A Coruña: presentación de A nación dos mil viños

O 21 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase A nación dos mil viños. A guía galega para adentrarse no mundo do viño, de Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino, editado por Laiovento, con ilustracións de Toño Núñez Amigo-Rivadulla. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.

Bases do XXII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXII Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

1. Poderán participar todas as persoas que o de sexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 30 de novembro do ano 2022 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”

Obradoiro de creación literaria As mulleres no metaverso da literatura, con Eli Ríos, en Compostela

O Obradoiro de creación literaria As mulleres no metaverso da literatura, impartido por Eli Ríos, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O sistema literario galego é un metaverso de múltiples relacións literarias complexas. Este obradoiro pretende mostrar un abano amplo de espazos nos que intervir desde a literatura, recoller a experiencia en voz de muller e crear referentes femininos para a construción de personaxes na voz das mulleres protagonistas, en primeira persoa.

– Cunha sesión especial de Eva Mejuto.
– Terá 9 sesións de tres horas.
– Hai 20 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Rúa das Casas Reais, 8), en Santiago de Compostela.

Calendario
– Días: sábados 17 e 24 de setembro; 1, 8, 15 e 22 de outubro; e 5, 12 e 19 de novembro.
– Horarios: de 10:30 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
Información sobre protección de datos A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.