Compostela: III Festival de Poesía Alguén que respira!

Máis información aquí.

Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

“Reunido por vía telemática o 9 de setembro de 2020 o xurado do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema «Timbané» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lorena Conde Martínez e con título definitivo #VelloucaseMinchas.
O xurado valorou da obra gañadora a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destacan o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.
Asemade o xurado decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema «Vega»
A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico info@cuartodeinverno.com

En Pontevedra a 9 de setembro de 2020″

Manifesto a prol do recoñecemento a Manuel María outorgándolle á Casa da Cultura de Vilalba o seu nome

“No solemne e multitudinario acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba, o Ilustrísimo Señor Don Manuel María Fernández Teixeiro, ao que reivindicamos como o noso Manuel María, validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega.
Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza.
A demora é longa. Van transcorridos dezaseis anos dende que o noso Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos á sombra dos castiñeiros e do rumoroso, chairego e universal río Miño.
Nos versos do noso Manuel María, no poema “Pranto pola Terra Cha”, o poeta di:

Eu son chairego. E chairegos son os meus.
¡Chairegos meu avó, meu pai, miña muller!
Denantes na Chaira reinaba a paz de Deus
e eu tiña, na Terra Cha, o meu querer.

¡Agora non podo recoñecer a terra miña!
¡Non podo recoñecer lugares que tripei!
Eu amo unha Terra Cha humildosiña
cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.

De boa lei, os abaixo asinantes considerándonos herdeiros do seu legado. Conscientes da eiva que supón que Vilalba, a Capital da Terra Chá, non preste merecente recoñecemento ao “xeneroso, fidel e de boa lei” Manuel María, sentíndonos co dereito e a obriga moral de reivindicar a súa relevante figura para a historia de Vilalba e a Terra Chá. Considerámolo o noso pai literario e máximo expoñente do que se deu en identificar como “Subescola Poética Vilalbesa” inaugurada polo crego Xosé María Chao Ledo.
Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María.
Os abaixo asinantes (lectores, amigos, xentes da cultura, poetas, escritores, artistas de Galiza e dos confíns do mundo onde chegou a palabra do noso Manuel), pedimos aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Cha, recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.

En Vilalba a 8 de setembro de 2020″

O Manifesto pode asinarse aquí.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Marcos Calveiro

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Marcos Calveiro o domingo 13 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos de Ofaiadodamemoria).

Pontevedra: presentación de A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo

O 17 de setembro, ás 11:30 horas, na Sala de Prensa do Concello de Pontevedra, preséntase en rolda de prensa o libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, editado polo Concello de Pontevedra. No acto participa, xunto á autora, Xaquín Moreda.