protagonizada por monstros que se disfrazan de crianzas normais. E, aínda que non sei cando se publicará e depende moito de criterios de edición, gustaríame que se puidese ilustrar como se fose a obra de teatro. É dicir, en vez de ilustrar a historia en si, gustaríame ilustrar como se representaría a obra con crianzas e todo. Creo que sería tamén darlle outra volta. (…)”