A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores expresa a súa solidariedade e o seu apoio ao escritor en lingua galega Carlos Callón ante as ameazas recibidas

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, composta por entidades autorais de todo o Estado que representan a case 9.000 escritoras/es e tradutoras/es, quere expresar o seu pleno apoio á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na defensa do escritor e activista Carlos Callón ante os ataques á súa persoa e a unha das súas obras nas redes sociais galegas.

A Conferencia fai súa a actitude da AELG, debido á gravidade das ameazas, nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e Historias LGBT da Idade Media non poderá ser presentado.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores manifesta o seu apoio ao acto creativo e tamén ás achegas realizadas para a análise da diversidade e as identidades de xénero. Os posíbeis desacordos nunca poden conter ameazas, e as opinións diversas nunca poden buscar o silencio e a uniformidade.

A liberdade de expresión e de creación é un ben esencial das sociedades democráticas e está consagrada no artigo 20 da Constitución actual.

A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fortalece os nosos sistemas literarios. O achegamento á historia, intentando iluminar o esquecido, o oculto e o prohibido, será sempre motivo de alegría e debate para as nosas letras.

Desde a Conferencia saudamos un texto que quere investigar a diversidade e a identidade de xénero na historia e expresamos a nosa máis rotunda condena a quen buscan o silencio e o medo como instrumentos de debate, facendo uso da confrontación, a descualificación e o acoso.

Fan parte da Conferencia as seguintes entidades:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadito Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).

Crónica videográfica do Congreso de Narrativa 2024 (V)


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, tivo lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

– Peche musical A Lingua do Eléctrico, por Lois Pérez.

Crónica videográfica do Congreso de Narrativa 2024 (IV)


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, tivo lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

– Mesa redonda A narrativa galega máis nova: temas, enfoques e perspectivas.
Relatoras/es: Sica Romero, Fabio Rivas e Alba Guzmán. Moderación de Xosé Monteagudo.

Crónica videográfica do Congreso de Narrativa 2024 (III)


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, tivo lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

– Mesa redonda O mundo na palma dunha man.
Relatoras/es: Marica Campo, Érica Esmorís e Fina Casalderrey. Moderación de Beatriz Maceda:

Crónica videográfica do Congreso de Narrativa 2024 (II)


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, tivo lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

– Mesa redonda Moito conto: contar o mundo que soñamos.
Relatoras/es: Lara Dopazo Ruibal, Xabier Paz, Xurxo Borrazás e Santiago Jaureguizar. Moderación de Xavier Queipo.

Crónica videográfica do Congreso de Narrativa 2024 (I)


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, tivo lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña.

Aquí pode verse a crónica videográfica, da que publicamos hoxe o seguinte vídeo:

Presentación do Congreso e mesa redonda Outras narrativas: historias e relatos na rede, na prensa e no audiovisual: con Cesáreo Sánchez Iglesias, María Yáñez, Ismael Ramos, Álvaro Gago e Berta Dávila:

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Bernardino Graña, o noso Presidente de Honra

Bernardino Graña, primeiro presidente da AELG, nomeado Socio de Honra en 1996 e Presidente de Honra en 2021, poeta, narrador e dramaturgo, inmensamente prezado por todas e todos nós, finou o 18 de xaneiro de 2025.

Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi catedrático de lingua e literatura en secundaria, até a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. No ano 2010 ingresou na Real Academia Galega, recibindo o Premio da Cultura Galega en 2021 e o recoñecemento como Fillo Predilecto de Cangas 2022 por parte do Concello da súa vila natal.

O seu caudal creativo alimenta varios ríos que fornecen camiños fecundos para a nosa lingua e literatura desde hai máis de 60 anos, tal e como pode verse no seu espazo no Centro de Documentación da AELG.

Esta foi a extensa e completa entrevista sobre a súa traxectoria literaria realizada en 2009, dispoñíbel na nosa web nesta ligazón.

Entrevista extensa arredor da súa obra con Francisco Xosé Fernández Naval

Xa está dispoñíbel na Videoteca da web da AELG a entrevista extensa arredor da súa obra con Francisco Xosé Fernández Naval. Pode verse tamén aquí:

Entrevista extensa arredor da súa obra con Felipe Senén

Xa está dispoñíbel na Videoteca da web da AELG a entrevista extensa arredor da súa obra con Felipe Senén. Pode verse tamén aquí: