
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, o 19 de outubro
A AELG súmase á Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, que terá lugar o 19 de outubro, no centenario do seu pasamento.
Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925), escritor, tradutor e activista cultural ponte entre o Rexurdimento literario e as Irmandades da Fala.
Cultivou o xénero lírico (Os Calaicos, Mágoas, Follas ao vento), publicou novelas e relatos de costumes (Anxélica, Bestas Bravas), destacou polos seus estudos históricos, ensaísticos, e foi precursor na tradución ao galego dos clásicos grecolatinos (Odas de Anacreonte).
Foi membro fundador da Real Academia Galega, participou na creación de entidades como as Irmandades da Fala e tomou parte en diversos faladoiros literarios como os da Cova Céltica da Coruña, onde compartía espazo con Eduardo Pondal e Manuel Murguía, entre outros.
Aínda que viviu a maior parte da súa vida adulta na Coruña, nunca perdeu o vencello coa súa terra natal: a parroquia de Ouces. Bergondo non só foi o lugar de nacemento, senón tamén o seu berce espiritual, onde se alimentou da cultura popular, da lingua e da memoria histórica que inspiraron a súa traxectoria vital, literaria e galeguista. Hoxe, lembramos a Florencio Vaamonde Lores como un símbolo de identidade de Bergondo e como un elo vivo entre o seu pasado e o seu futuro.
PROGRAMA
Para as persoas que queiran asistir á Misa na memoria de Florencio, o lugar de encontro será a Fragachán de Ouces ás 9:30, onde deixarán os coches para irens camiñando ata a Capela de San Gregorio (tamén haberá un autobús para as persoas que o precisen).
Como chegar á Capela de San Gregorio
– 10:00 Na Capela de San Gregorio: a Misa na honra de Don Florencio Vaamonde Lores.
– 10:30 Desde a Capela de San Gregorio, roteiro literario pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento de Don Florencio Vaamonde Lores.
– Aldarete
– Casa Grande dos Vaamonde
– Casa de José Mª Vaamonde Malvido (tío)
– Fonte do Picho,
– Centro Social Antonia Pato Pardo (antiga escola)
– Fonte da Curuxa
– Casa do Río
– Castro de Bergondo e castro de Reboredo
– O Roibal
– Igrexa de San Xoán de Ouces
– 12:15 Homenaxe, acto institucional e ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces.
– 13:00 Na Senra:
– Faladoiro con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
– Actuación musical de Manoele de Felisa.
– Petiscos na honra de Florencio Vaamonde Lores.
Pontevedra: Xornadas Pensamento e Creación: Castelao, 75 anos despois
A Coruña: inauguración da exposición “A semente de vencer. 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista”
A Coruña: XVI Lúas de Outono 2025. Manuel María, o 24 de setembro
A Coruña: roteiro-celebración “Todas somos Diplomáticas”
Desde a A. C. Alexandre Bóveda da Coruña:
“O venres 19 de setembro, ás 19 horas, imos de roteiro! Farémolo guiadas pola palabra de Xurxo Souto e a música de Pulpiño Viascón! E remataremos na discoteca do Circo de Artesáns!!!
Ópera ambulante: Todas somos diplomáticas. Desde o pico de Monte Alto até a Pescaría para celebrar o cambio do nome dunha rúa en prol da Memoria Histórica. Un logro coletivo. Os Diplomáticos de Monte Alto non só representan unha expresión musical singular e profundamente galega, senón que tamén son símbolo de resistencia cultural, irreverencia democrática, compromiso social e defensa da identidade popular. O seu legado artístico, o seu arraigamento na cidade e a súa conexión coa cidadanía fan que esta proposta sexa un acto de xustiza simbólica e un tributo á memoria colectiva do barrio e da cidade que permitiría visibilizar referentes locais positivos e conectados coa cidadanía.
ROTEIRO: Sairemos ás 19.00 h da Praza San Xosé (esquina coa rúa Vixía) e remataremos no Circo de Artesáns.
FESTA NA DISCOTECA: Ás 21.00 h comezará a festa na discoteca do Circo de Artesáns.
Ollo! A discoteca ten unha capacidade limitada, así que unha vez cuberta non podemos permitir o acceso a ninguén máis.”
Xosé Lois García: Letras con resistencia
Entrevista de Héitor Picallo a Xosé Lois García en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Este sábado, 6 de setembro, recibe en Chantada unha homenaxe por mor do seu compromiso co país e a súa produción cultural e literaria. Que supón para vostede e quen anda na organización?
– Héitor Picallo: Para min significa vitalizar resistencia e cederlle a palabra aos que poidan facer o que eu non fixen, que foi pouca cousa. A non ser o galopar diante dos grises do ditame. Os meus 80 anos levan a coita, pero tamén levan a memoria e o compromiso, e isto vouno practicar e coidar até que me metan no asador. (…)
– ND: Como ve o panorama literario actual na Galiza?
– XLG: Ben, a pesar de estar nun momento deplorábel, no que respecta as mudanzas de pensamento político, e de incontinencia depredadora que se manifesta nas tráxicas actuacións de intolerancia e agresividade que proclaman os neonazis, que tratan de descarrilar a apoteose dunha literatura de embate que localizamos activa. Isto non é saudábel para a creatividade literaria, tan cargada de vulnerabilidade que, con frecuencia, tratan de desestabilizar a liberdade humanista e democrática, asaltando a realidade do outro, do diferente ao que eles pretende alienar. (…)”









