Seguir Creando demanda a xestión colectiva obrigatoria dos dereitos dos/as autores/as na transposición da Directiva Europea 2019/790

“A plataforma “Seguir Creando en Dixital”, da que forma parte da AELG, e que reúne a máis de 45 asociacións de autores/as de todo o estado, entre xornalistas, fotógrafos/as, escritores/as, guionistas, tradutores/as, compositores/as, artistas intérpretes ou executantes, informou ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, que pedirá a todos os grupos parlamentarios do Congreso o voto en contra da transposición da Directiva sobre dereitos de autoría no Mercado Único Dixital (DAMUD) se persiste na súa idea de imposibilitar o recoñecemento efectivo dos dereitos deste colectivo.
Desde o inicio deste proceso, os/as autores/as pedimos ao ministro a xestión colectiva obrigatoria dos nosos dereitos no ámbito dixital para evitar que as multinacionais tecnolóxicas nolos usurpen.
Este modelo de xestión de dereitos é a única fórmula que permite unha negociación equilibrada entre as partes, transparencia no sistema e contratos, e unha remuneración xusta polo uso que fan das nosas obras nos seus buscadores e agregadores de noticias, como Google.
Pensar que este pagamento de dereitos pode asumirse nas nóminas dos/as que publican na prensa podería supor a morte do dereito do/a creador/a, tanto para os/as autores/as contratados/as como para os/as colaboradores/as.
O pasado 20 de maio remitimos ao ministerio un borrador de redacción das prescricións correspondentes ao artigo 15 da Directiva 2019/790 a traspor propondo a xestión colectiva obrigatoria, mais comprobamos, polas últimas declaracións de Iceta, que a postura do ministerio camiña en sentido contrario.
En paralelo con este comunicado, enviamos unha carta ao ministro na que lle pedimos unha entrevista para informalo sobre a nosa posición, no entendemento de que para chegar a unha solución xusta, equilibrada e plural é imprescindíbel coñecer a fondo as formulacións de todas as partes afectadas.
Tamén reiteramos a petición das entidades asociativas autorais, exposta de maneira directa ao ministro e asumida por el, de facilitar aos seus representantes un borrador da transposición para que estas poidan presentar suxestións, emendas e, no seu caso, modificacións que respondan aos seus intereses como creadores/as.
“Seguir creando en dixital” pon de manifesto que hai modelos de transposición da DAMUD que tiveron en conta aos/ás autores/as e son casos de éxito, como o de Alemaña.
Polas últimas intervencións de Iceta, todo apunta a que o seu modelo de referencia é o francés, que demostrou ser un claro fracaso posto que está xudicializado por problemas de competencia e por non ter en conta os dereitos de escritores/as, xornalistas e outros/as creadores/as.
De aplicarse o modelo francés instauraríase unha práctica baseada en acordos opacos, sen transparencia algunha, entre plataformas e empresas, de tal xeito que acabaría por instalarse a lei da selva na rede imposibilitando que (citamos textualmente a Directiva) “os/as autores/as das obras incorporadas a unha publicación de prensa reciban unha parte adecuada dos ingresos que as editoriais de prensa perciban polo uso das súas publicacións de prensa por parte de prestadores/as de servizos da sociedade da información”.
Confiamos en que o goberno presidido por Pedro Sánchez e do que é ministro de Cultura, Miquel Iceta, non sexa lembrado por acabar cos dereitos dos/as autores/as no ámbito dixital asumindo como xustas as pretensións das plataformas tecnolóxicas, cuxos intereses pouco teñen que ver cos da inmensa maioría dos/as autores/as, xornalistas e outros/as creadores/as de contidos, que serían as vítimas dunha decisión de consecuencias imprevisíbeis para o futuro da propiedade intelectual e os dereitos de autoría.
Ademais, nun momento no que se pretende avanzar na concreción do Estatuto do/a Artista, esta nova supón unha grave contradición co papel que nese documento desempeñan os/as autores/as de todas as disciplinas e coa importancia decisiva que nel se recoñece aos dereitos de autoría e á remuneración axeitada polos contidos que achegan e que son fonte de negocio para editores/as e plataformas.

29 de outubro de 2021″

Lugo: Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021, o 29 de outubro

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021 é unha actividade da AELG, que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 29 de outubro.
O acto terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Mestra da Memoria 2021: Teresa dos Cucos

Teresa dos Cucos desenvolveu desde nena un marcado gusto polo canto tradicional, cunha traxectoria reivindicada xa previamente por artistas como Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés ou Xabier Díaz, pero tamén por novas figuras como as Tanxugueiras. Todas elas teñen pasado pola súa casa da Pontella para aprenderen coplas, letras de pezas tradicionais nunca manuscritas, que Teresa conserva intactas na súa memoria e non dubida en cantar.
Ten comparecido ao longo destes anos en varios programas da televisión en innúmeras ocasións (Luar ou Alalá), tamén acompañada do grupo de pandeireteiras de Limiñoa do que fai parte e, ademais, colabora coa Fundación Eduardo Pondal, no Couto.
De orixe humilde, seu pai era mariñeiro de baixura e ela alternou dende moi nova os traballos do agro cos da construción, pero nunca deixou de cultivar o gusto polo canto pois, como ela di, unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos.

Mestre da Memoria 2021: Aurelio Ramos Ogando

Aurelio Ramos Ogando é veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense) e é un magnífico contador. É ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor, a súa disposición e posúe distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.
Aurelio dá fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores e sería quen de falar con eles coma un outro.
Conserva a memoria intacta e conta de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.

Con esta escolla, a AELG continúa un ano máis recoñecendo a figura e a traxectoria das persoas que, co seu xeito de estaren no mundo, contribúen a preservar a nosa memoria colectiva como pobo, a tradición oral e en definitiva, parte esencial da lingua e a cultura do noso país.

Camporrapado, Boqueixóns: palestra músico-literaria en lembranza de Xosé Neira Vilas e presentación de Trobar do ar, de Xosé Manuel Lobato

Ana Cabaleiro vén follear connosco Deixádenos remar

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Finalista do Premio Xerais de Novela 2020, a novela de Ana Cabaleiro, Deixádenos remar, editada por Xerais, presenta un humilde barrio periférico alterado e turbado pola incursión dunha nova aparición de chalés de luxo e a chegada dos novos veciños dese microcosmos. A escritora e xornalista visita o Diario cultural para debullar as realidades que se derivan deste fío argumental e de todo o que rodea a novela. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Manuel Gago: “Falando coa xente decateime da gran pegada da guerrilla en Galicia”

Entrevista de Sara Vila a Manuel Gago no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A resistencia ao nazismo e ao franquismo son dous fenómenos que se poderían considerar un.
– Manuel Gago (MG): Si. Eu parto da teoría de que o primeiro capítulo da II Guerra Mundial foi a Guerra Civil española, por iso non tendo a velos como fenómenos illados. Nun primeiro momento a guerrilla antifranquista en Galicia foi apoiada polos británicos, que dalgunha forma participaron na súa formación. A guerrilla non naceu inmediatamente despois da vitoria de Franco. Logo, nos anos 40 a súa presenza é moi intensa en moitas partes do territorio, iso é algo que se nos esqueceu hoxe en día, sobre todo a importancia das súas redes de apoio fóra do monte. Están documentadas xudicialmente 5.000 persoas implicadas no apoio á guerrilla en Galicia, e son só as que constan a nivel xudicial, polo que habería moitas máis.
– DP: Había mulleres nestas redes?
– MG: O papel das mulleres é absolutamente fundamental. Ata hai relativamente poucos anos non sabiamos nada desta rede. Agora, grazas ao traballo de historiadoras como Aurora Marco, púidose recuperar o papel das redes de enlace, onde as mulleres xogan un papel fundamental. Neste vínculo ás veces hai unha relación familiar, sentimental, ideolóxica ou as tres cousas xuntas. Elas podían desprazarse con máis facilidades, sen sospeitas, aproveitando o estatus subordinado que tiña a muller, para conseguir apoios. Temos historias incribles e hai casos de mulleres que deron o paso de ser parte activa na guerrilla, participando nas accións directamente. Outra forma de resistencia era enfrontarse aos nazis na guerra. Había moitos galegos loitando? Houbo galegos na Nove, a brigada que entrou en París en primeiro lugar. Os galegos que participaron directamente nos combates de II Guerra Mundial son antigos republicanos que acaban en Francia e alí enrólanse nos exércitos coa esperanza de que a vitoria dos aliados sería tamén a fin de Franco, algo que non foi así. Tamén hai que dicir que, mentres estes galegos estaban loitando na guerra, o seu contacto coas redes galegas non existía, produciuse despois da II Guerra Mundial a través do Partido Comunista, con directrices. Pero durante a guerra poderíase dicir que os galegos antifascistas quedaron sós no monte, con apoios puntuais dos aliados e do Servizo de Operacións Especiais do Exército Británico.
– DP: É fácil acceder aos documentos e fontes sobre a participación de Galicia na II Guerra Mundial?
– MG: A miña aproximación non era tanto dende un punto de vista histórico, senón dende a memoria da xente, para escribir a novela O exército de fume. Lin moitos libros ao respecto e había un baleiro importante sobre o seu día a día, como traballaban… Nas causas xudiciais hai moita información, sobre todo en Ferrol. Pero fixen tamén moito traballo de campo, falando coa xente, e quedei sorprendido da cantidade de información e memoria que hai deles. A cultura contemporánea non lles prestou demasiada importancia, quizais porque a súa presenza é conflitiva, porque un guerrilleiro non é só alguén que sufre, senón alguén que tamén reacciona con violencia. Son historias incómodas. Pero falando coa xente decateime da gran pegada que tivo a guerrilla en Galicia e a súa aceptación popular. Foron esas conversas as que me deron unha idea tremendamente humana desas persoas.”

Faladoiros Que se pode facer co Patrimonio Inmaterial?, na Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

Os Faladoiros Que se pode facer co Patrimonio Inmaterial? celébranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 28 de outubro ás 19:00 horas, no Salón de actos da Deputación de Lugo.

Para asistir a este acto é necesaria a inscrición previa no teléfono 981133233 ou a través do mail: oficina@aelg.org

REGUEIFA con Alba María e Sara Marchena

FALADOIRO: Que facemos nós co Patrimonio Inmaterial?
Interveñen:
– Mónica Fernández (Tradescola-As. Gaiteiros Galegos)
Antonio Reigosa (Sección de Literatura Oral da AELG)
Modera: Lois Pérez

HISTORIAS DE FONTARÓN
Pepe Osorio e Suso Telo

ANÉCDOTAS E SUCEDIDOS DE DONCOS
Xosé Espín Mejía

Allariz: XI Xornadas Romasanta