Carlos Labraña: “O teatro ten que contar historias que non van aparecer noutros medios como a televisión”

Entrevista de Laura Veiga a Carlos Labraña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mambrú volveu da guerra é a primeira obra en lingua galega que gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil.
– Carlos Labraña (CL): Foi unha sorpresa. O certo é que non tiña esperanzas e xa tiña o texto presentado a outros certames. Este é o premio máis importante de teatro para crianzas non só do Estado, senón tamén a nivel iberoamericano. De feito, o ano pasado gañou unha dramaturga mexicana. A cuestión é que podes presentarte en calquera das linguas do Estado, mais se o fas así tes menos posibilidades porque só unha das persoas do xurado sabe galego, o cal é un impedimento para a comprensión.
Con todo, todas as veces que me presentara fixérao en galego porque máis alá de gañar importábame que estivera representado. No comunicado da SGAE, o título tampouco aparece traducido nin entre parénteses e penso que isto é moi importante xustamente nestes momentos que estamos pasando no Estado.
– ND: Como se mestura unha temática tan dura coa literatura infantil?
– CL: A memoria histórica é unha cuestión que está comezando a revivir e de feito en Dramaturga, a Asociación Galega de Dramaturxia, este ano publicamos un libro con pezas breves ligadas a este tema, mais neste caso é para adultos. É un tema que me interesa moito, mais non sabía moi ben como abordalo porque toca cuestións espiñosas. Aínda así, unha vez que xurdiu a idea foi moi doado de escribila.
Cos textos pasan estas cousas; hai veces nas que tes que turrar e dar moitas voltas, mais hai outras, como neste caso, que se che alumea algo na cabeza e a historia vai desenvolvéndose de forma moi doada, que até parece que se está escribindo soa. Neste caso supoño que dei coa tecla axeitada, porque unha das cousas que comentou o xurado foi precisamente a delicadeza. Tamén penso que só coa obra as crianzas non saben moi ben de que se está a falar e, as adultas, aínda que o presenten, até o final non acaban de darse de conta de todo e aí entra moito o labor de mediación e de contextualizar a obra segundo a idade na que se lea ou se represente nos escenarios.
Penso que pode ser desfrutada tanto por crianzas como por calquera público. É unha peza que me emocionou moito escribila e aínda me ocorre cando a leo, porque os meus pais viviron de nenos a guerra, mais na casa sempre houbo un silencio absoluto arredor do tema. E todo isto xusto coincide coa aprobación da Lei de Memoria Democrática.
– ND: Tampouco é a súa primeira obra ligada ao compromiso social.
– CL: Fun madurando. As miñas primeiras pezas eran moito máis sinxelas, moi fantasiosas e diría que foi a partir da crise de 2008 que dei un cambio: o teatro ten que contar historias que sei que non van aparecer noutros medios como a televisión ou inclusive os libros.
O teatro ten unha visión crítica, e a tivo ao longo da historia; se a eliminamos deixa de ter sentido. Todo isto é algo que se ve reflectido no que escribo. Por exemplo, este mesmo ano gañei o Premio O Facho con Ícaras, que é un texto sobre o desafiuzamento, mais tamén teño outros como O valo, sobre as persoas refuxiadas; Moito Morro Corporation. Sociedade Ilimitada, sobre a crise económica; ou A pequena compaña, sobre os abusos a crianzas. E de feito saíu agora o meu novo libro: Estrela… fugaz?, no que falo sobre a cuestión das persoas trans.
Con todo, tamén intento, a pesar de tratar este tipo de temas, incluír pequenos trazos de humor. Hai moitas formas de contar as cousas e eu creo que coas crianzas o humor é a chave para que a mensaxe chegue. Teño moitas ganas de que as crianzas lean Mambrú volveu da guerra e sobre todo de vela cando se represente, saber como o tomarán.”

Helena Miguélez Carballeira: “A novela Patria e outros textos literarios están escritos directamente no rexistro do consenso estatal”

Entrevista de Manuel Veiga a Helena Miguélez Carballeira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Pertence vostede a unha xeración de emigrantes cualificados. Que pode supoñer iso para Galiza?
– Helena Miguélez Carballeira (HMC): Eu non o vexo desde esa perspectiva. Dise que somos a xeración máis preparada e que, por ter estudos superiores, a nosa emigración é a máis sangrante. Eu considero, en cambio, que os titulados nos oitenta e noventa, fillos da clase rural tradicional que se trasladou á cidade, somos froito das políticas do desarrollismo franquista. Os nosos pais pensaban que o deles era unha miseria e querían que os seus fillos estudasen para acceder a profesións cualificadas, liberais. Querían que non fósemos coma eles. Pero a quebra de coñecementos que se deu é un dos maiores desastres socioculturais que se produciron na Galiza posfranquista. Refírome aos coñecementos que tiñan os nosos avós e mesmo os nosos pais proletarizados. O meu pai traballaba na Citroën e a miña nai foi quiosqueira, pero saben o que hai que facer nunha matanza ou como se coce o pan ou preparar unha horta. Os seus pais pasáranlles a eles eses coñecementos, pero cando nos tiveron a nós algo aconteceu. Foi a idea de progreso que levaba a pensar que todo aquel saber era inútil para nós. Querían que tivésemos un título, pero resulta que as estruturas socioeconómicas do país non están feitas para absorber a cantidade de licenciados que houbo hai trinta anos. Camiñamos cara a unha terceirización masiva que non absorbe toda esa cantidade de enxeñeiros, informáticos… (…)
– B: O ensaio galego vén mostrando, nos últimos anos, novos enfoques. Penso en Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, de Beatriz Busto Miramontes ou no seu Galiza, um povo sentimental?
– HMC: Non sei se son enfoques novos. Mais, o importante é a diversidade e que haxa un ecosistema para o ensaio crítico forte e tamén un diálogo entre a universidade e as editoriais. Algo que xa entendera Ediciós do Castro, nos oitenta, cando xa publicaba traballos universitarios. Trátase de estar atentos ao que se estuda nas universidades. E despois que haxa control de calidade nas propias editoriais. É importante, por exemplo, que os ensaios críticos vaian con bibliografía, o que non sucede en todos os casos. Tamén é bo que un ensaio comunique claramente cal é a hipótese ou o argumento que desenvolve, o que non sempre queda claro. A propia escrita pódese traballar desde a editorial. (…)
– B: Hai dez anos que publicou —primeiro en inglés— Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego. Unha das ideas que defende é que a nosa identidade foi creada polos outros, polos de fóra.
– HMC: Non tanto polos outros, pero si en relación dialéctica co que dicían os outros. O debate identitario era necesario no momento do rexurdir nacional e así o entenderon os chamados Precursores. Pensaban que se podería atopar un relato diferenciado a partir do celtismo, mais ese discurso construíuse arredor das marcas do posíbel, como non podía ser doutra maneira, que viñan ditadas por instancias estatais, como a Academia da Historia, que empezaban a regulamentar a disciplina. A idea da diferenza nacional galega podería estar relacionada coa identidade celta, pero comezou a ser imbuída de trazos relacionados co irracional, poético, feminino, o que no libro subsumo na categoría do sentimental. (…)”

Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022

Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”

Cuestionario Proust: Uxía Casal, desde Lecturafilia

Entrevista a Uxía Casal en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? A empatía cunhas pingas de prudencia ou desconfianza.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Que saiba razoar.
3. E nunha muller? Que saiba razoar.
4. Que agardas das túas amizades? Lealdade.
5. O teu principal defecto? Remoer as cousas en exceso.
6. A túa ocupación favorita? Observar, pensar, escribir e ler.
7. O teu ideal de felicidade? Vivir como vivo.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a capacidade de asumir as desgrazas que xa me aconteceron. Perder a alegría.
9. Que che gustaría ser? O que son. A estas alturas carece de sentido desexar ser outra.
10. En que país desexarías vivir? No que vivo. Total, en todas partes cocen fabas.
11. A túa cor favorita? Morada, laranxa e azul.
12. A flor que máis che gusta? A gardenia.
13. Que paxaro prefires? O paporrubio.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Calquera que escriba ben e saiba emocionar sen caer no ridículo nin na pedantería.
15. E poetas? Calquera que escriba ben e saiba emocionar sen caer no ridículo nin na pedantería. Engado que a poesía non é o meu xénero favorito.
16. Un heroe de ficción? En tempos, Supermán. Hoxe en día, ningún.
17. Una heroína? De ficción non hai moito onde escoller. Por moito que penso, non atopo ningunha.
18. O teu músico ou música favorito/a? En xeral, toda a que non sexa estridente. Encantábame a das décadas 1980 e 1990. Desde que uso audiófonos non escoito música; moléstame demasiado.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Georgia O’Keeffe, Van Gogh e moitos e moitas máis de todas as épocas. A moitas estounas descubrindo agora.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? As persoas que loitan pola súa independencia e non se deixan asoballar por ninguén.
21. O teu nome favorito? Moitos. Por dicir algúns, Carlos e Uxía.
22. Que hábito alleo non soportas? A mentira. Nun plano máis pedestre, comer coa boca aberta e que me toquen sen permiso.
23. Que é o que máis detestas? A mentira.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera ditador, con independencia da súa cor política.
25. Un feito histórico que admires? O nacemento e desenvolvemento da escritura.
26. Que virtude desexarías posuír? Equilibrio.
27. Como che gustaría morrer? Durmindo e en paz.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Variable.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que non se poden evitar por moito que se traballe en corrixilos.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non meterme na vida de ninguén, se podo evitalo.”