Desde
a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”
Arquivo da categoría: Arte
Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo
Crónica
de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”
Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente
Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural
Desde
La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”
Arteixo: inauguración da exposición Coa lus dos faros, de Nolo Suárez e Modesto Fraga
Vigo: mesa redonda sobre Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas
O
sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), de Vigo, terá un novo acto da xeira de Sábados Culturais organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá nunha mesa redonda co título Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas, na que participarán Xosé Carlos L. Bernárdez e Antón Castro, profesores e críticos de arte, e Antón Pulido, pintor e vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia. Os tres ponentes debaterán sobre cuestións como: O novo artista; a evolución do mercado da arte; o papel da crítica de arte; o coleccionista e o coleccionismo; os museos e as institucións; as exposicións; e o novo espectador. Ao remate do acto, servirase na Cafetaría Cosmos (Praza da Princesa) un viño galego.
A Coruña: performance Só se derivas, arribas, con Antía Otero e Antonio Rodríguez
“Antía Otero
e Antonio Rodríguez Velasco, baixo o nome colectivo de derodríguez, plantexan para o Incoruña unha performance que durará ao longo de dous días e que se basa na deriva como lugar de recoñecemento e experimentación dentro da cidade da Coruña.
Dende dentro dun dos contedores colocados nos Xardíns de Méndez Núñez e ao longo de dous días, os 29 e 30 de maio, entre as 12:00 e as 22:00 horas, derodríguez recibirán individualmente a cada un dos participantes, e entablarán con eles un encontro de un a un, personalizado e intransferible durante 15 minutos, ao redor daqueles lugares da cidade elexidos previamente.
Se nos dis cal é o teu percorrido favorito pola cidade da Coruña, cóntasnos unha anécdota que che ocorreu en este ou aquel lugar ou simplemente nos falas daqueles espazos que para ti evocan algo ou que transitas tódolos días….Nós faremos que volver a camiñar por eles se convirta nunha experiencia nova a través dun paseo virtual, dun concerto personalizado, dunha reivindicación do anecdótico como paisaxe.
Un encontro individual a través do presente, da improvisación e da cidade.
Para inscribirte e poder participar nesta experiencia diseñada individualmente para ti, pedímosche que nos escribas ao correo derodriguez@incoruna.es : comentándonos cal dos dous días che ben mellor encontrarte con nós (29 ou 30 de maio), e contándonos de que punto a que punto da cidade da Coruña vai o percorrido que elixirías para que nos diseñemos a túa experiencia, intervindo e performando sobre el.
A data límite para inscribirse será o 28 de maio ás 00:00 horas.”
Vigo: inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez
O
10 de maio, sexta feira, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro de Vigo, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e organizada pola Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.
Ourense: exposición Escritores ourensáns retratados por Isidro Conde Corbal
Convocatoria Un milladoiro para Corcoesto, dentro da III edición de Enarborar o Bosque
O
sábado 1 de xuño terá lugar a III edición de Enarborar o Bosque en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, con recitais poéticos, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre. Os organizadores, Delio Sánchez, de Factoría DELIdeas, e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, convocan explicitamente a levar versos escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que se montará unha instalación adicada á protección de Corcoesto e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto. Tamén se pode enviar a pedra ao Apartado 223, C. P. 15660, de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.
Máis información aquí, ou tamén no evento creado en facebook.


