Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Presentación virtual do libro Manifesto 25N
Montse Pena Presas – Xela Arias. Onde canta a poeta – Día das Letras Galegas 2021
Francisco Castro: “O importante é que a mocidade lea, tanto me ten que sexa en papel ou en libro”
Entrevista de Ana Baena a Francisco Castro en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Este libro [O cemiterio de barcos] destila moita añoranza.
– Francisco Castro (FC): Si, no comezo tenta ser un recordo de aqueles veráns intensos que duraban meses. Para escribir tiven que recordar moitos os veráns da mocidade.
– AD: Mais tamén reflicte como cambia a percepción das cousas dunha xeración a outra, o que supón voltar á vila segundo a idade que se teña.
– FC: Todos os que temos fillos adolescentes sabemos o que é que se nos cuestione sempre. O protagonista, David, entende que o seu pai sexa feliz na vila, pero non o comparte. Non conta que vai descubrir o amor e tamén que vai aparecer unha persoa do pasado que o vai embarullar todo.
– AD: Como xa fixo na súa novela Iridium, aquí volve a tratar temas que afectan a mocidade como machismo, a sexualidade. É importante que os rapaces reflexionen sobre estos temas?
– FC: É importante que reflexionen os rapaces e o público adulto. Lucía gravita entre o seu mozo de sempre, un maltratador de manual, e David, que representa a nova masculidade, a que eu reivindico, a do home feminista, sensible, capaz de apuntarse o bo trato. Para min, a imaxe más masculina, de maior virilidade dos últimos días foi a de Pau Gasol chorando coa filla no colo; hai que ser moi home para iso. Lito, o mozo de Lucía, representa o orgullo testicular. Eu quero ser como David e todos deberían querer esa masculinidade que debería ser a do século XXI. As relacións non teñen que ser de dominio. Nótase na política, mentres os homes queren gañar, as mulleres queren conseguir acordos.
– AD: A recuperación da memoria histórica é o segundo aspecto que aborda, xa tratado na súa anterior novela Tantos anos de silencio. Que coñecemento teñen os menores do tema?
– FC: É terrible que moitos acaben o ensino obrigatorio descoñecendo o que aconteceu na guerra civil e todo o que pasou despois, algo que non aparece nos libros. A diferencia con democracias como a chilena ou a arxentina que asumiron a súa memoria e redimiron ás vítimas, en España non se fixo. O franquismo segue aí e no ensino non se fala. Din que houbo dous bandos que pelexaron, unha trola. Se contra Pedro Sánchez se levanta unha rebelión militar non se contaría así. A II República foi un réxime que se instalou sen violencia, mentres o franquismo logrou impoñer pola forza 40 anos de catecismo e abusos. Algúns políticos da dereita din que non hai que reabrir feridas, pero como vai ser iso entregar a unha señora de 90 anos os restos do seu pai fusilado para que lle dea sepultura? Iso é facer xustiza. (…)”
Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021, con Andrea Maceiras, o 6 de novembro
Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecer unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
– A inscrición, previa e obrigatoria, farase exclusivamente desde o luns anterior a cada paseo no correo inscricionslingua@coruna.gal indicando no asunto “Inscricións Paseos”.
– Número máximo de participantes por paseo: 25.
– Todos eles comezarán ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
– A pesar de ser unha actividade exterior, as persoas deberán empregar máscara nos momentos nos que, para atender as explicacións, se deba permanecer de pé, e respectaranse as distancias de seguridade e o resto das medidas anti-Covid.
Os paseos restantes son seguintes:
Sábado 6 de novembro: Andrea Maceiras. Un océano azul tinta: a LIX a través do mar.
Máis información sobre a inscrición aquí.
Destinado a persoas de 12 anos en adiante.
O océano Atlántico é de cor azul tinta. Se cadra por iso aparece en tantas obras da nosa LIX, como paisaxe, como personaxe ou como símbolo. Este paseo pola beira do mar é a escusa perfecta para falar de libros infantís e xuvenís con recendo a salgado, de historias que suceden nas nosas costas, de rebeldía e de soños, de emocións axitadas ao compás das mareas. Unha breve panorámica da nosa LIX co mar como eixo.
Sábado 20 de novembro: Érica Esmorís. Patio de luces.
Recoméndase a familias con nenas e nenos a partir de 7 anos e público adulto.
Visitaremos dous patios de luces, un deles o que inspirou a novela Patio de luces, gañadora do premio Cidade de Málaga 2020 de Anaya. A través do xogo para espertar a imaxinación e a lectura de diversos parágrafos, poderemos coñecer os máis peculiares e famosos veciños e veciñas que viviron en diversas comunidades de veciñanza.
Sábado 27 de novembro: Imma António Souto. Irmandades teatrais.
Destinado a público a partir de 16 anos.
Un percorrido desde a necesidade da escrita dramática sinalada polas Irmandades da Fala ao cuestionamento do rol do teatro na nosa sociedade actual. Sería, con todo, un percorrido sentimental polas experiencias teatrais da dramaturga pola súa cidade natal, deténdose no propio anecdotario como actriz, dramaturga e voz necesaria para visibilizar as mulleres dentro do mundo teatral galego.
Guitiriz: coloquio “A história era outra”
Miño: presentación de Recortes de risa, de José Luís Graña Muíño
O 7 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Social da Rúa, en Miño, represéntanse as pezas +Positivo e O caso é furar, incluídas no libro de teatro Recortes de risa, de José Luís Graña Muíño, publicado por Edicións Fervenza.
O elenco de actores que interpretará a peza +Positivo inclúe a Alejandro Alonso, Amador Manuel Torre e J. L. Graña; mentres que para O caso é furar, a representación correrá a cargo de Adrián Agustín Vázquez, Andrea Montero, Manolo Bermúdez e Mara Guillén.
Ademais da representación teatral, durante o acto terá lugar unha mesa redonda sobre o contido do libro Recortes de Risa, e na que participarán o poeta e estudante universitario Adrián Agustín Vázquez; o profesor, ensaísta e tradutor Alberto Allegue; a música e educadora social Andrea Montero; e a concelleira de Cultura do Concello de Miño, Catalina Morado.
A Coruña: roteiro Rosalía de Castro na Coruña nun tempo decisivo, con Pilar García Negro
O sábado 6 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar o roteiro Rosalía de Castro na Coruña nun tempo decisivo, con Pilar García Negro.
A estadía de Rosalía de Castro na Coruña coincide cun tempo histórico decisivo e ten a ver coa creación da súa magna obra, Follas novas, anunciada xa en 1872 mais que demora oito anos en ver a luz.
Duración do roteiro: 1 hora e 15 minutos.
Punto de encontro: Xardín de San Carlos ás 12 h.
Para poder participar cómpre inscribirse no correo electrónico acab@mundo-r.com